2.2.1 Reinado de Fernando VII: o retorno e o final do absolutismo
O Sexenio Absolutista (1814-1820)
A debilidade dos liberais permitiu a imposición dun réxime absolutista por parte de Fernando VII. Dende o regreso do rei, en 1814, ata 1820, desenvolveuse un período dominado pola volta ao Antigo Réxime, a represión política, o exilio dos liberais, os pronunciamentos militares e a crise económica.
Mais os tempos mudaran. O influxo das ideas liberais xa non podía borrarse. A falta de liberdade e de pluralidade política facían que o único modo de acceder ao poder fose a través dun golpe de Estado. Os pronunciamentos, que así se denominaron, dábanlle un papel político central ao exército, aspecto que se repetirá en España ata o golpe de Estado do xeneral Franco, xa no século XX. En 1820, a alianza entre os sectores máis liberais do exército e os opositores ao absolutismo permitiu o triunfo dun pronunciamento, que deu paso ao Trienio Liberal.
O Trienio Liberal (1820-1823)
Os liberais intentaron retomar as reformas iniciadas nas Cortes de Cádiz. O seu obxectivo era a fin do Antigo Réxime, para o que afondaron nas ideas liberais. Mais careceron da forza suficiente para consolidar a súa obra, malia a creación dun exército popular: a Milicia Nacional. Os absolutistas, apoiados polo monarca, e a invasión dun exército estranxeiro, coñecido como Os Cen Mil Fillos de San Luís, organizado polas potencias absolutistas europeas, conseguiron acabar con esta paréntese liberal en 1823.
A Década Ominosa. A fin do absolutismo (1823-1833)
Os últimos dez anos do goberno absolutista de Fernando VII estiveron marcados pola fonda crise económica. Como acontecera no caso francés, o único xeito de garantir as finanzas do Estado era eliminar os privilexios fiscais da nobreza e do clero, ao que estes se opuñan. A esta situación uníase un conflito dinástico. Fernando VII só tivera fillas e en España rexía a Lei Sálica, que impedía o acceso das mulleres ao trono. O rei promulgou en 1830 a Pragmática sanción, que anulaba esta lei e permitía o acceso ao trono da súa filla maior Isabel. Os absolutistas (carlistas ou carcas) organizáronse arredor do seu irmán Carlos María Isidro, a quen consideraban o lexítimo herdeiro ao trono, mentres que os liberais, moderados ou isabelinos, apoiaban a Isabel. A disputa derivou nas chamadas Guerras Carlistas, que supuxeron a derrota dos absolutistas e o triunfo da revolución liberal en España.
Actividades propostas
S13. Como inflúe a Revolución Francesa en España e na súa monarquía? Por que a familia real española tiña medo do proceso revolucionario francés? Explique o impacto da Revolución Francesa no territorio español.
S14. Que son as abdicacións de Baiona? Que consecuencias directas tiveron?
S15. Que acontecementos van provocar o levantamento popular do pobo de Madrid o 2 de maio de 1808? Cal foi a reacción francesa?
S16. Busque información e analice os seguintes cadros de Goya.
![]() |
![]() |
- Nome de cada obra, autor, cronoloxía...
- Contexto histórico en que se desenvolven. En que paisaxe teñen lugar?
- Que representan as escenas?
- Pensa que Goya foi testemuña dos feitos?
- Como é a composición destas obras?
- Observe o grupo de franceses. Como están representados? Que cre que pretende amosar o autor?
- Que pretendía denunciar Goya con estas pinturas?
S17. Enumere e explique as fases do reinado de Fernando VII.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0

