HABELOS, HAINOS...
Tradicionalmente, os naturalistas e científicos facían enormes coleccións de animais para testemuñar a súa existencia, especialmente cando exploraban novos territorios. Algúns eran traídos vivos, moitos conserváronse en formol ou alcohol (invertebrados de corpo brando, anfibios, réptiles, etc.), outros, como certos insectos, craváronse con alfinetes en caixas e, finalmente, os grandes vertebrados e aves disecáronse e acumuláronse en museos e coleccións privadas.
Hoxe en día, salvo por motivos estritamente científicos (como certos plans para a conservación de especies), carece de sentido capturar animais vivos na natureza con fins como o coleccionismo. Nós, como estamos sensibilizados cos problemas ambientais e queremos minimizar o impacto do noso paso polo camiño, imos facer unha colección de fauna do mesmo xeito que faremos co herbario, virtual.
Ao longo do noso camiño resulta bastante complicado observar ao noso paso moitas especies de fauna, ben polos seus costumes (animais nocturnos) ou ben pola súa tendencia a fuxir das persoas, especialmente de grupos ruidosos. Por iso cómpre manter o máximo silencio posible camiñando e, ademais, estar atentos aos sinais e indicios da súa presenza. Observar pegadas, excrementos, plumas, restos dos seus alimentos (cunchas, ósos, eixos de piñas, etc.) permítenos confirmar a presenza de moitas especies sen necesidade de velas.
INDICIOS DE PRESENZA ANIMAL
Título: Pegada de can. Autor: Ordinata. Licenza: CC0. Ligazón: https://pixabay.com/es/huella-perro-barro-superficie-192852/
Título: Esterco. Autor: Vantagepointfl. Licenza: CC0. Ligazón: https://pixabay.com/es/estiércol-heces-excreciones-242540/
Título: Pluma de buho real. Autor: Canica. Licenza: CC-BY-SA. Ligazón: https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Pluma_de_buho_real.jpg#/media/File:Pluma_de_buho_real.jpg
Título: Conchas de bivalves. Autor: Bivalvia. Licenza: CC-BY. Ligazón: https://pt.wikipedia.org/wiki/Concha#/media/File:Bivalvia.jpg
Título: Esqueleto. Autor: Vperez. Licenza: CC0. Ligazón: https://pixabay.com/es/esqueleto-huesos-animales-cráneo-433340/
Título: Piñas. Autor: Emilio. Licenza: CC BY-SA. Ligazón: https://www.flickr.com/photos/molinodecerceda/3919502098/
TAREFA: CANTOS ANIMAIS ATOPAS?
Realizaremos fotografías de animais ou dalgunha proba da súa presenza. Fotografar certos animais cando camiñamos en grupo é complicado, cando non imposible. Poderemos valernos da nosa capacidade de observación e será suficiente con atopar pegadas, plumas, excrementos ou outros indicios que permitan identificar as distintas especies de fauna.
Propoñémosche a realización dun inventario dos animais que logres identificar no camiño, xa sexa por observación directa ou a través dos seus sinais.
EXEMPLO DE FICHA
Cada ficha dunha especie determinada incluirá:
- Grupo e nome científico (nome común?)
- Fotografía/s que permitan a identificación (poden ser de restos, pegadas, plumas, etc.).
- Localización aproximada, data e hábitat.
- Breve descrición.
- Nome do autor/a da determinación.
Podes seguir o seguinte exemplo para facer as fichas do teu faunario ou deseñar un modelo propio.
AVALIAMOS...
Para avaliar esta tarefa, utilizaremos un instrumento de avaliación que se chama rúbrica. Podes consultala antes de comenzar a actividade para coñecer o que se vai avaliar e cales son os niveis que debes acadar en cada apartado que se vai avaliar. Deste xeito será máis doado saber o que debedes conseguir exactamente co voso traballo.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0