COIDAMOS O NOSO!
Galicia ten un alto potencial turístico, non sempre ben aproveitado, que podería contribuir máis a compensar os problemas socioeconómicos tan presentes nos nosos días. Desafortunadamente, queda moito por facer e mellorar, empezando por frear o deterioro intenso e continuo que asola as nosas paisaxes e ecosistemas. En calquera parte da rexión, unha mirada formada e crítica permite detectar a nosa pegada na natureza, moitas veces xa irreversible.
Imos buscar información en distintas fontes, impresas e dixitais, sobre problemas medioambientais que afectan ao Camiño a Fisterra. Son moitos os aspectos que poderíamos estudar pero, nesta ocasión, centrarémonos en dous que afectan especialmente a zona a visitar: a lacra dos incendios forestais e os residuos de distintas orixes.
ACTIVIDADE: COLLE 3!
Ao longo de todo o Camiño a Fisterra decatámonos da problemática da vertedura incontrolada de lixos, tanto sólidos como líquidos. Pouco podemos facer, desenvolvendo este proxecto, contra este mal a grande escala, máis aló de concienciarnos e concienciar da súa magnitude. Os residuos de orixe doméstica, agro-gandeira ou industrial deben ser controlados e regulados polas distintas administracións públicas. Agora ben, non imos quedar como meros espectadores e, dentro das nosas posibilidades, faremos a nosa pequena aportación para evitar imaxes como esta.
Fai uns anos naceu na Mariña Lucense Coge3, un emprendedor e interesante proxecto que en pouco tempo se estendeu ao territorio nacional e internacional. Esta iniciativa consiste en que calquera persoa que realice unha actividade ao aire libre, retire da natureza 3 restos de lixo. Para dar difusión a estas accións, propoñen facer unha fotografía e compartila nos muros de Facebook ou Twitter.
O que nós imos facer, ademais da recollida a título individual, é fotografar zonas de verteduras incontroladas de lixo e marcalas no noso mapa como puntos negros.
TAREFA: ARDE GALICIA
Á hora de afrontar o tema dos incendios forestais, temos que separar claramente dous aspectos: a prevención e a extinción. A primeira e probablemente máis importante, a prevención, vai estreitamente ligada á concienciación xeral da poboación, e fará menos necesaria a segunda.
Se queremos facilitar a comprensión e mellorar os comportamentos que axuden na prevención dos incendios, debemos ter conciencia daquelo que podemos facer para evitalos. Con este obxectivo, elaboraredes un decálogo ou guía de boas prácticasque axuden a evitar ou reducir o impacto dos incendios forestais.
- Enumera dez medidas concretas para a prevencion de incendios forestais que calquera persoa poda realizar na vida cotiá. Anótaas no caderno de bitácora.
- Debate e acorda co resto do grupo aquelas dez medidas máis importantes, xa que formarán parte da exposición final.
A extinción de incendios é responsabilidade das administracións públicas e existen profesionais encargados dela. O único que está na nosa man é avisar ó teléfono gratuíto da Consellería de Medio Rural 085 canto antes, xa que unha pronta actuación pode significar unha grande redución do seu impacto.
As redes sociais son unha ferramenta que facilita enormemente tanto a concienciación da poboación como o seguimento dos incendios xa declarados. Temos para Galicia un bo exemplo, no que calquera persoa pode participar activamente, na seguinte ligazón:
QUE CHE SUXIREN ESTAS IMAXES?
QUE DEBEMOS CONSEGUIR?
A avaliación destas tarefas realizarase por medio dunha rúbrica. Con este instrumento de avaliación valoraranse a organización, o interese, os contidos abordados e a calidade do traballo. Para obter un bo resultado, é importante que consultes a rúbrica antes da elaboración da tarefa. Presta especial atención aos aspectos que serán tidos en conta para a cualificación final.
CADERNO DE BITÁCORA
Rematamos a camiñata! Mentres relaxamos as pernas debemos adicar un tempo a reflexionar o aprendido ao longo desta dura pero divertida andaina.

Walt Stoneburner. Write in Journal (CC BY)
Ademais das anotacións que fixeches ao longo da viaxe, contesta individualmente a estas cuestións:
- Que cousas aprendín? Que che gustou máis do aprendido?
- Con quen aprendín? Como valoras o funcionamento do grupo?
- Que recursos utilicei? Para que me serviron?
- Cales foron as dificultades que me xurdiron? Que dúbidas teño? Quen pode axudarme a resolvelas?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0