2.2 España no século XIX: a construción dun réxime liberal
A invasión francesa e a posterior loita contra o invasor desencadearon en España a crise do Antigo Réxime. A guerra provocou o afundimento de todas as institucións da monarquía absoluta e deu entrada ás ideas liberais.
Napoleón pactara con Godoy, primeiro ministro do rei Carlos IV (1788-1808) a invasión de Portugal e a repartición do seu territorio no tratado de Fontainebleau (1807). Cando as tropas franceses entraron en España, Napoleón esixiu fixar a fronteira con Francia no Ebro e a apertura do comercio americano aos buques galos.
No entanto, o príncipe de Asturias, Fernando VII, conspiraba no motín de Aranjuez para lle usurpar o trono a seu pai, Carlos IV. O rei pediulle axuda a Napoleón, quen convocou os dous na Baiona francesa; nesta vila, Napoleón convenceu a ambos os dous, a cambio de amplos dominios en Francia e da conservación dos seus títulos, de que lle traspasasen o poder. Tras as abdicacións de Baiona, Napoléon nomeou a seu irmán, Xosé Bonaparte, novo rei de España.
A ocupación francesa provocou a rebelión popular. Iniciouse coa insurrección do pobo de Madrid o 2 de maio de 1808, que foi reprimida brutalmente polos franceses (Goya: Carga dos mamelucos e Fusilamentos do 3 de maio) e deu comezo á Guerra de Independencia.
Para organizar minimamente a resistencia, creáronse xuntas, integradas nunha Xunta Suprema Central, mentres se actuaba militarmente a través de guerrillas
Durante a guerra reuníronse en Cádiz as Cortes. Na súa maioría estaban formadas por representantes que defendían as ideas do liberalismo. Como representantes de España, redactaron unha constitución, a Constitución de 1812, guiada polos principios do liberalismo político: soberanía nacional, división de poderes, sufraxio universal masculino e unha declaración de dereitos. Por outra banda, desenvolveron toda unha serie de leis co obxectivo de abolir o Antigo Réxime.
A Guerra de Independencia rematou en 1813. Aínda que se conseguiu expulsar o exército francés, non foi posible aplicar en España o aprobado en Cádiz. O escaso peso político dos liberais españois e a organización dos absolutistas permitiu a imposición do réxime absolutista cando volveu Fernando VII, o Desexado, ao trono español.

El 2 de Mayo de 1808 en Madrid: la lucha de los Mamelucos, Francisco de Goya, Museo del Prado - Dominio público
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0