2.1.1 O son
O son
É a propagación de vibracións e enerxía que se transmite de forma lonxitudinal a través das moléculas dun medio, como pode ser o aire, desde a fonte de son ata o receptor.
Son fontes sonoras todos os aparellos, instrumentos ou elementos da natureza que xeran son. Todas as fontes sonoras xeran vibracións nalgún medio material. Por exemplo, a nosa voz xorde das vibracións das cordas vocálicas, as notas que emite unha guitarra prodúcenas as vibracións das súas cordas, estas vibracións empuxan as moléculas do aire máis próximas e estas ás seguintes, producíndose as ondas sonoras que se propagan en forma de esferas concéntricas arredor da fonte sonora.
Transmisión do son
O son necesita un medio material para a súa propagación. A velocidade de propagación do son é sempre a mesma nun mesmo medio, pero varía duns medios a outros, así é maior nos sólidos que nos líquidos, e nestes que nos gases.
A velocidade do son na auga é de 340 m/s, na auga de 1.500 m/s e no ferro duns 5130 m/s.
O son non se propaga no baleiro. Pódese verificar de xeito doado deixando sen aire a campá que cobre un espertador, xa que non se oirá son ningún cando funcione.
Reflexión do son
O son, como se transmite en liña recta, atopa obstáculos, como unha parede que non pode atravesar e volve reflectido en sentido oposto. Dous fenómenos debidos á reflexión do son, son o eco e a reverberación.
-
O eco: consiste na dobre percepción dun son, o orixinal e o reflectido, despois de bater cun obstáculo. Prodúcese se a distancia entre o foco emisor e o obstáculo é maior de 17 metros e o tempo que ten que transcorrer para que o oído humano perciba o dobre son é maior o igual a 0,1segundos.
-
A reverberación. Se entre o son emitido e reflectido transcorre menos dunha décima de segundo, o oído mestura ambos os sons, o que produce unha audición inintelixible e molesta. É o que ocorre en salas de cine e habitación grandes. Dise neste caso que a habitación ten mala acústica. As paredes deben recubrirse con materiais que eviten a reflexión do son, como madeira, cortiza ou fibra de vidro.
![]() |
|
Onda reflectida ao bater cun obstáculo |
![]() |
|
Reflexión do son e eco |
Algúns animais, como os morcegos e os golfiños, oriéntanse grazas á reflexión dos sons que emiten. Estes sons, que non son audibles polo oído humano (ultrasóns), reflíctense en paredes, insectos, redes de pescar…, e así poden detectalos. Deste xeito, estes animais deféndense, protéxense e aliméntanse.
Características do son
Os sons caracterízanse pola súa intensidade, o seu ton e o seu timbre.
-
Intensidade: foza ou volume con que se percibe un son. Débese á enerxía que transporta a onda. Mídese en decibeis e pode ser forte (volume alto) ou débil (volume baixo).
-
Ton: número de vibracións que se producen por segundo. Se o número de vibracións é pequeno, o son é grave (motor dun camión); se hai moitas vibracións o son é agudo.
-
Timbre: característica que permite distinguir dous sons do mesmo ton e da mesma intensidade. Polo timbre de voz, por exemplo, distinguimos que persoa é a que fala ou que instrumento emite a mesma nota.
Son e audición
A audición é a percepción das ondas sonoras propagadas polo espazo, que son captadas primeiro polas orellas, que as transmiten polos condutos auditivos externos ata que chegan ao tímpano e o fan vibrar. Estas vibracións xeran movementos na cadea de osos do oído medio (martelo, bigornia e estribo) para logo chegar á cóclea ou caracol. Aquí as ondas moven as células nerviosas do Órgano de Corti que, á súa vez estimulan o nervio auditivo. Así é que no órgano de Corti as vibracións se transforman en impulsos nerviosos que finalmente chegan á cortiza cerebral, onde son interpretadas como sensacións auditivas.
Aplicacións prácticas
Na actualidade usamos distintos aparellos baseados na produción de ultrasóns. Os ultrasóns son ondas sonoras cuxa frecuencia está por riba do espectro audible do oído humano. Empréganse nos seguintes aparellos:
-
Sonar.É un instrumento que usan os barcos para detectar a profundidade do fondo mariño ou obxectos, ou bancos de peixes. Emite ultrasóns que se reflicten no fondo ou no obstáculo. Polo tempo que tarda en captar o eco pódese determinar a distancia que separa o sonar do obstáculo. Úsase para estudos oceanográficos, barcos de pesca e militares (detección de submarinos), estudo xeolóxico do solo, etc.
-
Ecografía.Consiste en rexistrar os ecos ultrasónicos producidos polos órganos do corpo. Os ultrasóns inciden nunha zona do corpo e logo son reflectidos e recollidos nun aparello electrónico que analiza a posición dos tecidos e se visualizan nun monitor. Úsase en medicina por exemplo para o seguimento dos embarazos e para ver moitas zonas internas do corpo sen producir danos.
-
Litotricia. Consiste en utilizar ultrasóns de alta enerxía e curta duración (ondas de choque) para fragmentar cálculos renais e biliares, evitando a intervención cirúrxica.
![]() |
![]() |
|
Ecografía de feto de 14 semas |
Exploración con sonar |
Actividades propostas
S6. Que ten que ocorrer para que se produza o son?
S7. Cite fontes sonoras naturais e artificiais.
S8. Que é o son?
S9. Canto percorre o son en 10 segundos nunha atmosfera de CO2 (v= 260 m/s)?
S10. Por que dicimos que o son transporta enerxía?
S11. Que fenómenos se producen por consecuencia da reflexión do son? Explíqueos.
S12. Sinale a propiedade que nos permite distinguir o son dunha guitarra do son dun piano, ou a voz do profesor da dun compañeiro da clase.
S13. Que son os ultrasóns? Que aplicacións prácticas teñen?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0




