Saltar navegación

1. Comezamos a finxir

 

Glosario

Dote

Unha cara sorrinte

Definición:

Característica positiva e destacada dunha persoa.

Exemplo:

A dote de Xiao é facer sorrir.

Facer as beiras

Un corazón vermello cunha frecha que o atravesa


Definición:

Intentar namorar a alguén.

Exemplo:

A rapaza faille as beiras ao seu compañeiro.

Lance

Un crebacabezas de cores

Definición:

División interna dunha peza teatral.

Exemplo:

Os vellos non deben de namorarse componse de tres lances.

Leria

O debuxo de dúas persoas falando

Definición:

Conversa informal.

Exemplo:

Déixate de tanta leria e ponte a traballar.

Proposta de reto

QUERES NAMORAR?

Un edificio con dúas máscaras dentro

Sabías que o amor e a lingua están moi relacionados? Pois cando lle queres facer as beiras a alguén tes que establecer diferentes tipos de diálogo para captar a atención da persoa que queres conquistar.

O proceso de conquista non é sinxelo, precísase ter varias dotes:

  • Ser un pouco teatreiro ou teatreira.
  • Ser bastante colaborativo/a.
  • Ter ganas de leria.

Para ver as claves do proceso de namoramento propoñémosche o seguinte reto: serás quen de converterte nunha das personaxes namoradas de Os vellos non deben de namorarse? Serás quen de namorar do teatro?

Lectura facilitada

Sabías que o amor e a lingua teñen moito que ver?

Cando queres ligar con alguén, é importante saber falar e comunicarse ben.

Así podes chamar a atención da persoa que che gusta.

Pero conquistar a alguén non é fácil. Precisas ter algunhas habilidades:

Ser un pouco actor ou actriz.

Saber traballar en equipo.

Ter ganas de divertirte ou de falar moito.

Imos propoñerche un reto:

Serías capaz de meterte no papel dunha persoa namorada da obra Os vellos non deben de namorarse?

Animaríaste a namorar tamén do teatro?

Cal é a meta do noso reto?

Para pór en marcha a representación da obra de teatro de Os vellos non deben de namorarse ides ter que:

  • Facer tantos grupos como lances.
  • Adaptar a obra ás vosas posibilidades.
  • Recadar a información necesaria sobre o autor, vestiario, espazo etc.
  • Transformarte nunha actriz ou actor e chegar a saltar á escena.

Que pasos temos que seguir no noso reto?

Chanzos para construír o noso reto:

  • 1ºchanzo: lectura guiada da obra de teatro.
  • 2ºchanzo: análise do texto e da historia.
  • 3ºchanzo: adaptación da obra ás nosas posibilidades.
  • 4ºchanzo: reparto dos papeis dos personaxes.
  • 5ºchanzo: ensaios.
  • 6ºchanzo: representación da obra de teatro no salón de actos (ou espazo axeitado) do centro na última semana do REA.

Que acadaremos co noso reto?

Unha persoa chegando á meta dunha carreira

Unha vez que teñas o reto, isto é, a obra de teatro realizada serás capaz de:

  1. Participar activamente na planificación dunha peza teatral.
  2. Interpretar as intencións dos personaxes e os propósitos comunicativos, tendo en conta o grao de formalidade da situación da peza teatral.
  3. Procurar información sobre a obra que se traballa, o seu autor e a súa época.
  4. Contrastar e procurar información coa finalidade de elaborar un xogo interactivo de preguntas e respostas.
  5. Realizar unha lectura expresiva e posterior dramatización da obra, tendo en conta os mecanismos implicados na oralidade.
  6. Coñecer as características do xénero dramático.
  7. Identificar na obra teatral os principais elementos desta.
  8. Coñecer e identificar algúns dos temas e tópicos máis frecuentes na literatura.

Listaxe de cotexo para o cumprimento do reto

Man facendo o xesto de ok

Para termos claro todo o que temos que ir facendo ao longo do proceso, e para ir marcando se xa está feito, se está en proceso ou se está por facer, tede á man sempre esta listaxe de cotexo (aquí en formato .pdf e aquí en formato .odt editable).

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)