Saltar navegación

A RUTA QUE ESTÁ DE MODA

Ao longo dos últimos anos, a ruta do Camiño a Fisterra viviu un grande incremento de visitantes tanto nacionais como estranxeiros. Se vives preto desta ruta do Camiño, é posible que percibiras ese aumento ou que incluso coñezas alguén que se animase a levar a cabo esta camiñata. Cales serán os motivos polos que cada ano hai máis peregrinos nesta ruta?

ACTIVIDADE: RECORD DE PEREGRINOS

É bastante complexo coñecer con precisión e fiabilidade o número de peregrinos e turistas que van dende Compostela a Fisterra. Debemos ter en conta que este tramo do Camiño non está recoñecido pola Oficina do Peregrino por non consideralo relixioso e, por tanto, non se leva un reconto de peregrinos como no resto das rutas. Ademáis, o feito de ter a variante a Muxía, dificulta moito a cuantificación precisa de peregrinos. 

Unha das fontes máis fiables que podemos ter é o número de Fisterranas, un documento similar á Compostelana que recollen os peregrinos que rematan o camiño no Albergue Municipal de Fisterra. A pesar diso, debemos ter en conta que un gran número de peregrinos non recolle esa acreditación final.

Tentaremos facer un pequeno estudo da afluencia de peregrinos do Camiño Santiago-Fisterra. Nesta ocasión utilizaremos a prensa dixital como fonte de información para obter os datos que buscamos. Escollimos dous xornais galegos de distintos anos. Podes consultar os artigos premendo na ligazón.

En parellas, buscade e seleccionade nas fontes de información aportadas ou, de ser preciso, noutras que che parezan oportunas, os datos referentes á evolución de peregrinos a Fisterra nos últimos quince anos. Cos datos obtidos, elaborade unha gráfica lineal sinxela que podedes debuxar ou elaborar dixitalmente coa axuda dunha folla de cálculo. Sigue estes pasos:

  • Elaborade os eixes de coordenadas. No de ordenadas (vertical) debedes indicar a unidade de medida, neste caso número de peregrinos. Dividide o eixe de forma proporcional para manter a unidade de medida escollida. No eixe de abscisas (horizontal) indicaredes o período de tempo que imos representar, do 2000 ao 2015. Mantén a proporción entre os espazos.
  • Sinala os valores de visitantes na intersección de cada ano co número de peregrinos.
  • Une todos os puntos cunha liña para apreciar mellor a evolución. En función da curva resultante, podedes apreciar se o fenómeno evoluciona á alza, á baixa ou permanece estable.

REFLEXIONA: O IMPACTO DO CAMIÑO

Á vista dos resultados da gráfica que elaborastes sobre a afluencia de peregrinos e turistas nesta zona, reflexionade e debatide co resto do grupo:

  • Cal credes que é o impacto social nas zonas polas que pasa o Camiño Santiago-Fisterra?
  • Que consecuencias económicas ten para os concellos esta ruta de peregrinación?
  • Como afecta a importancia crecente da ruta ao patrimonio histórico desta zona de Galicia?
  • Inflúe positiva ou negativamente no patrimonio natural? Por que?

Toma nota das conclusions ás que chegastes. Cando rematemos o proxecto, podedes contestar novamente a estas preguntas e completar as vosas respostas.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0