Saltar navegación

FINIS TERRAE?

FIN DA TERRA?

Dende as civilizacións máis antigas, os humanos consideramos fundamental representar o espazo no que habitamos. Hoxe en día temos un amplo coñecemento do que é o noso planeta e podemos representalo de xeito moi preciso, grazas a sistemas sofisticados como os satélites. Na Idade Antiga o coñecemento do mundo era moi limitado. Desgraciadamente, non chegou a nós ningún documento orixinal da época clásica. Só contamos con distintos mapas medievais que interpretan a reducida visión que se tiña do mundo antes do Descubrimento de América.

Na seguinte imaxe podes ver unha proxección cónica do s. XV que representa os límites terrestres descritos por Ptolomeo na súa obra Geographia. Os nosos antepasados coñecían bastante ben Europa e os seus límites pero non o resto dos continentes. Contesta a estas preguntas, primeiro individualmente e despois contrastando as túas ideas cos teus compañeiros e compañeiras.

  • Por que non aparece representada América? E Oceanía?
  • Cres que África está representada de xeito similar aos límites que coñecemos actualmente? Por que?
  • Localiza Fisterra neste mapa medieval e comprenderás por que era considerada a fin da terra coñecida (Finis terrae en latín).

ACTIVIDADE: ESTÁN TOLOS ESTES ROMANOS!

Dicíamos que os os romanos crían que o cabo Fisterra era o punto máis occidental do mundo coñecido pero ... estaban no certo?

Debuxo de Obélix falando
Están tolos estes romanos. Marta Coria. (CC BY-SA). Imaxe xerada a partir de Jorge Mejía Peralta. Colorear Obélix dibujos infantiles (CC BY)

Hoxe en día contamos con grandes avances técnicos que nos permiten cartografar a Terra e localizar de maneira moi precisa distintos puntos do planeta. Grazas á lonxitude podemos coñecer a distancia dun punto ao meridiano de Greenwich e, por tanto, saber cal é o punto máis occidental ou oriental.

Nesta actividade, utilizaremos a función de Google Maps que nos indica dun xeito moi preciso a latitude e lonxitude do punto que desexemos. Podes consultar o seguinte titorial para saber como se fai:

Deberas localizar os nomes destes accidentes xeográficos e indicar as súas coordenadas xeográficas:

  • O punto máis occidental de Galicia.
  • O punto máis occidental da España peninsular.
  • O punto máis occidental da Península Ibérica.
  • O punto máis occidental de Europa.

CADERNO DE BITÁCORA

Esta é o último apartado da primeira sección do proxecto, Antes de comezar. Propoñémosche que adiques un tempo á reflexión do traballo respecto aos aspectos que estivemos a traballar. 

Abre unha nova sección no teu caderno de bitácora que se chame Antes de comezar. De xeito individual contesta as seguintes preguntas:

  • Que cousas aprendín sobre o Camiño a Fisterra? Que che gustou máis do aprendido?
  • Con quen aprendín? Como valoras o funcionamento do grupo?
  • Que recursos utilicei? Para que me serviron?
  • Cales foron as dificultades que me xurdiron? Que dúbidas teño? Quen pode axudarme a resolvelas?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0