Un climograma é un gráfico de dobre entrada no que se representan as temperaturas e as precipitacións dun lugar ao longo dun ano.
Exemplo:
Un climograma dános a información necesaria para saber o clima dunha localidade.
Tipos de climas e a súa representación
Lembrade que no voso póster deberedes realizar un climograma e identificar o tipo de clima representado. O que vas aprender a continuación é fundamental!
Na seguinte táboa reflíctense os principais tipos de climas:
TIPOS DE CLIMA
ZONA
TEMPERATURA
PRECIPITACIÓNS
CLIMA
CLIMAS CÁLIDOS
Todos os meses máis de 18° C de media.
Precipitacións abundantes e regulares. Sen estación seca.
ECUATORIAL
Precipitacións irregulares cunha estación seca.
TROPICAL
Precipitacións moi escasas.
DESÉRTICO
CLIMAS TEMPERADOS
Algúns meses máis de 10° C e algúns meses menos de 18° C de media.
Precipitacións abundantes e regulares, aínda que diminúen no verán.
OCEÁNICO
Precipitacións case inexistentes no verán. Escasas no outono e na primavera.
MEDITERRÁNEO
Precipitacións escasas e concentradas no verán.
CONTINENTAL
CLIMAS FRÍOS
Todos os meses menos de 10° C de media.
Precipitacións moi escasas e case sempre de forma sólida.
POLAR
Precipitacións moi abundantes.
ALTA MONTAÑA
Lectura facilitada
Tipos de clima:
Climas cálidos: son 3.
1. Clima ecuatorial:
Todos os meses teñen máis de 18°.
As precipitacións son abundantes e regulares.
2. Clima tropical:
Todos os meses teñen máis de 18°.
Ten precipitacións son irregulares.
Teñen unha estación seca.
3. Clima desértico:
Todos os meses teñen máis de 18°.
As precipitacións son moi escasas.
Climas temperados: hai 3.
1. Clima oceánico:
Ten temperaturas suaves.
Algúns meses pasan dos 18°.
As precipitacións son abundantes e regulares.
2. Clima mediterráneo:
Ten temperaturas suaves no inverno.
Ten temperaturas altas no verán.
No clima mediterráneo as precipitacións son moi escasas no verán.
3. Clima continental:
Ten temperaturas altas no verán.
Ten temperaturas moi baixas no inverno.
Ten precipitacións escasas.
Chove no verán.
Climas fríos: distinguimos 2
1. Clima polar:
Ten temperaturas moi baixas.
Ten precipitacións moi escasas.
As precipitacións danse no verán.
2. Clima de montaña:
Ten veráns moi frescos.
Ten invernos moi fríos.
As precipitacións son moi abundantes.
Son frecuentes as precipitacións en forma de neve.
Audio
Representación dos climas: climogramas ou diagramas ombrotérmicos
Para identificar un clima é preciso dispor dos datos de dúas variables climáticas: temperatura media mensual e precipitación media mensual. Lembra que se precisa a media dos datos de 30 anos de observación.
Estes datos termopluviométricos (relativos á temperatura e á precipitación) represéntanse en gráficos chamados climogramas. Existen diferentes variantes, pero unha moi sinxela é o diagrama ombrotérmico, no que se representa a temperatura media mensual cunha liña e a precipitación media mensual con barras. Se a escala usada para a precipitación é o dobre que a usada para as temperaturas, pódese ver a simple vista cales son os meses húmidos e cales son os secos: un mes é seco se a barra de precipitacións supera a liña de temperatura; é subhúmido ou subseco se queda máis ou menos á altura desa liña; e é un mes seco se queda claramente por debaixo dela. Ollo! Isto só funciona se se cumpre esa proporción entre as escalas. É o primeiro no que hai que fixarse ante un diagrama deste tipo.
Lectura facilitada
Os climogramas son gráficos climáticos.
Nos climogramas represéntase a evolución de temperaturas e precipitacións.
Ten en conta que...
Considéranse...
Mes cálido: aquel cunha temperatura media igual ou superior a 22°.
Mes frío: temperatura media igual ou por debaixo de 6°.
Inverno suave: mes máis frío con medias entre 8 e 10°.
Verán fresco: ningún mes con máis de 22° de media.
Clima chuvioso: máis de 800 mm de precipitacións ao ano.
Clima seco: menos de 200 mm de precipitacións ao ano.
Lectura facilitada
Considéranse...
Mes cálido: aquel cunha temperatura media igual ou superior a 22°.
Mes frío: temperatura media igual ou por debaixo de 6°.
Inverno suave: mes máis frío con medias entre 8 e 10°.
Verán fresco: ningún mes con máis de 22° de media.
Clima chuvioso: máis de 800 mm de precipitacións ao ano.
Clima seco: menos de 200 mm de precipitacións ao ano.
Audio
Pautas para o deseño dun climograma
Elaborade unha caixa con dous eixos verticais e cun eixo horizontal.
No eixo vertical esquerdo representade as temperaturas (°C); no dereito, as precipitacións (mm) e, no horizontal, dividido en 12 partes iguais, os meses do ano.
Agora observade os datos ofrecidos e reparade no valor das temperaturas máximas e mínimas que teredes que representar. Despois, facede o mesmo coas precipitacións para poder escoller as escalas axeitadas, tendo sempre en conta que os valores das precipitacións deben ser o dobre que os das temperaturas (a unha temperatura de 10° corresponderanlle 20 mm de precipitacións).
Seguidamente representade na gráfica o valor mensual das precipitacións mediante barras.
Finalmente o das temperaturas. Poñede un punto co valor axeitado no centro do mes correspondente. Posteriormente xuntádeos cunha liña.
Lectura facilitada
Elabora unha caixa para o gráfico.
A caixa terá dous eixos verticais e un eixo horizontal.
No eixo vertical esquerdo representade as temperaturas (°C).
No eixo vertical dereito representade as precipitacións (mm).
No eixo horizontal indicade os meses do ano.
Os valores das precipitacións serán o dobre que os das temperaturas.
O eixo horizontal dividirase en 12 partes iguais.
Representarás as precipitacións mediante barras.
Representarás as temperaturas mediante unha liña.
Audio
Cunha camiseta chega: os climas cálidos
OS CLIMAS CÁLIDOS
Clima ecuatorial
O clima ecuatorial caracterízase por:
Temperatura constante e alta todo o ano.
Precipitación moi abundante e repartida ao longo de todo o ano.
Non existen estacións: todo o ano hai o mesmo tipo de tempo cálido e húmido.
ÁREAS DOS CLIMAS ECUATORIAIS
CLIMOGRAMA ECUATORIAL
Clima tropical
O clima tropical caracterízase por:
As temperaturas son cálidas todo o ano.
Hai dúas estacións: unha húmida e unha seca. A húmida é a estación de temperaturas máis altas, e a seca, en cambio, é a de menores temperaturas (mesmo así seguen sendo altas).
Na zona tropical a precipitación vai diminuíndo a medida que aumenta a distancia co ecuador.
ÁREAS DOS CLIMAS TROPICAIS
CLIMOGRAMA TROPICAL
Clima desértico
O clima desértico caracterízase por:
As temperaturas medias son altas.
As oscilacións térmicas diarias son moi considerables.
Precipitacións moi escasas.
ÁREAS DOS CLIMAS DESÉRTICOS
CLIMOGRAMA DESÉRTICO
Lectura facilitada
OS CLIMAS CÁLIDOS
Clima ecuatorial
O clima ecuatorial ten temperatura constante e alta todo o ano.
O clima ecuatorial ten precipitacións moi abundantes e igualmente repartidas ao longo de todo o ano.
No clima ecuatorial non existen estacións.
Clima tropical
No clima tropical as temperaturas son cálidas todo o ano.
No clima tropical hai unha estación seca e unha estación húmida.
Na zona tropical a precipitación diminúe ao separarnos do ecuador.
Clima desértico
No clima desértico as temperaturas son altas.
No clima desértico as precipitacións son moi escasas.
No clima desértico as oscilacións térmicas son moi altas.
Audio
Xa fai falta a chaquetiña: os climas temperados
OS CLIMAS TEMPERADOS
Clima oceánico
O clima oceánico caracterízase por:
A precipitación é elevada, superior aos 800 mm ao ano.
As precipitacións diminúen no verán, que aínda así é bastante chuvioso.
As temperaturas de inverno son suaves, pola proximidade do océano.
Os veráns son frescos: a temperatura media do mes máis cálido é inferior a 22°C.
ÁREAS DOS CLIMAS OCEÁNICOS
CLIMOGRAMA OCEÁNICO
Ollo! No hemisferio sur o verán ten lugar nos meses que para nós son de inverno, e viceversa. Vemos que os meses máis chuviosos son de maio a agosto, pero se te dás conta é cando as temperaturas son máis baixas: alí é inverno.
Clima mediterráneo
O clima mediterráneo caracterízase por:
A precipitación é baixa, en xeral por debaixo dos 600 mm.
As precipitacións diminúen moito no verán, que é unha estación seca.
As temperaturas de inverno son suaves, pola proximidade do mar.
Os veráns son cálidos: a temperatura media do mes máis cálido é superior a 22°C.
ÁREAS DOS CLIMAS MEDITERRÁNEOS
CLIMOGRAMA MEDITERRÁNEO
Novamente fíxate que no hemisferio sur o verán e o inverno están invertidos con respecto ao hemisferio norte.
Clima continental
O clima continental caracterízase por:
A precipitación total anual é escasa, en xeral por debaixo de 600 mm.
O inverno é seco, e o verán é a estación húmida.
Os veráns poden ser cálidos (temperatura media mensual por riba dos 22°C) ou frescos (temperatura media mensual por debaixo dos 22°C).
Os invernos son moi fríos, tipicamente con temperaturas medias mensuais baixo cero.
ÁREAS DOS CLIMAS CONTINENTAIS
CLIMOGRAMA CONTINENTAL
Lectura facilitada
OS CLIMAS TEMPERADOS:
Clima oceánico:
No clima oceánico as precipitacións son elevadas (800 mm ao ano ou máis).
No clima oceánico o verán é bastante húmido.
No clima oceánico as temperaturas son suaves todo o ano.
Ten en conta que... no hemisferio sur o verán ten lugar nos meses que para nós son inverno!
Clima mediterráneo:
No clima mediterráneo a precipitación é baixa (normalmente por debaixo dos 600 mm).
No clima mediterráneo as precipitacións diminúen moito no verán.
No clima mediterráneo as temperaturas de inverno son suaves.
No clima mediterráneo os veráns son cálidos (máis de 22°C).
Clima continental:
No clima continental a precipitación é escasa (menos de 600 mm).
No clima continental o inverno é seco.
No clima continental a estación húmida dáse no verán.
No clima continental hai veráns moi cálidos, pero tamén poden ser frescos.
No clima continental os invernos son moi fríos.
Audio
Pon un chaquetón: os climas fríos
OS CLIMAS FRÍOS
Clima polar
O clima polar caracterízase por:
As precipitacións son moi escasas, porque nos casquetes polares dominan as altas presións. Só aumenta a precipitación nas costas das latitudes próximas aos círculos polares.
A temperatura é fría todo o ano: no verán ascenden as temperaturas, pero sen superar os 10° C de media mensual.
ÁREAS DOS CLIMAS POLARES
CLIMOGRAMA POLAR
Clima de montaña
Nas montañas o clima vaise modificando coa altitude. Na base, as montañas teñen o clima das áreas que as rodean; pero os valores das variables climáticas vanse modificando conforme se gaña altitude, porque:
Aumenta a precipitación.
Diminúe a temperatura.
CLIMOGRAMA DE MONTAÑA
Para ver como as montañas modifican o clima podemos tomar o exemplo de Motril e Pradollano (Granada), dúas localidades separadas por menos de 50 km en liña recta: coa altitude chove máis e as temperaturas son moito máis baixas.
CLIMOGRAMA DE MOTRIL (Cidade costeira)
CLIMOGRAMA DE PRADOLLANO (2507 m)
Lectura facilitada
CLIMAS FRÍOS
Clima polar
Nos climas polares as precipitacións son moi baixas.
As temperaturas son moi baixas todo o ano.
Clima de montaña
Nas montañas o clima vaise modificando coa altitude.
Nas montañas aumenta a precipitación cando aumenta a altura.
Nas montañas diminúen as temperaturas cando aumenta a altura.