2.1.3 Liberalismo e nacionalismo
A derrota no ano 1814 dos exércitos napoleónicos ante as potencias absolutistas europeas non supuxo a fin dos ideais revolucionarios. As monarquías vencedoras organizaron un novo mapa de Europa no Congreso de Viena, simbolizado na restauración da monarquía absoluta en Francia ou en España, pero isto non ía conseguir que a sociedade europea retornase ao Antigo Réxime. Entre 1815 e 1870 os liberais enfrontáronse aos absolutistas e as nacións, aos imperios. Finalmente, o liberalismo triunfou e moitas nacións alcanzaron a súa unificación ou independencia, non sen ter que vencer moitas resistencias dos sectores privilexiados do Antigo Réxime.
O liberalismo
-
-
Principios
-
Soberanía da nación.
-
Existencia dunha lei suprema ou Constitución.
-
Recoñecemento de dereitos e liberdades individuais.
-
Igualdade xurídica ante a lei.
-
Defensa da propiedade privada.
-
Separación de poderes (executivo,lexislativo e xudicial).
-
Existencia de institucións representativas da vontade dos cidadáns (parlamentos)
-
Sistema político participativo.
-
Limitación do poder político.
-
Sociedade de clases.
-
Desenvolvemento da economía capitalista.
-
Organización política
-
Monarquía constitucional como forma de goberno.
-
Marxinación do réxime das clases populares.
-
Existencia dun sistema político que beneficia as clases sociais altas: as oligarquías que constitúen a nova aristocracia que acapara o poder económico, político e social.
-
Sistema económico
-
Capitalismo económico.
-
Liberalismo económico: liberdade de empresa, en teoría non intervención do Estado no sistema económico, libre iniciativa individual.
-
A lei da oferta e da demanda determinará o nivel de riqueza e desenvolvemento do país.
-
Sistema social
-
Formación dunha sociedade de clases: o diñeiro dinamiza a sociedade e determina a posición social das persoas. Fortes diferenzas: polarización social entre ricos e pobres (viven na miseria) e escasa clase media urbana.
-
A grande diferenza entre os sistema liberal e o Antigo Réxime está nos seus principios:
-
Principios
Antigo Réxime
Estado liberal do século XIX
-
Soberanía e Estado
-
A monarquía (o rei) é de orixe divina, polo que ten todo o poder, ten a soberanía. Non hai diferenza entre o rei e o Estado.
-
O poder está na nación, que decide o goberno (soberanía nacional). A nación está formada polos cidadáns que teñen dereitos políticos.
-
Poderes do Estado
-
O rei exerce todos os poderes, non hai división entre eles. O rei exérceos persoalmente ou delega nunha serie de persoas que gobernan no seu nome.
-
Poderes separados: o executivo exérceo o goberno (o rei); o lexislativo, que fai as leis, exérceo o parlamento; o xudicial, independente dos outros, exérceno os tribunais.
-
Constitución
-
Non existe unha constitución: a vontade do rei é a lei.
-
Existe unha constitución escrita, que é a lei suprema do país.
-
Dereitos das persoas
-
Os estamentos privilexiados teñen unha serie de dereitos e privilexios dos que o Terceiro Estado carece.
-
Todas as persoas teñen uns dereitos iguais e que están recollidos pola constitución. A diferenza márcaa a fortuna.
-
Parlamento
-
Nos parlamentos (Cortes en España) representábanse os tres estamentos cun voto único por cada un. Función limitada. O rei case non os convocaba e tiña a última decisión.
-
O Parlamento reúnese con periodicidade: elabora as leis. Está formado por os representantes elixidos pola poboación (pódese elixir por sufraxio censatario ou universal).
-
Economía
-
Non existe liberdade económica: as actividades regúlanas rixidamente os gremios, as corporacións e o Estado.
-
Liberdade de comercio e produción. O Estado non intervén na economía. O mercado réxese pola lei da oferta e a demanda.
-
Propiedade da terra
-
A maioría da terra pertence aos estamentos privilexiados e está vinculada.
-
A terra é de propiedade privada
-
Formas de Estado e de goberno
Os liberais non eran un grupo uniforme. Entre eles existían moitas diferenzas políticas, froito dos distintos grupos sociais que apoiaban esas ideas. Aínda que defendían a creación dun Estado de dereito, a súa concreción na práctica adoptou diferentes formas de organización política, como podemos observar neste cadro.
-
Forma de Estado
Grupos que o defenden
Características
-
Monarquía constitucional
-
Liberais moderados.
-
Liberais progresistas.
-
Poder executivo: rei (que nomea o goberno)
-
Poder lexislativo: parlamento e rei.
-
Poder xudicial: tribunais
-
Monarquía parlamentaria
-
Liberalismo democrático.
-
Modelo de goberno: monarquía parlamentaria; o rei reina pero non goberna; simbólico.
-
Poder executivo: goberno elixido do partido maioritario no parlamento
-
Poder lexislativo: parlamento
-
República presidencialista
-
Liberais democráticos.
-
Liberais progresistas e radicais
-
Poder executivo: presidente elixido polo pobo. Ten a un tempo a xefatura do estado e do goberno.
-
Poder lexislativo: parlamento.
-
República parlamentaria
-
Liberalismo democrático
-
Presidente: elección polo parlamento. Funcións de carácter honorífico.
-
Poder executivo: goberno.
-
Poder lexislativo: Cortes.
-
Os movementos revolucionarios na primeira metade do século XIX
A restauración do Antigo Réxime que se pretendeu levar a cabo trala vitoria sobre Napoleón non se puido consolidar. Xurdiron importantes movementos revolucionarios que intentaron defender as ideas liberais e nacionalistas. Deste xeito, cómpre salientar:
- Revolucións de 1820: iniciáronse en España, cando Rafael del Riego se levantou contra a monarquía absoluta de Fernando VII e deu paso ao Trienio Liberal. Outros movementos revolucionarios foron a independencia de Grecia do imperio turco, tras oito anos de loita, e a vaga de procesos de independencia na América española, cando xorden gran parte dos países suramericanos da actualidade (Venezuela, Arxentina, Colombia, Perú, etc.).
- Revolucións de 1830: Francia foi a orixe deste movemento, conseguindo acabar coa monarquía absoluta e impor un monarca liberal, Luís Filipe de Orleáns. Como consecuencia desta revolución, Bélxica logrou a súa independencia dos Países Baixos, mais en Polonia o movemento fracasou, non podendo se independizar do dominio ruso.
- Revolucións de 1848: iniciadas tamén en Francia, foi coñecida como A primavera dos pobos pola grande cantidade de nacións que se ergueron contra os sistemas absolutistas e os imperios. A diferenza das anteriores, estes movementos revolucionarios non só se centraron nas reivindicacións da burguesía, senón que tamén xogaron un papel importante as reivindicacións do movemento obreiro, a nova clase social que buscaba o seu espazo político. As demandas máis sociais e máis democráticas (sufraxio universal, soberanía popular, igualdade social) finalmente non triunfaron, e impúxose a visión da burguesía conservadora. En Europa oriental xogaron un papel destacado as reivindicacións nacionalistas, a loita antiabsolutista. Moitos pobos loitaron contra a dominación imperial austríaca (Hungría, Bohemia, norte de Italia e Confederación Xermánica).
Nacionalismos
No século XIX o liberalismo vai ir vinculado ao nacionalismo, é dicir, ao dereito dos pobos ao seu recoñecemento e á súa soberanía. Existen varios modelos:
- Francia: define a nación como un contrato entre cidadáns libres e iguais que loitan por vivir en comunidade e compartir valores de liberdade e igualdade.
- Alemaña: o Congreso de Viena dividiu a Confederación Xermánica en 39 Estados. O Estado máis poderoso, Prusia, intentou liderar o proceso de unificación, potenciando unha unión de alfándegas da que quedou excluída Austria. O chanceler prusiano Otto von Bismarck liderou a guerra contra Austria (1866) e contra Francia (1870-1871) e a súa vitoria permitiu a unión de todos os estados xermánicos baixo o poder do kaiser Guillerme I.
- Italia: o seu territorio estaba dividido en seis estados; o monarca liberal do Piemonte manifestouse a prol da unificación de todos os estados italianos. O xefe do goberno, Cavour, comezou a guerra contra Austria, logrando a anexión de Lombardía. A el uniuse un levantamento popular que, liderado por Garibaldi, derrocou os monarcas dos Estados do centro e sur de Italia. En 1860 Víctor Manuel, monarca do Piemonte, converteuse en rei de Italia; anexionáronse os Estados do papa no 1870 e os austríacos abandonaron o Véneto, lográndose así a unificación total de Italia.
- Imperio Otomano e Austria-Hungría: mantiñan dominados a pobos con aspiracións independentistas. Nestes imperios as reformas liberais foran nulas, polo que as aspiracións independentistas se unían á loita pola reforma do sistema político. A non satisfacción das reivindicacións nacionais dos pobos que compuñan estes imperios foi, máis tarde,un dos xermes do estalido da Primeira Guerra Mundial.
Actividades propostas
S11. Complete o seguinte cadro:
-
Revolucións
Países
Causas
Resultados
1820
1830
1848
S12. Lea os seguintes textos.
-
“Todos os que falan un mesmo idioma están unidos entre si por unha morea de vínculos invisibles, porque poden comprenderse uns aos outros e comprenderíanse cada vez con maior claridade formando, naturalmente, un todo homoxéneo... os homes non forman unha nación porque vivan nunha ou outra banda dunha cadea montañosa, ou nun río, senón que viven xuntos porque primitivamente e por mor das leis naturais de orde superior, xa formaban un pobo”
Fichte. Discurso á nación alemá (1807)
-
-
“A nova Italia é a irmandade dos italianos que cren nunha lei de progreso e de deber; estes, convencidos de que Italia está chamada a ser unha nación, de que pode facerse coas súas propias forzas..., de que o segredo da forza está na constancia e na unidade dos esforzos, (decláranse) intimamente asociados na grande tarefa de facer de novo de Italia unha nación unida, independente e soberana de cidadáns libres e iguais”
Manifesto de Marsella, 1831 (creación do movemento da nova Italia por Mazzini)
-
-
- Fichte e Mazzini representan dous xeitos de entender o nacionalismo. Cales son para Fichte as causas da existencia dunha nación? Concédelles moita importancia ás condicións xeográficas?
-
Que significa para Mazzini a idea de que a nación italiana poida facerse coas súas propias forzas?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0