Identificamos os verbos
Agora imos poñer en práctica os contidos que estivemos traballando. Escolle a opción que prefires.
Agora imos poñer en práctica os contidos que estivemos traballando. Escolle a opción que prefires.
Le as oracións, localiza o verbo e escribe o seu infinitivo.
Nesta táboa faltan moitos datos, complétaa.
Arrastra cada verbo ata o seu contedor.
Agora imos traballar en grupo para poñer a proba os nosos coñecementos. Lede o seguinte texto e a continuación elaborade os seguintes documentos:
1. Facede unha ficha de lectura na que identifiquedes o tipo de texto, o autor ou autora e a obra.
2. Buscade todos os verbos que aparecen, dicide cal é o seu infinitivo e cal é a conxugación á que pertencen.
3. Localizade os verbos que van unidos ao pronome persoal e separádeos.
A PRIMEIRA RELACIÓN CON XAQUÍN E DON SIMÓN
Chegou o luns. O Suso colleu a carteira, axustoulle a correaxe e botouna ó lombo. Era unha carteira dura, entesada, poida que de coiro de boi vello. Tiña unha fibela, un ferrete para pasarlle candado e tres divisións.
Tan foncho ía que semellaba o mensaxeiro dun rei ou algo así. Os que se cruzaban con el e os que o vían pasar dende o agro abaneaban a cabeza e facían comentos, pois endexamais viran un carteiro tan novo. Andou os mesmos lugares que andara con seu pai catro días antes. Non esquecera nin os atalliños. Todo tiña para el un encanto, menos a corredoira fonda, que lle poñía os pelos de espeto. Maxinábase atafegado por ela, esmagado, talmente coma se estivese nunha campa. Algo así. Logo, dixo para o seu chaleco unha frase que ouvira: "Un home non é unha ovella, nin un pucho de figos". Sorriu, e acabouse o grimo.
Ah, pero cando xa estaba deixando a corredoira, unha man apreixoulle o ombreiro esquerdo. Virouse, e outra man tapoulle os ollos. Deu un berro. Sentiuse pucho de figos e ovella, e de canto hai... As pernas tremíanlle coma xostras. Ata que se atopou libre e viu que de par del, cun riso de amigo, estaba don Simón, o mestre, que ía para a escola.
-¿Colliches medo, Suso?
-Pois, si, non vou negarllo -dixo o rapaz, engruñándose un chisco.
-Xa souben que a teu pai lle deron a estafeta. O que non me tiñan dito é que ti serías o carteiro. ¡Moi ben!
Así falando, canearon xuntos o resto do camiño. O Suso tivo que espelirse para ir ó paso de don Simón, home de perna longa e andar agudo.
Despedíronse na Encrucillada.
-Toma, para que te entreteñas-dixo o mestre, ó tempo que poñía nas mans do rapaz un libro moi feituco. ¡Eran os contos dos irmáns Grimm!
O Suso agradeceu e sentou a ler nun roleiro. O motor do serradoiro seguía alá embaixo co seu teimoso "pla, pla, pla".
Non tardou en chegar o vello Xaquín montado nun faco. Xa tiña noticia de que se atoparía co Suso. Sacou as cartas dunha alforxa. deullas, e volveron cada un polo seu camiño.

Adiante e colle o teu diario de aprendizaxe!
Como sempre contesta reflexiona sobre o que aprendiches e como te sentiches.
Cres que escoitar os demais é importante?
Cres que interromper cando estás en desacordo cunha idea é necesario?
Pensas que é útil coñecer diferentes tipos de textos non literarios?
Como relacionas o que aprendiches sobre os topónimos e os xentilicios coa contorna onde vives?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0