Dámoslle á lingua?
Como vimos antes, no primeiro chanzo faremos unha lectura da obra que imos ter que representar, Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Mais, antes diso, imos reflexionar e practicar sobre como lemos. Lese todo tal cal? Pronunciamos correctamente os diversos sons cando convertemos un texto escrito en palabras orais?
Fíxate nestas anotacións e practica!
AO / AOS

A contracción da preposición a e mais o artigo o / os escríbese ao / aos (ou ó/ ós), mais a súa lectura sempre é como un O aberto [ɔ] (podes escoitalo no Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega).
Xa a levan ao lombo
Ao mellor que?
Ten en conta tamén que non se pronuncia igual, por exemplo:
O campo [o] (artigo, podes escoitalo no Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega)
Ao campo [ɔ]
O mellor [o] (artigo, podes escoitalo no Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega)
Ao mellor [ɔ]
X

Fíxate ben na pronuncia do x segundo as palabras. Lembra que se pode pronunciar de dúas maneiras diferentes. Unha a de palabras como axiña, xogan ou linguaxe [ʃ] e outra a de exame, taxi ou relax [ks].
Escoita estes exemplos no Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega:
Podes practicar lendo estas frases de Os vellos non deben de namorarse:
Axiña ides ver unha farsa en tres lances.
Onde xogan o amor e a morte de tres vellos imprudentes.
Cando xa a levan ao lombo.
Este vídeo do DígochoEu pódeche axudar a mellorar a túa pronuncia do x!
N

A letra n tamén se pode pronunciar de varias maneiras. Namorarse vs. unha. Fíxate ben como se pronuncia nestes audios do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega: unha ou algunha, por exemplo. Pois así é como se pronuncia tamén o -n final de palabra cando despois vai unha vogal, como, por exemplo, nestas frases da obra que podes practicar:
Pon a man no peito.
Pero ela ten ollos.
Non é certo.
Pero, ollo, porque por exemplo con:
Non / Quen / Nin + o / a / os / as + verbo
o -n xúntase a ese artigo, á vogal seguinte. Polo tanto, pronúnciase como en neno ou bonito.
Podes practicar coas seguintes frases:
[Pronúnciase como en neno en]
Por que non o fixeches?
Pois non o pareces
[Pronúnciase como en unha en]
Hoxe non aparece pola casa
Que me leve a min o demo
Encontros

Fíxate que na pronuncia se dan outros encontros de palabras, como por exemplo os que podemos ver nestas frases da propia peza teatral (Podes escoitar os exemplos do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega):
Todos os (tódolos).
Podería sandar o meu corazón (sandalo meu corazón).
Onde foi poñer os ollos esa toliña (poñelos ollos).
Acaba de dar o recado (dálo recado).
Interrogativas

Lembra que nas oracións interrogativas, o ton ten que ir descendendo, sen subirse ao final.
Podes practicalas con estas frases que imos atopar na propia obra:
Atreveríase el a falarme de casamento?
Quen me chama?
Tendes algo máis que preguntarme?
Neste vídeo do DígochoEu explícannos brevemente algunhas cuestións das interrogativas, entre elas a súa pronuncia:
