ANTES DE COMEZAR
Este proxecto vainos amosar a beleza paisaxística e patrimonial do Camiño a Fisterra. Imos camiñar a reo pero... non vos preocupedes, o esforzo terá a súa recompensa!
No seguinte vídeo tedes un adianto das fermosas paisaxes das que poderedes desfrutar ao chegar ao destino, un lugar máxico bañado polas néboas e o temible Océano Atlántico. Isto é Fisterra!
QUE COÑECES DO CAMIÑO A FISTERRA?
Comezamos a nosa aventura!
De seguro, hai xa moitas cousiñas que xa coñeces da ruta a Fisterra. Tenta responder a estas preguntas comparando cos teus compañeiros/as. Toma nota das túas respostas e, ao rematar o proxecto, poderemos comprobar se as ideas previas eran acertadas.
- Cal é a orixe do Camiño a Fisterra?
- Por que ten tantos camiñantes esta ruta?
- En que época chegaron os primeiros peregrinos a Fisterra?
- Que tipo de paisaxe cres que predomina nesta zona?
O MEU CADERNO DE BITÁCORA
Os antigos navegantes levaban boa conta de todo aquelo que sucedía nas súas viaxes nos chamados cadernos de bitácora. Gardaban estas anotacións con moito coidado, pois aportaban unha información fundamental para as seguintes viaxes. Nós seguiremos o exemplo deses grandes viaxeiros, levando tamén un rexistro escrito de todo o relacionado co noso proxecto do Camiño a Fisterra.
Ao longo da nosa aventura elaboraremos un caderno viaxeiro que será o noso caderno de bitácora. Podemos utilizalo para os exercicios e actividades que se propoñen ao longo do proxecto. Ademais, nel escribiremos as sensacións, inquedanzas, dúbidas e aprendizaxes ao longo da nosa viaxe.
Podemos facer o noso caderno de viaxe de xeito dixital, mediante distintas formas de presentación, ou ben de xeito máis tradicional, dado que será máis doado levalo con nós e facer apuntamentos ao longo da ruta a pé.
MONTAREMOS A NOSA EXPOSICIÓN!
Con este proxecto aprenderemos moitas cousas do Camiño a Fisterra. Ao rematar esta andaina, teremos compartido moito cos nosos compañeiros e compañeiras de viaxe. Será o momento de facer partícipe da nosa experiencia ao resto da xente do noso contorno.
Organizaremos unha exposición estruturada nos distintos contidos abordados no proxecto. Iremos paso a paso, integrando nesa exposición o resultado das actividades e tarefas de cada apartado. Será fundamental o aspecto audiovisual. Non esquezas ter sempre a túa cámara a man!
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0