Saltar navegación

Programando

Vamos ver como podemos levar isto ao noso sistema en PD permitíndonos secuenciar movementos de elementos electro mecánicos a través de Arduino.

Imos aproveitar e reutilizaremos moito do aprendido nos apartados anteriores. En calquera caso, aparte de que explique como programar un patch que funcione como secuenciador usando PD para que entendas o proceso e te familiarices máis coa lóxica deste programa, ao final poderás descargar o secuenciador xa feito por se queres usalo sen necesidade de ter que programar. Non obstante lembra que coñecer algo sobre como funciona darate liberdade para adaptalo ao teu gusto.

O primeiro que faremos é crear de novo un metrónomo que irá conectado a un contador funcionando en bucle.

Aquí tes unha imaxe de como sería.

Imaxe dun contador controlado por metrónomo para o noso secuenciador

Temos un obxecto metro que se activa mediante un toggle (interruptor) na súa entrada esquerda. Ademais ten valor por defecto de 1000ms (un segundo) pero que podemos modificar dependendo do número que poñamos na caixa número conectada á súa entrada dereita.

Cada vez que metro manda un pulso entra no obxecto f (float), un obxecto que almacena números, concretamente poden ser decimais. Este está conectado en bucle coa caixa de operación matemática + 1 (a saída de f á entrada dereita de + 1 e a saída deste á entrada esquerda de f).

Deste xeito, cada vez que o metro dille ao f que mande o seu valor este increméntase en 1. Empeza en 0, envía 0 e lle suma 1 almacenando o resultado no obxecto f. Logo cando metro manda outro pulso responde co número 1 ao que se lle suma outro un e almacena un 2, e así constantemente.

Logo disto pasa por mod que devolve o resto dunha división sen incluír decimais.

Por exemplo, se o dividimos por catro, cada catro valores empezará de novo en cero; 8/4, 12/4, 16/4... sempre serán 0 e 9/4, 13/4, 17/4... sempre serán 1.