Saltar navegación

4.1. Entrando polos ollos

 

Glosario

Escenografía

Un actor e unha actriz sobre un escenario

Definición:

Deseño do escenario e conxunto dos elementos necesarios nas escenas dun espectáculo teatral.

Exemplo:

A escenografía desta obra de teatro fíxoa o alumnado de 1º.

Meme

O cartel dunha bebida de cacao

Definición:

Imaxe (debuxo, foto…) acompañada dun texto curto asociado (unha ou dúas frases) con finalidade humorística e que se difunde principalmente a través da rede.

Exemplo:

Un dos memes máis populares é o de Drake.

Viral

O debuxo dun virus

Definición:

Que se espalla moi rápido e chega a moita xente (coma os virus, en sentido figurado), sobre todo a través das redes sociais.

Exemplo:

O vídeo que publicou fíxose viral.

Sorrisos e bágoas

O debuxo dunha persoa chorando de risa

Como xa fuches vendo, Castelao definiu Os vellos non deben de namorarse coma unha obra imaxinada por un pintor e non por literato. Así quería el manifestar a importancia que lle daba aos aspectos visuais, como a iluminación, as máscaras, o vestiario, os decorados etc. 

As artes están todas relacionadas, e en Castelao aínda máis, sobre todo tendo en conta que era escritor, pero tamén artista visual. E na súa obra gráfica tamén están as dúas principais liñas temáticas das súas creacións literarias: o humor e a denuncia social.

En todas as súas obras literarias, tanto nas narrativas como na teatral coa que estamos traballando, o humor está moi presente, e a denuncia social tamén. Con respecto ás obras gráficas, unhas mesturan esas dúas liñas, mais outras retratan os horrores e inxustizas da Guerra Civil (sufrimento, morte, dor, abusos…), pero xa sen humor.

Sexa como for, haxa sorrisos ou haxa bágoas, en toda a obra escrita de Castelao hai imaxes asociadas ao texto e creadas por el e en todos os debuxos de Castelao hai textos creados por el e asociados ás imaxes.

Queres ver algúns deses debuxos? Colle o teu caderno e compara 10 imaxes destes tres álbums e identifica en cales cres que hai humor e en cales cres que non.

Lectura facilitada

Castelao dicía que a obra Os vellos non deben de namorarse foi imaxinada por un pintor e non por un escritor.

Con isto, quería dicir que para el era moi importante o que se ve no teatro: a luz, as máscaras, a roupa, os decorados...

Todas as artes están relacionadas. Castelao era escritor e tamén artista visual.

Nas súas obras gráficas (debuxos) tamén aparecen os dous temas principais das súas historias escritas: o humor, e a denuncia social (crítica ás inxustizas).

Nos seus contos e nas súas obras de teatro, hai humor e crítica social. Nos debuxos, tamén.
Outras veces, cando fala da Guerra Civil,
amosa cousas moi duras: dor, morte, sufrimento, abusos...

Neses casos, xa non hai humor.

En todos os textos escritos por Castelao hai imaxes feitas por el.
E en todos os seus debuxos, hai textos seus que os acompañan.

Agora é o teu turno!
Queres ver algúns debuxos de Castelao?

Colle o teu caderno.
Mira 10 imaxes destes tres álbums:

Álbum Nós
Galicia Mártir
Atila en Galicia

E responde:

En cales cres que hai humor?
En cales cres que non hai humor?

Os nosos memes

Unhas mans debuxando a lapis

Un meme é unha imaxe (debuxo, foto…) acompañada dun texto curto e orixinal asociado (unha ou dúas frases) con finalidade humorística. Salvando as distancias, non atopas moitas similitudes entre moitos dos debuxos humorísticos de Castelao e os memes? Ademais, os de Castelao tamén foron e son ben virais!

E é que as obras Cousas da vida e Álbum Nós están compostas por debuxos acompañados dun texto curto asociado con finalidade humorística. Ademais de nos álbums que viches antes, podes ver moitas destas creacións nesta selección de Afundación ou nestoutra selección (.pdf) de Cousas da vida feita no IES Avelina Valladares da Estrada.

E agora tócache a ti facer un meme! Para iso tes tres opcións. Escollas a que escollas, o resultado ten que ser humorístico, respectuoso e lingüisticamente correcto.

Opción 1: Meme sobre lingua

O debuxo dunha boca botando a lingua

Sobre quen cre que o galego “non é fino”? Sobre a incorrecta colocación dos pronomes por parte dalgúns políticos? Sobre a necesidade de usar máis a nosa lingua? Sobre quen pensa que non hai música de todos os estilos en galego? Pensa, discorre e a través dalgunha destas tres ferramentas, crea o teu meme sobre lingua!

  • I❤IMG (Xerador de memes subindo ti unha imaxe).
  • Image Resizer (Xerador de memes a partir dalgunhas das imaxes dos memes máis famosos).
  • Imgflip (Xerador de memes a partir dalgunhas das imaxes dos memes máis famosos).

Opción 2: Meme de tema libre

O debuxo dunhas mans rachando unhas esposas

De deporte? Sobre algo que acontece nos recreos? Sobre o longas que son as clases? Pensa, discorre e a través dalgunha destas tres ferramentas, crea o teu meme sobre o tema que ti queiras!

  • I❤IMG (Xerador de memes subindo ti unha imaxe).
  • Image Resizer (Xerador de memes a partir dalgunhas das imaxes dos memes máis famosos).
  • Imgflip (Xerador de memes a partir dalgunhas das imaxes dos memes máis famosos).

Opción 3: Meme cun debuxo de Castelao

Autorretrato de Castelao

O tema desta opción tamén é libre, mais debes escoller un debuxo de Castelao e pensar ti o texto asociado. Para iso, podes usar unha das imaxes de Castelao que tes en Afundación ou no blog Castelao na rede e despois convertela en meme a través de: 

  • I❤IMG (Xerador de memes subindo ti unha imaxe).
  • Imgflip (Xerador de memes a partir dalgunhas das imaxes dos memes máis famosos).

Unha vez que toda a clase faga o seu meme e qu ea profesora ou profesor os revise, podedes proxectalos e comentalos na clase. Para iso podedes usar esta listaxe de cotexo (aquí en formato .pdf e aquí en formato .odt) para que cada alumno/a a teña en conta na creación do seu meme e tamén para que, despois, se poida utilizar para avaliar (por parte do/a profesor/a), autoavaliar (por parte do/a propio/a alumno/a) ou coavaliar (por parte doutro/a(s) alumno/a(s).

Lectura facilitada

Un meme é unha imaxe que vai acompañada dun texto curto e orixinal.
Normalmente é unha ou dúas frases, e a súa intención é facer rir.

Parécense moito os debuxos de Castelao a algúns memes actuais?
Moitos dos seus debuxos eran humorísticos e tamén moi compartidos,
coma os memes de hoxe en día!

As obras de Castelao chamadas
Cousas da vida e Álbum Nós
teñen debuxos con textos curtos e graciosos,
igual ca os memes.

Ademais das imaxes dos álbums que xa viches, podes ver máis exemplos nestas seleccións.

Agora tócache a ti facer un meme!
Tes tres opcións para elixir, pero escollas a que escollas, o teu meme debe ser:

divertido,
respectuoso,
e correcto en galego.

Cando todos e todas rematedes os vosos memes e a profesora ou profesor os revise,
poderedes proxectalos na clase e comentalos en grupo.

Para iso podedes usar unha listaxe de cotexo.

Esa listaxe serve para:

crear o meme,
avaliar o traballo doutros/as,
avaliarse a un/unha mesmo/a,
ou avaliar entre compañeiros/as.

Que cartel!

Unha persoa sentada nun escritorio e debuxando sobre unha pantalla, cun ordenador

O teatro é literatura pensada para ser representada. Polo tanto, pensada para que o público vaia á representación. E, para iso, hai que facer publicidade. Anunciar a obra. Así que, toca facer o cartel! (como vedes, seguimos relacionando artes!)

Falade coa profesora ou co profesor de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e acordade con el/ela como facelo (se manual ou dixital, con que técnica etc.), mais tede e conta os seguintes aspectos:

  • Debe ser fácil de visualizar. Polo tanto, non debe ter demasiados elementos e debe ter poucas palabras.
  • Tede en conta a información básica que non pode faltar, e xerarquizádea ben:
    • Título da obra.
    • Curso e grupo que a representa.
    • Día, hora e lugar.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)