2.4 Resumo de contidos
A independencia dos Estados Unidos
- A independencia das trece colonias británicas de América do Norte en 1776 supuxo a aparición do primeiro Estado liberal da historia, os Estados Unidos de América. En 1787 redactaron a primeira Constitución escrita da historia, precedida dunha Declaración de Dereitos, onde ficaba garantida para todos os cidadáns toda unha serie de liberdades (de expresión, de reunión, de relixión, de prensa, etc.) e dereitos.
A Revolución Francesa
- Pode considerarse o inicio dunha nova etapa histórica: a Idade Contemporánea. Provocou transformacións radicais (supresión do sistema señorial, proclamación de liberdades e da igualdade de todas as persoas ante a lei, establecemento dun Estado constitucional e parlamentario, baseado na soberanía nacional) e supuxo o inicio da fin do Antigo Réxime.
- A Revolución Francesa foi un proceso complexo, con varias etapas: monarquía constitucional, república democrática, república burguesa e imperio napoleónico. Os revolucionarios tiveron que facer fronte ás forzas absolutistas, tanto no interior como no exterior, que querían manter os privilexios que posuían durante o Antigo Réxime.
O liberalismo
- Na segunda metade do século XIX o mapa político europeo mudou, consolidándose o liberalismo político. É o triunfo da burguesía sobre os grupos privilexiados do Antigo Réxime. Non foi un proceso nin lineal nin fácil. As sucesivas vagas de movementos revolucionarios (1820, 1830 e 1848), cada unha coas súas características, contribuíron a extensión dos réximes liberais en Europa. Para a fin definitiva das monarquías absolutas do Antigo Réxime haberá que agardar ata a Primeira Guerra Mundial.
- Os Estados liberais defenden o principio da soberanía nacional (o poder reside no pobo), a división de poderes, co Parlamento exercendo o poder lexislativo, e a existencia dunha Constitución escrita, que recolle os dereitos de todos os cidadáns.
A crise do Antigo Réxime e a construción do réxime liberal en España
- A invasión francesa de 1808 desencadeou a crise do Antigo Réxime en España. As Cortes reunidas en Cádiz redactaron a primeira Constitución da historia de España, a de 1812.
- O reinado de Fernando VII.
– O escaso apoio popular dos liberais permitiu a Fernando VII reinstaurar o absolutismo tras a expulsión das tropas napoleónicas: Sexenio Absolutista (1814-1820).
– En 1820, a alianza entre os sectores máis liberais do exército e os opositores ao absolutismo deu paso ao Trienio Liberal (1820-1823).
– A invasión dun exército estranxeiro, Os Cen Mil Fillos de San Luís, organizado polas potencias absolutistas europeas, conseguiu acabar con esta paréntese liberal en 1823: iníciase a Década Ominosa (1823-1833).
- O reinado de Isabel II. A construción dun Estado liberal en España non se produciu ata o reinado de Isabel II. O triunfo dos liberais na guerra civil, a chamada Guerra carlista, facilitou a consolidación definitiva do liberalismo en España. Durante todo o seu reinado, os grupos políticos máis importantes foron os moderados e os progresistas. As etapas deste reinado son:
– A Década moderada (1844-1854). Réxime autoritario, redución das liberdades e do dereito a voto. División provincial do Estado e comezo da rede de ferrocarril.
– O Bienio Progresista (1854-1856). Desamortización, que pretendía nacionalizar as terras eclesiásticas, bens de uso e de propiedade común, para subhastalas a continuación e obter beneficios para o Estado.
– O regreso dos moderados e a Unión liberal (1856-1868). Forte crise económica e inicio da expansión colonial polo norte de África. O sistema entrou en crise, o que provocaría a caída da raíña.
- En 1868 tivo lugar a Revolución Setembrina ou A Gloriosa, que derrocou a Isabel II. Inaugúrase o Sexenio democrático, que representa o primeiro intento na historia de España de implantar un réxime democrático. Tras o intento falido de establecer unha monarquía constitucional e democrática (Amadeo de Saboia), instaurouse a Primeira República española, que só durou un ano.
- O golpe do xeneral Pavía trouxo consigo a restauración da monarquía na persoa do fillo de Isabel II, Afonso XII, que presidiu o período da Restauración. Trazos principais:
– Existencia de dous partidos dinásticos: conservadores e liberais.
– A estabilidade política baseábase na quenda, na alternancia pacífica no poder destes partidos.
– Falseamento electoral: a quenda funcionaba sobre a fraude electoral (compra de votos, intimidación, etc.). O caciquismo permitiu a extensión do sistema, controlando a fraude electoral.
Galicia no século XIX
- Non podemos desligar a historia de Galicia da historia do resto do Estado. A súa historia está vinculada ao que está a acontecer no conxunto de España.
- Galicia seguiu sendo un país de base agraria. Produciuse unha emigración masiva cara a América na segunda metade do século. A nova división provincial modificou o mapa político e administrativo. As deputacións provinciais, os gobernadores civís e os concellos xogaron un papel destacado no control político da poboación.
- O Rexurdimento é o grande movemento cultural do século XIX en Galicia. Supuxo a recuperación do galego como lingua literaria e sentou as bases de posteriores reivindicacións políticas.
- A primeira manifestación política do galeguismo foi o provincialismo. Os seus obxectivos eran a recuperación da unidade institucional de Galicia (contra a división provincial) e a reivindicación dun certo autogoberno.
- A finais de século aparece un novo movemento de reivindicación política galega, o rexionalismo. O seu programa reclamaba a autonomía política para Galicia, a eliminación do caciquismo, a mellora económica e a galeguización da administración.
- A escasa industrialización de Galicia non permitiu a existencia dun grande movemento proletariado. Aínda así, nas cidades da Coruña e de Ferrol, máis industrializadas, este movemento xogou un importante papel. O galego Pablo Iglesias, un dos fundadores do PSOE, será o primeiro deputado socialista español en 1910.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0