2.3 Galicia no século XIX
Galicia seguiu a ser un país de base agraria durante todo o século XIX. A industrialización tivo escasa implantación aquí e máis da metade da poboación seguía a ser labrega. A súa estrutura económica era incapaz de manter a todos os seus habitantes, e así se explica a emigración masiva que tivo lugar na segunda metade do século, auténtica sangría para a poboación galega. Calcúlase que só entre 1860 e 1880 saíron de Galicia máis de 122.000 persoas.
Galicia e a crise do Antigo Réxime
Non podemos desligar a historia de Galicia da historia do resto do Estado. Malia as singularidades propias, a súa historia está vinculada ao que está a acontecer no conxunto de España.
A crise do Antigo Réxime iníciase coa invasión do exército francés. A Guerra da Independencia é unha boa mostra da grande resistencia popular galega. Mais o que aconteceu nas Cortes de Cádiz tivo pouca repercusión en Galicia. As forzas absolutistas galegas, o clero e a fidalguía demostraron o seu poderío social, e apoiaron primeiro a Fernando VII e despois o bando carlista. Con todo, na cidade da Coruña mantívose durante todo o século un gran apoio ás ideas do liberalismo, primeiro, e do republicanismo no último terzo do século.
A nova división provincial modificou o mapa político e administrativo. A aparición das deputacións provinciais, dos gobernadores civís e dos concellos xogou un papel destacado no control político da poboación. Ata a Restauración monárquica, a participación política foi pouco importante en Galicia. A partir do comezo do reinado de Afonso XII, estivo moi condicionada polo sistema caciquil que estaba no cerne do sistema de quendas.
Cómpre racharmos coa idea de docilidade e sometemento que tradicionalmente se lle atribuíu aos labregos en Galicia. O século XIX viviu momentos de grande conflitividade social, de reivindicacións labregas e de disputas pola conservación do monte como ben comunal. O escaso peso político de Galicia en Madrid fixo que estas posicións ficasen esquecidas.
Rexurdimento, Provincialismo e Rexionalismo
O Rexurdimento é o grande movemento cultural do século XIX en Galicia. Supuxo a recuperación do galego como lingua literaria e sentou as bases de posteriores reivindicacións políticas.
A primeira manifestación política do galeguismo foi o provincialismo, moi ligado ao levantamento de 1846. Os seus obxectivos eran a recuperación da unidade institucional de Galicia (contra a división provincial) e a reivindicación dun certo autogoberno. Este levantamento foi duramente reprimido.
A finais de século aparece un novo movemento de reivindicación política galega, o rexionalismo. O seu programa político, formulado por Manuel Murguía e Alfredo Brañas, reclamaba a autonomía política para Galicia, a eliminación do caciquismo, a mellora económica e a galeguización da administración. Con todo, non chegou a contar cunha ampla base de apoio popular.
Por último cómpre salientar o movemento obreiro. A escasa industrialización de Galicia non permitiu a existencia dun grande movemento proletariado, pero na Coruña e en Ferrol, máis industrializadas, este movemento xogou un importante papel. O galego Pablo Iglesias, fundador do PSOE, será o primeiro deputado socialista español en 1910.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0