2.2.4 Restauración monárquica (1874-1898)
Un novo golpe de Estado puxo fin á etapa republicana. O auténtico artífice da restauración monárquica foi o político Antonio Cánovas del Castillo, que desexaba converter en rei a Afonso, fillo da raíña Isabel II, impor un sistema político apoiado por todos os sectores da burguesía (rematando cos pronunciamentos e coas mobilizacións) e excluír as clases baixas da vida pública.
Características do sistema político da Restauración
- Existencia de dous partidos dinásticos: conservadores e liberais.
- A estabilidade política baseábase na quenda, na alternancia pacífica no poder destes partidos.
- Falseamento electoral: a quenda funcionaba sobre dous principios pactados:
– Implicación da Coroa como árbitro.
– Fraude electoral (compra de votos, intimidación, etc.) co fin de conseguir garantir maiorías que posibilitasen ese sistema de quendas entre os dous grandes partidos. O caciquismo permitiu a extensión do sistema, controlando a fraude electoral.
- O caciquismo permitiu a consolidación do sistema. Os caciques eran os xefes locais dun partido, que controlaban unha área determinada, empregando as súas influencias (con amigos ou inimigos) para controlar a poboación, a nivel local ou comarcal, e o seu voto. O obxectivo era intercambiar votos por favores.
A crise da Restauración
A política interior e exterior de Afonso XII estivo dirixida a manter a paz a calquera prezo, mais á custa de violar constantemente os dereitos civís. A Restauración tamén se caracterizou por unha profunda centralización administrativa e legal. Os nacionalismos catalán e vasco non tardaron en reaccionar: reivindicacións da propia identidade cultural e oposición á perda dos foros vascos tras as guerras carlistas. En Galicia iníciase tamén a renovación cultural a través do seu Rexurdimento.
O movemento obreiro agrúpase arredor do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), fundando por Pablo Iglesias en 1879 e que defendía a loita pacífica e a participación electoral, a UXT (fundada no 1888) e o anarquismo (Federación de Traballadores da Rexión Española).
En 1898 España perde as últimas colonias de ultramar (Cuba, Filipinas e Porto Rico), no chamado Desastre do 98, o que supuxo un gran sentimento de fracaso para a sociedade española e a perda de prestixio do exército español.
Á morte prematura de Afonso XII, asume a rexencia a súa muller, María Cristina, con quen terá un fillo póstumo, o futuro rei Afonso XIII.
Actividades propostas
S22. Lea detidamente os seguintes documentos.
-
“Para facer as listaxes de electores póñense nelas algúns nomes verdadeiramente perdidos entre unha multitude de imaxinarios e, sobre todo, de defuntos. A representación destes últimos dáselles sempre a axentes disfrazados de paisano para iren votar. O autor destas liñas viu repetidas veces que o seu pai, finado xa hai algúns anos, ía depositar o seu voto na urna baixo a figura dun varredor da cidade ou dun sabuxo de policía, vestido con traxe prestado (...)
Este sistema de eleccións por medio da resurrección de mortos (...) non é, así e todo, o peor dos medios empregados para falsear o sufraxio (...) e que o que fan é pura e sinxelamente aumentar o número de votos ata ter asegurada a elección do candidato adicto.”
V. Almirall: España tal cual es. 1886 [tradución]
-
“O alcalde reuniu os veciños a toque de campá para lles facer ver a necesidade imperiosa que tiñan que votar o candidato oficial, porque lles tiña ofrecido unha moratoria no pagamento das contribucións atrasadas, mesmo a condonación da débeda se a súa docilidade os facía acredores deste beneficio.
Noutra vila déuselles permiso aos veciños “para entrar nun bosque e facer unha corta de árbores”; pero, despois, presentaron unha denuncia contra eles para poder acusalos se non votaban o candidato ministerial.”
Alcánzar Saéz, M. Antología del pucherazo. Historia 16. Nº 118 [tradución]
-
“Consecuencia de todo isto é o caciquismo, o entronizamento de certos individuos nas localidades, os cales, como instrumentos do deputado, son os donos dos resortes administrativos (...).O cacique dá e quita os miserentos postos de traballo dos que se benefician os máis pobres do lugar; seus son o carteiro-peón, o secretario do concello, o peón camiñeiro, o expendedor de efectos estancados. O cacique é quen, ao facer o reparto da contribución, carga a man ao adversario, alixeirando o amigo (...) Verdade é que o tirano da aldea, que tan grandes servizos presta ao deputado, someténdolle a localidade, afoga esta coas súas esixencias (...)”
Pérez Galdós, artigo en Política española. 1884.
- Analice os medios que utilizaba o sistema político da Restauración para falsear as eleccións e crear unha rede caciquil. Por que podemos dicir que o sistema político da Restauración era liberal pero escasamente democrático?
- Por que xurdiron os movementos nacionalistas?
- Explique o funcionamento do caciquismo en Galicia e razoe a súa razón de ser.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0