Saltar navegación

ORIXE DO CAMIÑO A FISTERRA-MUXÍA

MIRANDO CON LUPA

O Camiño a Fisterra-Muxía ten como peculiaridade que é o único bidireccional, con Santiago de Compostela non só como punto de partida, senón tamén como destino. Ademais, a ruta a Fisterra pódese proseguir ata Muxía (moi relacionada coa tradición xacobea pola devoción da Virxe da Barca), integrándose dúas das tradicións relixiosas máis populares de Galicia.

No seguinte mapa podes observar as distintas rutas do Camiño de Santiago en Galicia. Presta atención ao Camiño a Fisterra e sigue estas indicacións:

  • Selecciona na parte inferior da imaxe a amplitude de zoom x2 e o tamaño da lupa que precises.
  • Localiza o percorrido e toma nota das localidades máis importantes polas que pasa a ruta.
  • En qué provincia se enmarca este camiño?
  • Investiga cales son os concellos polos que pasa o Camiño a Fisterra.
Mapa dos Camiños de Santiago en Galicia Mapa dos Camiños de Santiago en Galicia

O CAMIÑO A FISTERRA-MUXÍA

O Camiño a Fisterra-Muxía é unha das rutas do Camiño de Santiago con máis tradición.

Dende época prerromana, esta zona era considerada como un lugar de grande espiritualidade en relación á súa localización no extremo máis occidental da terra coñecida, así como ao místico solpor que se aprecia dende o cabo.

Posteriormente, os romanos tiveron un importante asentamento no Promontorio Nerio, na zona próxima á actual Fisterra.

A Finis Terrae romana atravesou un proceso de cristianización grazas á súa vinculación coa tradición xacobea, así, dende época medieval os peregrinos a Compostela proseguían a súa viaxe ata Fisterra.

Sen dúbida, máis aló da importante devoción e sentir relixioso que tivo a ruta ao longo da historia, o Camiño a Fisterra está marcado por unha grande espiritualidade e natureza, tal e como podes ver no seguinte vídeo elaborado polo concello de Fisterra.

ACTIVIDADE: O ROUBO DO CÓDICE CALIXTINO

O Camiño a Fisterra está documentado por primeira vez no Códice Calixtino, a fonte histórica máis importante do Camiño de Santiago. Nel sinálase que os discípulos do apóstolo Santiago viaxaron ata Dugium (próximo a Fisterra) solicitando a autorización do legado romano (xeneral do exército) para enterrar o corpo do apóstolo en Compostela. Os discípulos foron perseguidos polos soldados romanos pero conseguiron fuxir, grazas á destrución da ponte de Ons. Este episodio explica a vinculación xacobea con Fisterra e relata as primeiras peregrinacións.

No verán do 2011, este libro foi roubado da catedral de Santiago. O suceso foi considerado coma o "roubo do século" polo seu valor historiográfico. Tal foi o impacto mediático da noticia que incluso se realizou unha miniserie producida pola televisión autonómica baseada neste feito.

A continuación, en grupos de 3 ou 4, lede a noticia El Códice Calixtino, la primera guía del Camino de Santiago e contestade ás seguintes preguntas:

  • De que época é o documento?
  • Quen escribiu este libro?
  • Con que técnica se escribiu?
  • Cantas copias hai no mundo?
  • Por que sería unha desgraza a perda deste documento?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0