Saltar navegación

3.4. Seguimos coñecendo o verbo

 

Glosario

Oración

Frase

Definición:

Conxunto de palabras que teñen sentido completo.

Exemplo:

Comín unha mazá vermella.

Núcleo do predicado

Centro

Definición:

Parte máis importante do predicado dunha oración.

Exemplo:

O verbo é o núcleo do predicado.

Verbo, e iso que é?

Imaxe que amosa os pictogramas de varios verbos: asubiar, ir e romper.

Cando falamos empregamos palabras que se refiren a accións, ás cousas que facemos. Son os verbos. Os verbos son a parte máis importante do predicado das oracións, por iso dicimos que son o núcleo do predicado.

O verbo é unha clase de palabras que empregamos para expresar o que acontece pero ademais do significado propio de cada verbo danos outro tipo de información importante.


Imos localizar o verbo na seguinte oración: Lara come bocadillos.

Análise da oración: Lara come bocadillos

Proba agora a dicir esa mesma oración eliminando unha das tres palabras que a forman. Que ocorre?

Eliminamos o substantivo propio "Lara"

Come un bocadillo.

Neste caso enténdese a mensaxe perfectamente. O verbo come xa nos di que alguén de quen se fala come mazás.

Eliminamos o substantivo "bocadillos" 

Lara come....

A oración segue tendo sentido, aínda que nos falta información: sabemos que Lara come pero non sabemos o que come.

Eliminamos o verbo "come"

Lara .... un bocadillo.

Neste caso, ao eliminar o verbo, a oración deixa de ter sentido, deixa de ser unha oración. Iso quere dicir que o verbo é o núcleo do predicado.

Lectura facilitada

O verbo é unha clase de palabra que empregamos para expresar o que acontece, as accións que se realizan.

Sen verbo non hai oración, teríamos unha serie de palabras sen sentido.

Imos localizar o verbo na seguinte oración: Lara come bocadillos.

Nesa oración temos un substantivo propio, Lara; un verbo, come; e un substantivo común, bocadillos.

Proba agora a dicir esa mesma oración eliminando unha das tres palabras que a forman. Que ocorre?

Se eliminamos o substantivo propio "Lara" a oración segue tendo sentido.

Eliminamos o substantivo "bocadillos" a oración tamén ten sentido.

Se eliminamos o verbo "come" entón a oración deixa de ter sentido.

O verbo, o núcleo do predicado, iso quere dicir que é a palabra máis importante do que se quere dicir.

Os verbos son palabras variables

Ata agora vimos como as diferentes clases de palabras podían estar en singular ou en plural, en masculino ou en feminino, é dicir, varían en xénero e número. O verbo non varía en xénero (o can come e a cadela come) pero varía en tempo, número, persoa e modo.  Ademais podemos clasificar os verbos en tres conxugacións.

Lectura facilitada

Para nomear os verbos ou para buscalos no dicionario empregamos o infinitivo.

O infinitivo é a palabra a partir das que se forman os resto de formas verbais.

Exemplo: o infinitivo de comeu é comer; o infinitivo de andei é andar.

O verbo non varía en xénero (o can come e a cadela come) pero varía en tempo, número, persoa e modo. 

Ademais podemos clasificar os verbos en tres conxugacións:

Primeira conxugación: verbos cuxo infinitivo remata en AR como andar.

Segunda conxugación: verbos cuxo infinitivo remata en ER como comer.

Terceira conxugación: verbos cuxo infinitivo remata en IR como subir.

Os verbos poden estar en primeira persoa ( eu/ nós), en segunda persoa (ti/vós) ou terceira persoa (el-ela/eles/elas)

Os verbos poden estar en singular (eu, ti, el/ela) ou en plural (nós, vós, eles/elas)

Como buscamos un verbo no dicionario?

Para nomear os verbos ou para buscalos no dicionario empregamos o infinitivo. O infinitivo é a palabra a partir das que se forman os resto de formas verbais.

Desta maneira, non podemos buscar no dicionario rompeu, temos que buscar romper. Tampouco podemos buscar xantaron, temos que buscar xantar.

Preme sobre esta ligazón para ver o que nos amosa o Dicionario da RAG se buscamos rompeu.

Preme sobre esta ligazón para ver o que nos amosa o mesmo dicionario se buscamos romper.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)