Saltar navegación

Guía Didáctica para o profesorado

Esta secuencia didáctica incorpora un conxunto de obxectos dixitais de aprendizaxe que teñen como eixo temático o epílogo do Camiño de Santiago, isto é, o Camiño a Fisterra. 

As áreas de coñecemento vertebradoras son as Ciencias Naturais e Ciencias Sociais, polas súas posibilidades didácticas e a interdisciplinariedade e complementariedade que teñen entre si. A secuencia didáctica está deseñada para 1º curso da ESO, segundo a lexislación curricular vixente pero o seu carácter aberto permite a súa adaptación a outros niveis superiores. A vinculación desta proposta cos distintos bloques de traballos destas materias, detállanse ao longo desta guía didáctica.

Ademáis o deseño proposto, permite incorporar transversalmente contidos doutras áreas de coñecemento: Lingua e literatura, Educación Plástica, Educación Física, etc.

Km 0 no Cabo Fisterra
Marcos Perille. Km0 (CC BY-SA)

ORGANIZACIÓN DO PROXECTO

Cada apartado do proxecto conleva unha tarefa para traballar cos principais contidos do proxecto. A secuencia organízase en catro apartados principais:

  • Antes de comezar é un apartado concebido como introdución e motivación ao resto da secuencia didáctica. Para iso, incorpórase un vídeo de Fisterra e unha breve reflexión sobre os coñecementos previos do alumnado. Ademais, introdúcese o producto final da secuencia didáctica: unha exposición sobre o Camiño de Fisterra-Muxía. Neste apartado explícase a orixe do Camiño a Fisterra. Como actividade máis complexa, proponse unha procura, selección e análise de información en relación ao incremento no número de peregrinos e visitantes que está a ter esta ruta recentemente.
  • Preparemos a ruta! ofrece distintas actividades e tarefas en relación coa ruta a Fisterra que se poden levar a cabo na aula como paso previo á realización da camiñada. Partindo dunha concepción competencial, abordánse distintos aspectos relacionados coa localización xeográfica, cartografía e elaboración de materiais xeográficos, meteoroloxía, uso de terminoloxía científica, busca e selección de información en distintas fontes.
  • Camiñamos! é un apartado do proxecto deseñado con tarefas para realizar ao longo do camiño a Fisterra. Este traballo de campo céntrase en aspectos relacionados con distintos momentos históricos, conservación e protección do patrimonio, coa fauna e a flora propia desta zona de Galicia e a importancia do coidado do medio ambiente e o noso patrimonio histórico e natural.
  • A pegada do Camiño é o peche da secuencias didáctica que implica unha reflexión sobre o aprendido. Nesta parte propónse unha actividade de difusión das distintas tarefas levadas a cabo ao longo do proxecto. Para iso, a proposta é dunha exposición no centro educativo, compartindo co resto da comunidade escolar os coñecementos adquiridos.
  • Guía didáctica para o profesorado.

Cada un dos apartados segue un mesmo esquema de organización para que sexa doado para o alumnado estruturar a aprendizaxe. Comeza cunha revisión de coñecementos previos, segue a proposta de exercicios, actividades e a tarefa e pecha cunha reflexión do proceso da aprendizaxe.

CONCRECIÓN CURRICULAR

O presente proxecto deseñouse partindo dunha selección dos elementos do currículo que podían relacionarse coa proposta, co deseño de actividades de aprendizaxe, coa súa aprendizaxe e a avaliación dos mesmos. Deste xeito, abórdanse un grande número de aspectos do currículo vixente en Galicia para 1º ESO, tal e como se pode apreciar na concreción curricular proposta para este proxecto nas áreas de Ciencias Naturais e Ciencias Sociais.

  • Obxectivos de área. Co desenvolvemento deste proxecto contribúese ao cumplimento dos obxectivos da educación secundaria obrigatoria. Na concreción curricular referente a este proxecto non se especifican por seren dun carácter xeral para a etapa de ensino secundario.
  • Contidos. Os distintos tipos de contidos son enfocados sempre en relación á adquisición das distintas competencias. De tal xeito, os coñecementos serán unha parte fundamental da proposta. A selección de contidos levouse a cabo partindo do currículo galego vixente para 1º ESO pero, dado que é unha proposta flexible e aberta, pode adaptarse a outras materias e cursos.
  • Criterios de avaliación. Partiuse da selección de criterios de avaliación relacionados directamente coa proposta. A súa selección e concreción pódese apreciar na concreción curricular que se adxunta no apartado correspondente.
  • Estándares de aprendizaxe. Os estándares seleccionados para esta secuencia permitiron o deseño do recurso didáctico. A súa vinculación directa cos contidos e competencias facilita o proceso de avaliación simultáneo destes elementos. Os estándares de aprendizaxe curriculares seleccionados detállanse en relación coa proposta de aprendizaxe na que se traballan. 
  • Competencias. Toda a secuencia está deseñada dende un enfoque competencial, de tal xeito que todas as propostas de aprendizaxe  buscan activar e aplicar de forma integrada os coñecementos teóricos, co fin de realizar de forma axeitada as actividades e a resolución eficaz das tarefas propostas. Tívose presente a contextualización nunha contorna próxima dos recursos didácticos como punto de partida clave para a aprendizaxe. Esa práctica social relevante materialízase na consecución dunha exposición do Camiño a Fisterra.

Bota de bronce no cabo Fisterra
Marcos Perille. Bota de peregrino (CC BY-SA) 

AVALIACIÓN

Utilízanse diferentes instrumentos de avaliación ao longo da secuencia didáctica pero o profesorado poderá adaptalos ou incorporar outros que considere máis oportunos. A avaliación levarase a cabo mediante a observación e rexistro levada a cabo cos seguintes instrumentos de avaliacion.

  • Rexistro descritivo de tarefas.
  • Listaxe de control.
  • Rúbricas.
  • Caderno de bitácora. Ao longo da secuencia utilízarase a modo de portfolio.

Por outra banda, ademais da heteroavaliación por parte do profesorado, fomentarase a coavaliación entre o alumnado. A autoavaliación, coa rúbrica como peza clave, será fundamental ao longo da secuencia.

No último apartado o alumnado poderá avaliar con total liberdade a experiencia e o aprendido grazas ao proxecto. Será de grande utilidade para o profesorado pois as súas suxerencias servirán para a mellora e redefinición deste recurso didáctico.

TEMPORALIZACIÓN

Dado que a proposta aporta un deseño aberto e flexible, pódese adaptar ás necesidades propias de cada grupo de alumnado, de tal xeito que poden escollerse aquelas apartados que resulten máis interesantes, poñendo en práctica parcialmente a secuencia. Por tanto, a proposta na temporalización que facemos é simplemente unha orientación á hora de abordar este recurso didáctico.

A presente proposta didáctica está deseñada para desenvolvela ao longo de dezaseis sesións de clase aproximadamente. Cada sesión corresponde cun apartado da secuencia. Á hora de deseñar a actividade buscouse un equilibrio nas actividades e tarefas de cada sección para que a súa posta en práctica teña unha duración similar.

 

RECOMENDACIÓNS PARA O PROFESORADO

  • Este proxecto deseñouse coa premisa de obter un resultado aberto e flexible que se poida adaptar a calquera grupo de alumnado dun centro educativo galego. O profesorado poderá facer as modificacións oportunas para optimizar esta secuencia didáctica á hora da posta en práctica na realidade da súa aula.
  • A flexibilidade da proposta inclúe tamén a oportunidade de incorporar novas actividades que vaian xurdindo na posta en práctica. As aportacións do alumnado serán claves ao entender a proposta de forma viva, cambiante. A busca de recursos propios, fontes de información e ferramentas de traballo por parte dos estudantes é elemental en moitas actividades e tarefas da secuencia.
  • Para a posta en práctica do proxecto, non son necesarios requerimentos técnicos moi específicos. Será preciso un ordenador con acceso a internet e, de xeito recomendable, un encerado dixital. O feito de buscar un producto final no que prime o audiovisual, requerirá o uso de dispositivos móviles por parte do alumnado (no caso de non contar con eles, podería utilizarse unha cámara fotográfica).
  • Antes de comezar o proxecto será fundamental que o profesorado explique de xeito global a estrutura do mesmo,  así como os obxectivos da secuencia didáctica e o producto final conformado a partir das tarefas realizadas. O/a estudante coñecerá en todo momeno qué ten que facer, como e para que. O profesorado debe cerciorarse que o alumnado coñece de antemán como vai ser o proceso de avaliación, o que se vai avaliar, como e cando vai ser avaliados.
  • Ao longo do proxecto, suxírense distintas tipos de agrupamento para fomentar o traballo en equipo, en pequeno e gran grupo.
  • O caderno de bitácora é unha pedra angular no proxecto para que o alumnado poida reflexionar sobre o traballo e proxectos realizados, a modo de portfolio. Acompañará ao alumnado dende o inicio para poder expresar as súas dúbidas e expectativas, ao longo das tarefas para valorar o desenvolvemento das mesmas e ao rematar a secuencia para avaliar globalmente o proxecto e os progresos realizados.
  • Camiño no camiño
    Marcos Perille. Camiño no Camiño (CC BY-SA)

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0