Saltar navegación

2.1.1 A guerra de independencia dos EEUU

A declaración de independencia das trece colonias británicas de América do Norte en 1776 supuxo a posta en práctica dos principios políticos da Ilustración por primeira vez na historia. Este texto, inspirado nos ideais de igualdade, liberdade e tolerancia, recollía os principios da soberanía nacional, polos que os gobernos tiñan que contar co consentimento dos gobernados, así como a existencia de dereitos inalienables para todas as persoas, dos que non se podían privar (liberdade, propiedade, igualdade ante a lei, seguridade, etc.).

A independencia dos Estados Unidos converteuse no referente e exemplo para posteriores revolucións e futuras independencias coloniais. O nacemento dos EE.UU. foi froito da primeira das revolucións burguesas, que seguindo os principios do liberalismo, ían ter tanta importancia no século XIX.

A burguesía, ata entón integrante do estamento dos non privilexiados e excluída do exercicio do poder, ía asumir un papel central nas sociedades do mundo contemporáneo.

Causas

As ideas ilustradas, o desenvolvemento económico das colonias e a prosperidade da burguesía están detrás da loita pola independencia. A burguesía colonial estaba discriminada fronte á inglesa: excluída da actividade comercial (Gran Bretaña controlaba o monopolio comercial) e carecía de representación política no Parlamento de Londres.

Mais, por que se levantaron en 1776? Existen unhas circunstancias concretas que complementan esas causas máis xerais e que permiten entender o éxito da revolución. Gran Bretaña, debido ás necesidades económicas derivadas das súas continuas loitas con Francia, incrementou os impostos sobre os habitantes das colonias, especialmente sobre o té. Contrarios a estas novas taxas, e ao non se sentiren representados polo goberno inglés, os habitantes das colonias americanas negáronse a acatar esas leis e levantáronse en motín contra a entrada de té inglés nas colonias. Así comezou o conflito.

A primeira Constitución escrita

A guerra das trece colonias de América do Norte contra Gran Bretaña estendeuse ata 1783. Este longo e cruento conflito rematou coa sinatura do Tratado de París, no que a metrópole recoñeceu a independencia do novo país, os Estados Unidos de América.

En 1787 redactouse a primeira Constitución escrita da historia, que recollía os principios da soberanía nacional, separación de poderes, sistema democrático para a elección de representantes e a república como forma de goberno. Establecía unha organización federal para a nova nación, onde cada Estado gozaba dunha ampla independencia, mais cun goberno federal dotado de grandes poderes, entre eles o militar e a representación exterior. George Washington, un destacado xeneral na guerra, foi elixido coma primeiro presidente.

A Constitución complementábase coa Declaración de Dereitos, onde ficaba garantida para todos os cidadáns toda unha serie de liberdades (de expresión, de reunión, de relixión, de prensa, etc.), así como o dereito á súa integridade física, á súas propiedades, ou o principio de que toda persoa ten dereito a se defender nun procedemento xudicial.

 

Actividades propostas

S1.            Localice no mapa as trece colonias que se rebelaron contra Inglaterra.

 

S2.            Que circunstancias influíron na independencia das colonias americanas?

S3.            Lea o fragmento da Declaración de Dereitos de Virxinia de 1776. Que ideas ilustradas se reflicten nesta declaración, adoptada polas trece colonias americanas? Que dereitos fundamentais recoñece?

 

Declaración de Dereitos de Virxinia. 1776

  • Todos os homes son de seu igualmente libres e independentes, e posúen certos dereitos inherentes á súa persoa (...)

  • Todo poder reside no pobo e, por conseguinte, deriva del (...)

  • O goberno está e é necesario que estea instituído para o beneficio, a protección e a seguridade comúns do pobo, a nación ou a comunidade (...)

  • Os poderes lexislativo e executivo do Estado deben separarse e distinguirse do xudicial (...)

  • As eleccións dos membros que actúan como representantes do pobo na asemblea deben ser libres (...)

  • A relixión (...) ten que orientarse exclusivamente pola razón e a convicción, non pola forza ou a violencia; xa que logo, todos os homes teñen o mesmo dereito ao exercicio libre da súa relixión.

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0