2.2.3 Sexenio democrático (1868-1874)
En 1868 tivo lugar a Revolución Setembrina ou A Gloriosa, que derrocou a Isabel II. A raíña exiliouse en Francia. Neste levantamento xogaron un papel central algúns militares, como os xenerais Serrano, Prim e Dulce, ou o almirante Topete.
Neste ano inaugúrase o Sexenio Democrático, que representa o primeiro intento na historia de España de implantar un réxime democrático, baseado no sufraxio universal masculino, o recoñecemento de amplos dereitos e a aplicación de reformas sociais para conseguir a igualdade entre os cidadáns (reforma fiscal, extensión do ensino público, etc.). Supuxo unha ruptura co liberalismo moderado que gobernara maioritariamente durante o reinado de Isabel II.
Estableceuse un goberno provisional (unionistas e progresistas), presidido por Serrano. As eleccións tiveron lugar en xaneiro de 1869 e, como resultado, aprobouse a constitución de 1869 que establecía para España a monarquía parlamentaria, o sistema bicameral, a división de poderes, a liberade de ensino e culto, o sufraxio universal masculino, e a abolición da pena de morte e da escravitude.
Aprobada a Constitución e carecéndose de rei, Serrano foi nomeado rexente, e Prim, xefe do Goberno. Os seus primeiros obxectivos foron buscar un rei, solucionar a cuestión da insurrección de Cuba e arranxar os problemas de orde pública.
Intentouse implantar unha monarquía constitucional e democrática, para o que elixiron como rei a Amadeo de Saboia, fillo do rei de Italia, católico e de tradición liberal. Mais este réxime fracasou debido ao escaso apoio político e popular que recibiu.
A Primeira República Española (1873-1874)
Tras a renuncia ao trono do monarca, as Cortes proclamaron a Primeira República española. Provocou un gran entusiasmo nas clases populares das grandes cidades, e entre os seus obxectivos estaba afondar nas reformas democráticas e sociais iniciadas en 1868. Mais a República naceu con moitos problemas, que foron a causa da súa caída: a división interna dos republicanos (unionistas e federalistas), a guerra carlista, a guerra de Cuba, o cantonalismo, a falta de auténticos republicanos entre as clases políticas e a falta de apoio popular.
No seu curto ano de vida, coñeceu catro presidentes: Estanislao Figueras, Francisco Pi i Margall, Nicolás Salmerón e Emilio Castelar.
Os militares reconduciron o país cara á restauración monárquica. O golpe de estado do xeneral Manuel Pavía puxo punto final á república.
Actividades propostas
S20. Lea e analice no seguinte texto as principais reivindicacións das Xuntas Revolucionarias de 1868. Logo conteste ás cuestións.
-
-
A consagración do sufraxio universal e libre (...)
-
A liberdade absoluta de Imprenta (...)
-
A consagración práctica e inmediata de todas as demais liberdades, a de ensino, a de cultos, a de tráfico e mais a de industria, etc.
-
A abolición da pena de morte (...)
-
A seguridade individual eficazmente garantida, así como a absoluta inviolabilidade do domicilio e da correspondencia.
-
A abolición da constitución bastarda que nos viña rexendo (...)
-
Igualdade na repartición das cargas públicas (...)
-
Cortes constituíntes por sufraxio universal directo, para que decreten unha constitución en harmonía coas necesidades da época.
Viva a liberdade! Abaixo a dinastía! Viva a soberanía nacional!
Proclama das Xuntas Revolucionarias, 1868
-
-
-
- Tipo de sufraxio que reivindican.
-
Modelo de goberno.
-
Que goberno e monarquía se pretende substituír?
-
Que constitución pretenden substituír? Por que a denominan bastarda?
-
Que dereitos e liberdades defende?
S21. Observe a seguinte imaxe e intente identificar os períodos do Sexenio Democrático: acontecementos cos que comeza e remata, sistemas de goberno, principais dirixentes, batallas, principais cambios, etc.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0