Como xa sabes a literatura é a arte de expresar sentimentos, ideas ou historias co uso da palabra, buscando en todo caso provocar emocións, pensamentos, entretemento etc.
Cando a temática é recorrente dáse lugar a motivos ou tópicos literarios. Na presentación seguinte aparecen os máis habituais na literatura galega [preme sobre a imaxe para descargala].
Serás quen de...?
Como vimos dicindo, hai temas e motivos que se repiten sucesivamente, dando deste xeito lugar a tópicos. Na presentación móstranse os máis habituais, pero, serás quen de crear un debuxo ou imaxe que represente cada un deles?
Ten en conta que Castelao facía debuxos para representar cousas cotiás (algúns deles podes velos nesta selección da Fundación Obra Social Abanca). En parellas, seredes quen de facer unha representación gráfica ao estilo das do autor que mostren o Carpe Diem? E o Ubi Sunt?
Lectura facilitada
Na literatura hai ideas que aparecen moitas veces.
Estas ideas repítense en diferentes libros e autores.
Cando isto pasa, chámanse tópicos.
Na presentación podes ver os tópicos máis coñecidos.
Agora, imos pensar noutra cousa:
- Ti serías capaz de facer un debuxo para representar cada un destes tópicos?
Audio
Hai tópicos en Os vellos non deben de namorarse?
Agora imos ir máis aló, tras a primeira lectura de Os vellos non deben de namorarse, colle o teu caderno e...
Serás quen de dicir algún dos tópicos literarios que nel se poden mostrar?
Que lles pasa a Lela e ao Boticario que nos pode lembrar un motivo recorrente na nosa literatura?
Ten en conta que debes xustificar a túa resposta, explicando o motivo polo que ves cada un deles.