Lela, Lela

Na escena II do Lance Primeiro temos a que se presenta como “a vella cántiga de estudantes” coñecida como “Lela”. Mais, na realidade, o autor deses versos é o autor do resto da obra: Castelao. E na escena IV do Lance Segundo temos a “Muiñeira dos pandeiros”. Vaia, en definitiva, que a propia obra teatral tamén inclúe cancións.
E seguimos así relacionando artes.
No caso de “Lela”, podemos dicir que conseguiu converterse nunha icona da música galega, e fíxose tan coñecida que en moitas ocasións chegou a considerarse unha canción popular. Mais non é así. A letra é de Castelao e a música púxolla posteriormente Rosendo Mato.
Nos seguintes vídeos, a modo de exemplo, podes ver diversos/as intérpretes que a cantaron en diferentes ámbitos e espazos, desde concertos a programas de televisión a nivel internacional.
Queres ver a letra de Lela?
E, obviamente, nós na clase tamén nos imos atrever a cantala, verdade? Hai que ir ensaiándoa para o día da representación! Aquí tedes a letra completa:
LELA
Están as nubes chorando
por un amor que morreu.
Están as rúas molladas
de tanto como choveu.
Lela, Lela,
Leliña por quen eu morro,
quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos.
Non me deixes
e ten compasión de min.
Sen ti non podo,
sen ti non podo vivir.
Dáme alento das túas palabras,
dáme celme do teu corazón,
dáme lume das túas miradas,
dáme vida co teu dulce amor.
Lela, Lela,
Leliña por quen eu morro,
quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos.
Non me deixes
e ten compasión de min.
Sen ti non podo,
sen ti non podo vivir.
Os vellos non deben de namorarse, Lance primeiro, escena II
Lectura facilitada
Na escena II do Lance Primeiro da obra,
aparece unha canción chamada “Lela”,
presentada como unha vella canción de estudantes.
Pero en realidade,
os versos desa canción son de Castelao,
o mesmo autor da obra.
Na escena IV do Lance Segundo,
aparece outra canción:
a “Muiñeira dos pandeiros”.
Así que, como ves,
esta obra de teatro tamén inclúe música.
E seguimos relacionando distintas artes:
literatura, música, teatro...
No caso de “Lela”,
esta canción fíxose moi famosa.
Tanto, que moita xente pensou que era unha canción popular antiga.
Pero non é así.
A letra é de Castelao,
e a música foi composta máis tarde por Rosendo Mato.
Nos vídeos seguintes,
poderás ver diferentes persoas que cantan “Lela”
en moitos lugares distintos:
en concertos, en programas de televisión,
mesmo a nivel internacional.

