Os vellos non deben de namorarse é un drama de Castelao.
Premeditado
Definición:
Que está pensado ou planificado previamente.
Exemplo:
O asasinato foi premeditado.
Dramaturgo/a, que é iso?
Tendo en conta que un escritor ou unha escritora pode dedicarse a calquera dos subxéneros literarios, reflexiona no teu diario de aprendizaxe sobre quen será un dramaturgo ou dramaturga. Ben seguro que pensades nos dramas, pero, que entendemos por drama?
Que características teñen os textos que crea un dramaturgo ou unha dramaturga?
Cal é o fin último destes escritos?
Están pensados para a súa representación?
Deben contar con notas que nos permitan saber como e onde teñen lugar os acontecementos?
E ti, cres que serás quen de te converteres en dramaturgo/a?
Audio
Mans á obra!
Sóache a regra 55-38-7? Pois, segundo explica o psicólogo Albert Mehrabian, só o 7% do potencial do que comunicamos recae nas palabras. O outro 93% recae na comunicación non verbal! E desta parte, o 55% é o peso da linguaxe corporal e o 38% do uso da voz (ton, timbre…).
Así que, para comunicarse de maneira efectiva, fíxate que importante é a linguaxe non verbal! As mans, a mirada, os xestos, os movementos do corpo…, todo conta. Por iso, atende a estes consellos e recomendacións.
En parellas, ide despregando as lapelas unha a unha e descubrindo as propostas!
Na pel do/a personaxe
Ten en conta que no teatro non es ti quen fala, é o teu personaxe. Polo tanto, intenta descubrir como é, cal é o seu carácter, e actúa como el/ela.
É riquiño/a? É un toxo? É inseguro/a? É serio/a? É moi ansioso/a? Sexa como sexa, coñéceo/a ben, descubre o seu carácter e ponte na súa pel.
Espontaneidade
Obviamente, non podes ler. Pero sen ler, tamén se pode estar transmitindo (polo ritmo e monotonía) falta de espontaneidade. Polo tanto, é importante transmitir con frescura, como se estiveses a falar con normalidade (non lendo nin trasladando un texto “chapado”).
Mirada
Disque a mirada é o reflexo da alma. Sexa como for, cos ollos podemos transmitir moito: alegría, sufrimento, tristeza, entusiasmo, odio… Podedes xogar en parellas a transmitir sentimentos cos ollos, a ver se a outra persoa adiviña!
Cando fas unha exposición na clase ou cando falas diante dun auditorio, tes que mirar ao público, a quen lle estás a falar. Polo tanto, non podes ter a mirada perdida no fondo nin podes estar mirando ao chan. No teatro non é exactamente igual, pois depende da situación, do diálogo etc., pero ten en conta que, en xeral, o importante é que mires sempre directamente a quen te dirixes. Así, pois, se estás nun diálogo, debes mirar á persoa ou persoas coas que estás a falar.
Xestos
Na cara temos 43 músculos cos que podemos facer, e facemos, unha chea de xestos para comunicar. E a cara é un claro reflexo das nosas emocións. De feito, seguro que moitas veces recoñeces perfectamente pola cara de alguén se esa persoa está triste, contenta ou enfadada.
E é que para comunicar podemos usar a fronte, as cellas, as pupilas, os ollos, os beizos, a boca, a lingua…
Por exemplo, se viras a cabeza cara a un lado amosas incredulidade, se botas a lingua é que te estás a burlar de alguén, se inflas un pouco as meixelas e sopras estás a indicar que estás farta/o de algo ou de alguén, se mordes o beizo inferior amosas dúbida, se mordes forte e apertas a mandíbula amosas enfado ou tensión… E xa só cos ollos podes amosar sospeita (entrecerrándoos), complicidade (chiscándoo) ou sorpresa (abríndoos moito).
Vaia, canto podes dicir coa túa cara!
Mans
Coas mans e cos brazos tamén comunicamos moito. Por exemplo, nunha exposición oral, na presentación dun proxecto etc., utilizamos as mans para darlle continuidade ao discurso, para ordenar as ideas ou para sinalar, por exemplo.
Pero ademais diso, cómpre ter en conta que a través das mans e dos brazos amosamos apertura, recepción, confianza ou todo o contrario fronte ás demais persoas. Os brazos cruzados poden ser unha barreira conversacional, se o estiramos cara adiante queremos amosar máis distancia ou separación dun perigo. Mais, se os brazos están relaxados e as palmas das mans abertas, a persoa (ou personaxe) está relaxada e aberta a propostas, a suxestións ou á simpatía das persoas que ten diante.
E as mans case teñen vida propia: podemos apertalas para amosar tensión, amosar o puño para ameazar ou amosar forza, sinalar co dedo índice, levar unha man ao queixo como xesto de interese, pasala pola fronte para amosar susto ou cansazo, xogar co cabelo ou cun obxecto para amosar nerviosismo… Poden aplaudir, negar, chamar, tapar a cara, a boca, os ollos ou as orellas, facer o xesto de roubar, térmolas nos petos, facer o xesto de estaren atadas etc.
Voz
A intensidade, o ritmo e o ton de voz tamén comunican moito.
O primeiro que tes que ter en conta cando falas é que as persoas ás que te dirixes teñen que oírte ben, iso está claro. Pero a intensidade, o volume da voz, tamén se usa para transmitir sentimentos ou situacións. Para berrarlle a alguén, para amosar enerxía, para amosar cansazo ou para amosar cariño xogamos con distintas intensidades e tons de voz.
Tampouco é indiferente o ritmo. Non podes falar demasiado rápido e que non te entendan nin demasiado lento e que aburras demasiado. Mais o ritmo tamén pode amosar ansiedade, nerviosismo ou relaxación.
Por suposto, tes que vocalizar ben e saber modular e cambiar as intensidades e os ritmos para adaptarte ás diversas situacións.
Así que ten en conta todo isto para comunicar ben e, sobre todo, para saber en cada momento o que o teu personaxe ten que transmitir.
Lectura facilitada
O psicólogo Albert Mehrabian di que só o 7% do potencial do que comunicamos recae nas palabras.
O 93% recae na comunicación non verbal (linguaxe corporal e voz).
Así que, para comunicar ben, todo conta.
Atendede a estes consellos para comunicar o mellor posible
NA PEL DO/A PERSONAXE
No teatro non es ti quen fala. É o teu personaxe.
Descubre como é e actúa como el ou ela.
ESPONTANEIDADE
Non podes ler.
É importante transmitir con frescura, como se estiveses a falar con normalidade.
MIRADA
Non podes falar coa mirada perdida no fondo nin podes estar mirando ao chan.
No teatro depende da situación, pero ten en conta que o importante é que mires sempre directamente a quen te dirixes.
XESTOS
Na cara temos 43 músculos cos que facemos unha chea de xestos para comunicar.
A cara é un claro reflexo das nosas emocións.
Seguro que moitas veces recoñeces perfectamente pola cara de alguén se esa persoa está triste, contenta ou enfadada.
Para comunicar coa cara podemos usar a fronte, as cellas, as pupilas, os ollos, os beizos, a boca, a lingua…
Se viras a cabeza cara a un lado amosas incredulidade.
Se botas a lingua é que te estás a burlar de alguén.
Se inflas un pouco as meixelas e sopras estás a indicar que estás farta ou fato de algo ou de alguén.
Se mordes o beizo inferior amosas dúbida.
Se mordes forte e apertas a mandíbula amosas enfado ou tensión…
Xa só cos ollos podes amosar sospeita (entrecerrándoos), complicidade (chiscándoo) ou sorpresa (abríndoos moito).
MANS
Coas mans e cos brazos tamén comunicamos moito.
Nunha exposición oral utilizamos as mans para darlle continuidade ao discurso, para ordenar as ideas ou para sinalar.
A través das mans e dos brazos amosamos apertura, recepción, confianza ou todo o contrario fronte ás demais persoas.
Os brazos cruzados poden ser unha barreira conversacional.
Se estiramos os brazos cara adiante queremos amosar máis distancia ou separación dun perigo.
Se os brazos están relaxados e as palmas das mans abertas, a persoa está relaxada e aberta a propostas.
As mans podemos apertalas para amosar tensión.
Podemos amosar o puño para ameazar ou amosar forza.
Podemos sinalar co dedo índice.
Podemos levar unha man ao queixo como xesto de interese.
Podemos pasar a man pola fronte para amosar susto ou cansazo.
Podemos xogar co cabelo ou cun obxecto para amosar nerviosismo.
As mans poden aplaudir, negar ou chamar.
Podemos tapar a cara, a boca, os ollos ou as orellas.
Podemos facer o xesto de roubar, térmolas nos petos, facer o xesto de estaren atadas etc.
VOZ
A intensidade, o ritmo e o ton de voz tamén comunican moito.
As persoas ás que te dirixes téñenche que oír ben.
A intensidade, o volume da voz, tamén se usa para transmitir sentimentos ou situacións.
Para berrarlle a alguén, para amosar enerxía, para amosar cansazo ou para amosar cariño xogamos con distintas intensidades e tons de voz.
Non podes falar demasiado rápido e que non te entendan nin demasiado lento e que aburras demasiado.
O ritmo tamén pode amosar ansiedade, nerviosismo ou relaxación.
Tes que vocalizar ben e saber modular e cambiar as intensidades e os ritmos para adaptarte ás diversas situacións.
Ten en conta todo isto para comunicar ben.
Audio
Mudamos de pel
Imos agora practicar a nosa capacidade interpretativa e de comunicación non verbal con estes catro sinxelos exercicios:
1. Transmitir coa cara
En parellas, unha persoa debe transmitir coa súa cara (expresión dos ollos, da boca…) un dos seguintes sentimentos e a outra debe adiviñalo.
Alegría
Odio
Aburrimento
Entusiasmo
Tristeza
Sufrimento
Dúbida
Cansazo
Sospeita
2. Transmitir con xestos
En parellas, unha persoa debe facer un xesto para cada unha das seguintes frases e a outra debe adiviñar que está querendo transmitir.
Está riquísimo!
Falamos despois.
Teño fame.
Estou vendo o que fas.
Teño sono.
Ven aquí.
Moi ben!
Mándame un whatsapp despois.
Bailas?
Pódeme traer a conta, por favor?
Vaite de aquí!
Vou durmir.
Dóeme a barriga.
3. Transmitir coas mans
Agora só coas mans, tamén en parellas, unha persoa debe usalas para representar as seguintes frases e a outra debe adiviñar que está querendo transmitir.
Isto é un roubo!
Apártate de min!
Quieto/a aí!
Roubárono.
Que susto!
Prefiro non ver.
Eu vou estar caladiño/a e non digo nada.
Uf! Por pouco!
Cheira mal!
Non quero escoitar.
Moléstame ese ruído.
4. Transmitir coa voz
E imos finalmente coa voz. Unha persoa ten que ler a seguinte frase pero cos diferentes tons ou estados de ánimo indicados. A ver se o fai ben e a outra persoa os adiviña.