Se quixéramos comprobar se realmente detecta ben o noso Arduino cando escollemos o porto tamén poderíamos crear outra caixa de mensaxe poñendo no seu interior set $1 e conectamos a saída dereita da caixa de arduino á súa entrada.
Agora conectamos dende o menú /Poner unha caixa de símbolo conectando na súa entrada a saída da mensaxe anterior.
Se reeditamos o patch e volvemos a reescribir, no noso caso, o número 2 que acompaña á palabra arduino no obxecto veremos que nesta nova caixa de símbolo, que amosa mensaxes, aparece StandardFirmata, confirmando que o está recoñecendo.
Lembra que terás que introducir o número correspondente ao porto do teu Arduino tal e como aparece no sistema na lista de devices.
Verás que as caixas de símbolo teñen o mesmo aspecto que as de número, pero nesta unidade so utilizaremos a de símbolo neste caso, para comprobar que o obxecto de arduino carga correctamente, as demais que vexas caixas similares serán de número.
Aquí podes descargar o patch completo se non queres escribilo. Lembra que terás que editalo para poñer na caixa de arduino o número do teu porto. Logo veremos como facer para que isto sexa máis sinxelo e dinámico mediante un selector de valores.
Aínda que podes descargalo sempre é recomendable que o fagas ti para familiarizarte co manexo do programa.
Na seguinte unidade aprenderemos a utilizar isto para controlar diferentes tipos de motores que nos servirán, ben para activar as túas ideas de instrumentos musicais ou para aplicar en instrumentos convencionais e experimentar con novas posibilidades tímbricas ou expresivas..