Saltar navegación

1 - Introdución

Descrición da unidade didáctica

Nesta unidade didáctica imos estudar unha serie de acontecementos históricos que marcaron o devir do continente europeo e do resto do mundo, converténdose nas bases do noso mundo contemporáneo. As novas ideas da Ilustración que se desenvolveron no século XVIII van influír directamente nas ideas liberais propias do seguinte século.

A unidade divídese en tres partes: a guerra de independencia dos Estados Unidos e a Revolución Francesa; as revolucións liberais e o nacionalismo e, por último, a construción do Estado liberal na España do século XIX. Debemos incidir en que a Revolución Francesa foi un proceso que cuestionou os fundamentos do Antigo Réxime.

 

Coñecementos previos

É preciso ter analizadas en detalle as características do Antigo Réxime e a importancia dos cambios que se inician nese período.

 

Suxestións para a motivación e o estudo

O coñecemento das ideoloxías que coexistiron no século XIX pode axudar o alumnado a desenvolver un xuízo crítico sobre determinados acontecementos e valores. A análise das primeiras constitucións liberais, dos tipos de sufraxio e das primeiras declaracións de dereitos pode contribuír a fomentar o coñecemento dos dereitos e das liberdades da cidadanía, base esencial do noso sistema político. Pódese tamén incidir no papel da muller a partir da Revolución Francesa e como a reivindicación dos seus dereitos supuxo unha loita tenaz e difícil de lograr ata o século XX.

O estudo da Guerra de Independencia española e do reinado de Fernando VII pode axudar o alumnado a analizar de xeito crítico as loitas violentas que marcaron a fin do Antigo Réxime en España. Destacarase a inestabilidade, o dominio do poder dunha oligarquía e a marxinación sistemática do pobo do sistema político. A implantación do liberalismo democrático foi efémero e violento e remata coa Restauración, réxime liberal conservador baseado na fraude electoral e na manipulación cun sistema caciquil e oligárquico.

 

Orientacións de temporalización

Para afrontar o estudo desta unidade didáctica cumprirá o equivalente a 16 horas ou sesións lectivas, repartidas do seguinte xeito:

  • Seis horas para a análise da guerra de independencia dos EEUU e a Revolución Francesa.
  • Catro horas para as revolucións liberais do século XIX.
  • Seis horas para a análise do estado liberal na España do século XIX.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0