Saltar navegación

3. Resumo de contidos

  • Desde mediados do século XV prodúcese en Europa occidental toda unha serie de transformacións sociais, políticas e económicas que dan lugar a un novo período histórico, a Idade Moderna.

  • A poboación europea experimentou un notable crecemento a principios do período moderno. A sociedade mantiña os principais trazos medievais: o seu carácter rural e estamental. Con todo, comezan a se producir pequenas mudanzas pola importancia económica que adquire a burguesía, froito do impulso da actividade mercantil, co que se empezan a asentar as bases do capitalismo.

  • Nos reinos da península Ibérica, os Reis Católicos son os representantes máis destacados da monarquía autoritaria, novo sistema de goberno que se estende por Europa occidental. Os reis reforzan o seu poder tras someteren a nobreza, apoiados nunha Administración centralizada e nun exército permanente e modernizado ao seu servizo.

  • As necesidades comerciais, os descubrimentos científicos e técnicos, e a nova mentalidade renacentista explican a chegada de Colón a América. A entrada deste continente na historia de Europa marca definitivamente o inicio dunha nova era e o comezo dunha economía a escala planetaria. En América os europeos van entrar en contacto con civilizacións cun grande esplendor cultural, como a azteca, a inca ou a maia.

  • Un novo xeito de comprender o mundo vai xurdir no s. XV. A reivindicación do ser humano como centro de todas as cousas e a volta á Antigüidade clásica van estar detrás do Humanismo e do Renacemento. No eido relixioso, a Igrexa sufrirá unha escisión, nacendo as igrexas protestantes.

  • No século XVII os monarcas europeos tentarán reforzar aínda máis o seu poder. Será Francia o exemplo máis acaído deste novo sistema de goberno que se denomina monarquía absoluta. Nel, todos os poderes, lexislativo, executivo e xudicial, residen na persoa do monarca.

  • A sociedade estamental mantense durante todo o Antigo Réxime. Os estamentos, grupos sociais pechados aos que se pertence por nacemento, estruturan as poboacións cunha clara desigualdade legal: os privilexiados, unha minoría que monopoliza a terra e o poder, e os non privilexiados. Dentro destes últimos cobra protagonismo a burguesía, unha minoría que pouco a pouco gaña poder económico e prestixio social.

  • A agricultura de subsistencia foi a base económica durante a Idade Moderna. No século XVII crece a produción artesanal, coa aparición da industria doméstica e das manufacturas. Mais o que destaca é o desenvolvemento do comercio a longa distancia, o chamado comercio triangular, centrado na compra de persoas escravas en África para seren levados a terras americanas como man de obra nas grandes plantacións, cuxos produtos viaxarán a Europa. A chegada masiva de metais preciosos de América a Europa vai provocar un forte aumento da inflación, “a revolución dos prezos”.

  • Un novo gusto estético, coñecido como Barroco, imponse no s. XVII. Predominan valores estéticos nos que prima o movemento, a luz, a cor, na busca de exaltar os sentimentos. Os reinos hispanos serán un dos expoñentes deste novo estilo.

  • Galicia perdeu toda a autonomía e converteuse nun reino máis da coroa de Castela. Nun país moi ruralizado, a Igrexa era a grande propietaria territorial, vivindo o campesiñado nunha economía de subsistencia do que escasamente producían. Entres os grupos sociais destacou a fidalguía, que desde os seus pazos xestionaron o pagamento dos foros.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0