Saltar navegación

2.1.3 Cultura e Arte: Humanismo e Renacemento

Un novo xeito de comprender o mundo vai xurdir grazas ás transformacións económicas e sociais dos séculos XV e XVI. Sen negar a existencia de Deus, que ocupara un papel central na Idade Media, comezouse a buscar explicacións racionais aos fenómenos da natureza e a organizar todos os aspectos da vida social desde unha perspectiva que tivese máis en conta ao ser humano.

O Humanismo

Este movemento intelectual e cultural estendeuse desde Italia ao resto de Europa a través dos libros, cuxa difusión se acelerou grazas á invención da imprenta. Tamén as universidades contribuíron ao espallamento das novas ideas. Os pensadores humanistas reivindicaban o ser humano como o centro do pensamento e da cultura (antropocentrismo), así como unha volta á Antigüidade clásica, considerada como o modelo de coñecemento máis puro. Isto propiciou o estudo das linguas, en especial latín e grego. En Italia foi impulsado polos mecenas (nobres e burgueses protectores da arte e a cultura, como os Médici en Florencia). Entre os pensadores do movemento humanista destacan:

  • Erasmo de Róterdam, quen en Eloxio da tolemia realizou unha crítica dos males da sociedade do seu tempo (guerra, cobiza, incultura, intolerancia, etc.).

  • Tomás Moro, pensador inglés, quen na súa obra Utopía criticaba os monarcas despóticos, o materialismo, a propiedade privada e os privilexios.

  • Nicolás Maquiavelo, que na súa obra, O Príncipe, defendeu que para poder exercer o poder é lexítimo empregar a astucia, a hipocrisía ou o temor (o fin xustifica os medios).

  • En España destacaron Antonio de Nebrija, autor da primeira gramática castelá, Juan Luis Vives, promotor dunha reforma da educación a través do emprego do método experimental ou o Cardeal Cisneros, que publicou a primeira Biblia políglota.

O Renacemento

Vinculado ao Humanismo, este movemento artístico iniciouse en Italia no s. XV, onde os gobernos das diferentes cidades-estado viron no mecenado artístico o xeito para engrandecer o prestixio das súas vilas, de grande expansión económica grazas á actividade comercial. As principais características deste estilo son as seguintes:

  • A exaltación do ser humano e do individuo, o que se reflicte na realización de retratos e na volta a representación do nu, inexistente no período medieval.

  • A procura da beleza ideal a través da harmonía entre as partes, a claridade da composición, a representación da paisaxe, etc.

  • A inspiración e a recuperación da arte da Antigüidade clásica, o que se observa na utilización de temas mitolóxicos ou na utilización de elementos da arquitectura grecorromana.

  • O carácter didáctico e o desexo de mostrar a riqueza e o prestixio tanto da Igrexa, como dos poderes públicos e dos grupos sociais máis acomodados.

Destacaron artistas como Brunelleschi, Boticelli, Donatello, Leonardo da Vinci, Rafael, Miguel Anxo, etc., que levaron a arte dos séculos XV e XVI ao máximo esplendor.

 

A Reforma

Algúns humanistas criticaron a relaxación dos costumes e da moral do clero e a xeneralización de prácticas abusivas na Igrexa, como a venda de bulas e indulxencias (que concedían o perdón dos pecados en troca ao pagamento dunha cantidade de diñeiro).

  • A ruptura entre cristiáns produciuse polas predicacións de Martiño Lutero(Alemaña), ao negar o valor das indulxencias e o poder da Igrexa. Predicou unha nova doutrina relixiosa, coñecida como reforma luterana, que negaba a autoridade do Papa e se baseaba en tres principios: xustificación pola fe, sacerdocio universal (invalidando os sacramentos) e autoridade da Biblia (única fonte de inspiración para cada individuo).

  • Ao mesmo tempo xorden outras doutrinas reformistas:

    • O calvinismo (Suíza) de Xoán Calvino. Defendía a predestinación; é dicir, que o home ten determinado o seu destino desde o nacemento. Os principios que defende son: observar a Biblia, levar unha vida humilde e austera e gozar a graza divina.

    • O anglicanismo (Inglaterra) de Henrique VIII. Separouse de Roma ao se negar o Papa Clemente VII a concederlle o divorcio de Catalina de Aragón, autoproclamándose xefe supremo da igrexa anglicana.

Na súa loita contra a expansión do protestantismo a Igrexa católica iniciou un movemento de reforma coñecido como Contrarreforma. Un dos feitos fundamentais foi a convocatoria do Concilio de Trento. Nel proclamouse que a fe era importante para a salvación, mais tamén as boas obras; reafirmou a validez dos sete sacramentos e o culto á Virxe e os santos; e declarou a Vulgata como única interpretación válida da Biblia.

Actividades propostas

 S6. Se hai unha lámina que identifiquemos cos principios do humanismo é a obra de Leonardo da Vinci, coñecida como O home de Vitruvio. Obsérvea e responda ás cuestións formuladas deseguido:

 

  • Cal é a idea central da lámina?

  • Cales son os logros do Renacemento reflectidos na lámina?

  • Busque información sobre o obra. Indique data e autor. Escriba unha biografía breve.

S7. A arte renacentista supuxo a volta ao mundo clásico, colocando ao home no centro do mundo e recoñecendo que o sol está no centro do noso universo (en contraposición ao teocentrismo e ao xeocentrismo medievais). Busque información e relacione cada obra de arte co seu artista.

    • Artistas: Bramante, Michelangelo, Leonardo da Vinci, Juan de Herrera, Rafael, Brunelleschi.
    • Obras: Cúpula de Santa María das Flores, Capela Sixtina, Pazo do Escorial, Moisés, Derradeira cea, San Pietro in Montorio, Gioconda, Escola de Atenas.

S8. O Renacemento supuxo a volta aos modelos arquitectónicos, escultóricos e pictóricos clásicos. Despois de varios séculos, nos que a relixión cristiá impuxera os seus modelos, renacen os mitos clásicos. Observe e analice esta famosa pintura, O nacemento de Venus, de Sandro Botticelli. Galería dos Uffizi, Florencia (1485). Lea despois o texto e complete o cadro.

 

... non é, en efecto, unha exaltación pagá da beleza feminina. Entre os significados desta obra está tamén o da correspondencia entre o mito do nacemento da deusa da beleza Venus desde a auga mariña e a idea cristiá do nacemento da alma desde a auga do bautismo. A beleza que o pintor quere exaltar é, en todo caso, unha beleza espiritual e non física; o espido de Venus significa simplicidade, pureza, ausencia de ornamentos; a natureza exprésase nos seus elementos (aire, auga e terra); o mar, encrespado polo vento que sopra, Eolo e Boreas, é unha superficie verde-azulada sobre a que as ondas aparecen esquematizadas mediante trazos absolutamente iguais; e igualmente simbólica é a cuncha.”

Argan. Renacemento e Barroco I.

 

 

Características

Obra

  • Título

 

  • Autor

 

  • Data

 

  • Localización actual

 
  • Estilo

 
  • Temática

 
  • Personaxes que aparecen e significado
 
  • Luz e cor
 

 

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0