2.1.2 A Revolución Francesa
Os feitos acontecidos en Francia a partir de 1789 e as transformacións que trouxeron consigo foron de tal importancia que tradicionalmente os historiadores consideraron a estes acontecementos, a Revolución Francesa, como o inicio dunha nova etapa histórica: a Idade Contemporánea. As consecuencias foron fondas e revolucionarias: suprimíase o sistema señorial, proclamábanse as liberdades e a igualdade de todas as persoas ante a lei, e establecíase un Estado constitucional e parlamentario, fundamentado na soberanía nacional. É dicir, púñaselle fin ao Antigo Réxime.
Antecedentes
A Francia de fins do século XVIII era un bo exemplo do que se entende por unha sociedade do Antigo Réxime. Dende o punto de vista económico atopamos un país eminentemente rural, onde a terra continuaba a ser a principal riqueza e ficaba en mans dos grupos privilexiados minoritarios (nobreza e alto clero). Por outra banda, Francia mantíñase como unha sociedade estamental, onde os grupos privilexiados seguían a monopolizar todos os cargos e o predominio social. Finalmente, dende o punto de vista político, persistía o sistema de monarquía absoluta de dereito divino, na que o rei conservaba practicamente todo o poder e xestionaba o Estado como se fose da súa propiedade.
Causas
Para explicarmos un proceso tan complexo como a Revolución Francesa non podemos precisar cales foron exactamente os factores concretos que a causaron. Existe toda unha serie de causas, algunhas fondas ou estruturais, outras máis próximas, que se explican polas circunstancias que se deron en 1789. Mais todas xuntas, relacionadas, explican o éxito deste movemento revolucionario. O que fica claro é que o modelo económico, político e social do Antigo Réxime xa non era quen de satisfacer as necesidades e demandas dunha sociedade en plena transformación.
Algunhas das causas fundamentais da Revolución foron as seguintes:
- As ideas da Ilustración: a base teórica da Revolución. Aínda que non eran coñecidas pola maioría da poboación, a extensión das ideas ilustradas deulle á burguesía a base teórica contra o absolutismo e o Antigo Réxime. Entre esas grandes influencias cómpre destacar:
– Montesquieu: defensor da monarquía parlamentaria. Falou dos tres poderes políticos e da súa separación: executivo (goberno); lexislativo (o parlamento) e xudicial.
– Voltaire: pensador que loita contra a intolerancia e a inxustiza.
– Rousseau: defensor da soberanía nacional popular.
– A publicación da Enciclopedia en Francia foi dunha grande importancia para a difusión das ideas ilustradas. Era unha obra colectiva, dirixida por Diderot e D’Alambert, na que se abordaban as ideas do momento sobre as ciencias, as artes e os oficios.
- Os cambios na sociedade: as reivindicacións da burguesía. A burguesía, enriquecida polo crecemento económico do século XVIII (desenvolvemento do comercio) comezou a protestar pola súa marxinación política. Consciente do seu poder económico, reclamou para si un peso político e un recoñecemento social equivalente.
- A crise económica: malas colleitas e crise financeira.
– A fins do século XVIII Francia vai vivir unha fonda crise económica. Malia ser un século caracterizado polo crecemento económico, unha sucesión de malas colleitas, propias do sistema agrícola do Antigo Réxime, provocou a escaseza de produtos, a suba dos seus prezos, a fame e o descontento popular.
– Por outra banda, a monarquía francesa atopábase sumida nunha grave crise financeira, debido a que gastaba moito máis do que ingresaba. Os elevados gastos da Corte provocaban as débedas crecentes do Estado e os constantes enfrontamentos con Gran Bretaña, en especial no apoio que Francia prestou ás colonias americanas na Guerra da Independencia, supuxo que a crise financeira fose tan fonda que non podía ser solucionada coa petición de novos empréstitos. A única solución era elevar os impostos e os únicos que podían pagalos, os privilexiados, opuxéronse.
Fases da Revolución Francesa
- Comezo da Revolución: a Asemblea Nacional Constituínte. Froito da situación de creba da Facenda, o rei Luís XVI reuniu os privilexiados para lles esixiren o pagamento de impostos. A negativa da nobreza e a súa esixencia de convocatoria dos Estados Xerais desencadearon o proceso revolucionario.
Os Estados Xerais eran o organismo onde se reunían os representantes dos tres estamentos da sociedade (nobreza, clero e Terceiro Estado) e que tiña que ser consultado para os cambios fiscais.
A burguesía aproveitou a convocatoria dos Estados Xerais, onde participou como parte do Terceiro Estado. Tradicionalmente as votacións facíanse por estamentos, polo que os grupos privilexiados, nobreza e clero, sempre sacaban adíante as súas propostas. Mais nesta ocasión os representantes do Terceiro Estado esixiron que o voto fose por persoa e non por estamentos. Unha esixencia que respondía á idea da soberanía nacional, e que non foi admitida pola nobreza nin polo clero.
Ante tal negativa, os deputados do Terceiro Estado constituíronse en Asemblea Nacional (representantes da nación), en 1789, e xuraron non disolver esta asemblea ata darlle a Francia unha Constitución. Estableceron a Asemblea Constituínte. O rei quixo disolver esta Asemblea, pero o pobo de París, o 14 de xullo de 1789, amotinouse e asaltou a prisión real de La Bastille, símbolo do poder absoluto do Antigo Réxime.
A Asemblea Constituínte adoptou dúas medidas de enorme transcendencia para rematar co Antigo Réxime:
– Abolición do réxime feudal. Aboliu todos os privilexios feudais, proclamando a igualdade de todos os cidadáns.
– Aprobación da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, que establece os dereitos políticos que teñen todas as persoas. Nela recoñécense catro dereitos fundamentais: a liberdade individual, a igualdade ante a lei, o dereito á propiedade privada e a soberanía nacional.
- Monarquía constitucional: a Asemblea Lexislativa (1789-1792). Pacificada a situación, o rei e a nobreza aceptaron a nova situación. Os revolucionarios optaron por unha vía reformista para consolidar os principios do liberalismo, convertendo a Francia nunha monarquía constitucional e parlamentaria.
En 1791 aprobaron unha Constitución onde ficaron reflectidos os principios do liberalismo: separación de poderes, dereitos e liberdades dos cidadáns, o sistema de goberno de monarquía constitucional e o dereito de voto con sufraxio indirecto e censatario.
Creouse un novo exército (Garda Nacional) e expropiáronse os bens da Igrexa (desamortización), co fin de solucionar os problemas financeiros do Estado.
Os burgueses foron os máis beneficiados desta orientación da Revolución. Os antigos grupos privilexiados querían volver ao Antigo Réxime, conspirando contra o goberno, mentres que os sectores populares, representados por xirondinos e xacobinos e os cordeliers, estaban descontentos pola falta dun sufraxio universal masculino. A acción do rei tampouco axudou á consolidación do sistema, xa que o seu intento de fuga para se unir ao exército austríaco e impor pola forza a volta do absolutismo desprestixiouno totalmente. Nun clima de grande conflitividade social, as milicias populares asaltaron en agosto de 1792 o palacio real e proclamaron a república.
- República democrática: a Convención xirondina (1792-1793). Foron os republicanos moderados, os xirondinos, quen convocaron as eleccións á Convención Nacional, nome co que denominaban á Asemblea, desta vez por sufraxio universal masculino.
Este período foi moi convulso: xulgouse e executouse á familia real, mentres a Revolución tivo que facer fronte militarmente á coalición de países estranxeiros absolutistas que buscaban derrocala e aos levantamentos contrarrevolucionarios no interior do país.
- República democrática: a Convención xacobina (1793-1794). En xuño de 1793 os xacobinos, a facción máis radical dos republicanos, tomaron o poder, apreixaron os dirixentes xirondinos e proclamaron unha nova Constitución, baseada nos principios da democracia social: soberanía nacional, sufraxio universal directo e dereito á igualdade. Deste xeito respondían ás demandas dos grupos sociais máis humildes, os sans-culottes, o seu principal apoio. Nun momento onde a continuidade da Revolución estaba en perigo, concentraron o poder nun Comité de Salvación Pública e, en concreto, nas mans do seu líder, Robespierre. Para responder á ameaza externa, organizaron un exército, para o que recorreron ao recrutamento obrigatorio. Esta etapa é tamén coñecida coma O Terror, pola represión e a execución de todos quen eran considerados inimigos da Revolución. Finalmente, o propio Robespierre sería axustizado na guillotina.
- República burguesa (1795-1799). O poder pasou ás mans da burguesía moderada, que intentou volver á situación previa a 1792, para o que derrogou todas as medidas tomadas durante a República democrática. En 1795 aprobaron unha nova constitución, onde o poder executivo ficaba nas mans do Directorio, composto por 5 membros, co que tentaban evitar a concentración do poder nas mans dunha soa persoa. Mais a guerra no exterior continuou, mentres que no interior producíanse sublevacións de grupos populares que reclamaban un maior reparto da riqueza. Nesta situación cobrou máis importancia o papel do exército e, en especial, dun dos xenerais máis vitoriosos, Napoleón Bonaparte, quen de volta en Francia dá un golpe de Estado e instaura o Consulado.
- Imperio napoleónico (1799-1814). Tras o golpe de Estado, Napoleón Bonaparte iniciou unha política de estabilización de Francia, rematando cos disturbios e cos conflitos interiores. Concentrou todo o poder nas súas mans, converténdose primeiro en cónsul vitalicio (1802) e proclamándose posteriormente emperador (1804). Este control absoluto do poder, que se acentuou grazas a unha férrea censura de prensa foi, en cambio, acompañado pola promulgación dun Código Civil, que recollía os dereitos dos franceses, a extensión da educación primaria e a estabilización da Facenda pública.
- No exterior, Napoleón quixo estender os ideais da Revolución, creando un gran imperio europeo con centro en Francia. Entrou en guerra cunha coalición de países europeos (Gran Bretaña e Austria), e procedeu á invasión de España e de Rusia. A resistencia antifrancesa nestes territorios e as derrotas militares obrigárono a abdicar en 1814. Malia un novo intento de restaurar o seu poder, aproveitando o rexeitamento dos franceses á restauración dunha monarquía absolutista, foi derrotado definitivamente na batalla de Waterloo no 1815, momento en que foi desterrado á illa de Santa Elena.
Actividades propostas
S5. Explique a estrutura social do Antigo Réxime seguindo este esquema.

S6. Que motivos podían facer temer aos privilexiados o espertar do Terceiro Estado?
S7. Comente as seguintes ilustracións.
-


Estas dúas son de sans-culotte: describa e identifique os seus símbolos e explique a que grupos sociais pertencen
Identifique os símbolos da República Francesa que aparecen no gravado e analice o seu significado
S8. Seguindo o esquema, analice e resuma as causas e as fases da Revolución Francesa.

S9. Analice o seguinte documento:
|
Declaración dos dereitos do cidadán (1789) |
|
- En que momento da Revolución Francesa o podemos encadrar?
- Cales son os antecedentes ideolóxicos e políticos do texto?
- Que pretendían os seus autores?
- Que dereitos fundamentais se reflicten nel?
- Procure información sobre a Declaración dos Dereitos do Home e da Muller da ONU (1948). Compare os dous documentos e a súa importancia.
S10. Busque información e comente o seguinte cadro de David:
![]() |
![]() |
- Nome da obra, autor, cronoloxía e estilo artístico.
- Contexto histórico en que se desenvolve.
- Que representa a escena?
- Como é a composición da obra?.
- Que di no papel que ten na man?
- Investigue sobre o personaxe de Carlota Corday.
- Que elementos técnicos se utilizan para da maior expresividade á obra?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0


