Saltar navegación

4. No teatro temos de todo!

Todas as artes nunha

O debuxo dun mozo pintando un graffiti

Ides dar un pasiño máis na preparación da vosa obra! E é que o teatro non só é que teña relación con outras disciplinas artísticas, senón que no teatro están todas as outras artes: a música, a pintura etc! 

No caso concreto de Os vellos non deben de namorarse, aínda con máis razón. Por un lado, porque na obra tamén se canta e o texto inclúe cancións como “Lela” ou a “Muiñeira de pandeiros”. E, por outro lado, como xa vimos, Castelao non só era escritor, senón que tamén destacaba como debuxante e pintor e disque dixo que esta non era unha obra do Castelao escritor, senón que era sobre todo unha obra do Castelao artista gráfico. E é que el mesmo fixo as máscaras dos personaxes, a escenografía ou a cartelaría.

Pois nestes elementos tedes que ir pensando vós tamén! Haberá que preparar algo de escenografía? Vestiario? Quen canta? Reflexiona no teu diario de aprendizaxe sobre estes aspectos.

Ah! E lembra que desde a fase 1 tes unha listaxe de cotexo para ir asegurándonos de todos os pasos (aquí en formato .pdf e aquí en formato .odt editable).

Lectura facilitada

Imos dar un pasiño máis na preparación da obra de teatro.

O teatro non só ten relación con outras artes.
No teatro están todas as artes xuntas:
a música, a pintura, e moitas máis!

No caso da obra Os vellos non deben de namorarse, isto vese moi claro.

Na obra tamén se canta.
Hai cancións como “Lela” ou a “Muiñeira de pandeiros”.

Castelao non só escribía.
Tamén era debuxante e pintor.
El mesmo dicía que esta obra non era só de Castelao escritor, senón sobre todo artista.

El mesmo fixo:

as máscaras dos personaxes,
a escenografía (decorados),
e a cartelaría (os carteis).

Agora pensade vós tamén neses elementos.

Fará falta facer decorados (escenografía)?
E vestiario?
Quen vai cantar?

Escribe no diario de aprendizaxe o que penses sobre isto.

Xa outras/os o fixeron antes

Como xa imos avanzando na preparación do reto, aquí podedes ver distintos fragmentos de representacións de Os vellos non deben de namorarse, por se vos fan xeito para tirar ideas, ver escenografías e vestiarios, fixarse nas interpretacións etc.

Arriba á esquerda temos unha representación da obra completa por parte do Centro Dramático Galego e á dereita a posta en escena do Primeiro lance por parte do alumnado do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

Abaixo á esquerda unha representación de monicreques e á dereita o Epílogo escenificado por alumnado do colexio San Xosé de Pontevedra.

Finalmente, enriba destas liñas, temos a escenificación dun fragmento por parte do Patronato da Cultura Galega de Montevideo.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)