2.2.2 Sociedade e economía
A sociedade estamental: unha minoría de privilexiados
A sociedade organizábase en grupos pechados ou estamentos aos que só se accedía por nacemento. Deste xeito, non existía mobilidade social agás excepcións (casos de ennobrecemento por méritos, compra, etc.). Este sistema, moi estable no tempo, tiña coma característica fundamental a desigualdade legal entre os membros dos diferentes estamentos: a nobreza e o clero, que gozaban de privilexios, como non pagar impostos ou contar cunha xustiza particular; e os non privilexiados, a grande maioría da poboación.
-
Grupos privilexiados.
-
Nobreza: era unha minoría heteroxénea que posuía un gran poder económico e político. Eran propietarios de grandes latifundios; estaban exentos do pagamento de impostos; recibían elevadas rendas dos labregos; ocupaban cargos políticos e militares, e tiñan privilexios que herdaban no seu nacemento.
-
Clero: era un grupo heteroxéneo que posuía grandes bens patrimoniais (igrexas, abadías, etc.) e terras, grazas ás que percibían décimos, doazóns ou esmolas. Tiñan o poder ideolóxico e controlaban a educación.
-
Grupos non privilexiados.
-
Burguesía: minoría que foi gañando paseniño poder económico e prestixio social. Os burgueses habitualmente vivían nas cidades; controlaban a actividade comercial e financeira. Era un grupo culto que carecía de privilexios, malia enriquecérense; nalgúns casos emparentaron coa nobreza mediante a compra de títulos ou enlaces matrimoniais.
-
Artesanado: grupo pouco numeroso encargado da actividade industrial nas cidades. Organizábanse en gremios. No século XVIII e XIX pasaron a formar parte do proletariado industrial.
-
Campesiñado: era o grupo máis numeroso da sociedade estamental. Vivían no mundo rural e apenas obtiñan colleitas suficientes para poder sobrevivir. Debían pagar numerosos impostos á nobreza e ao clero. Só unha minoría era propietaria.
-
Grupos marxinais: esmoleiros, doentes, anciáns ou proscritos, que vivían grazas á caridade ou á delincuencia.
Unha economía que comeza a mudar: da industria doméstica ao comercio colonial
No século XVII a agricultura de subsistencia, na que traballaba máis do 80% da poboación, era a base económica en Europa. As guerras e as malas colleitas, motivadas por un arrefriamento climático, provocaron a fame entre os menos favorecidos da sociedade.
A produción artesanal era escasa e vinculada só aos gremios. Nesta época apareceu a industria domiciliaria, realizada polo campesiñado como actividade complementaria no propio domicilio. Un exemplo desta industria foi a elaboración de tecidos de liño nos fogares campesiños galegos. Esta actividade permitía escapar do control dos gremios e dotou a quen a desenvolveron duns ingresos adicionais. Por outra banda, xurdiron as manufacturas, obradoiros onde os traballos eran realizados a man con sinxelas máquinas.
Polo que respecta ao comercio, este tivo unha importancia moito maior do que cabería polo número de persoas implicadas. Consolidáronse as rutas marítimas abertas por españois e portugueses na creación dos seus imperios de Ultramar: a ruta dos metais preciosos e a ruta das especias. Europa, África e América comunicáronse co chamado comercio triangular, centrado na compra de persoas escravas en África para seren levados a terras americanas como man de obra nas grandes plantacións de café, azucre, cacao, tabaco, etc. No caso de España, estes produtos eran transportados pola flota das Indias (galeóns) ata Sevilla, desde onde partían a todos os mercados europeos.
O comercio colonial deixou de ser no s. XVII monopolio español e portugués ao participar tamén holandeses, ingleses e franceses, que se espallaron polo Atlántico e o Indico.
A chegada masiva de metais preciosos de América vai provocar un aumento xeral dos prezos, o que se coñece como a revolución dos prezos. Isto foi debido a que a oferta de produtos creceu en menor medida que a cantidade de diñeiro dispoñible, polo que aumentou a inflación.
Actividades propostas
S10. Nesta época aparecen por primeira vez os censos de poboación en Europa, con fins recadatorios e políticos, e cunha marxe de erro moi ampla. Observe os datos deste cadro (en millóns de habitantes). Conteste despois ás cuestións.


-
En que países medrou máis a poboación?
-
Que país ou países sufriron a maior crise de poboación?
-
Localice no mapa os países da gráfica.
S11. O gran descoñecido desta sociedade era o pobo, anónimo e traballador, e o máis numeroso. Velaquí un exemplo, “A familia de Jacques Bénard”. Lea a súa historia, tomada dos rexistros de bautismo, defunción, etc. dunha parroquia de Francia.
-
"Jacques Bénard nace en Magny-en-Vexin o 19 de maio de 1664. Á idade de 23 anos, o 1 de xullo de 1687, casa con Barbe Pigeon, que ten aproximadamente a mesma idade. O seu fillo maior, Nicolás, nace o 19 de febreiro de 1688 e morre o 29 de novembro do mesmo ano. O 12 de xaneiro de 1691 nace Xoán, que morreu o 7 de maio de 1706, aos 15 anos de idade. O 19 de abril de 1693 vén ao mundo unha nena, Margarida, que morre un ano máis tarde, o 4 de maio de 1694. Igualmente, Xosé nace o 28 de decembro de 1695 e morre á idade de sete anos, o 15 de maio de 1703.
Soamente sobreviviron dúas fillas: Bárbara e María, nacidas, respectivamente, o 7 de decembro de 1698 e o 27 de xaneiro de 1703. A primeira casa con Jacques Cardonnet, o 6 de xullo de 1722; a segunda, con Laurent Montegagne, o 16 de abril de 1728.
A nai, Barbe Pigeon, morre o 15 de novembro de 1703, algúns meses despois do seu fillo José.
Logo de viúvo, Jacques Bénard volve casar o 20 de maio de 1704 con Catherine Picot de 33 anos. Jacques Bénard morre o 3 de abril de 1715 e é enterrado no cemiterio de Magny.
(Extraído dos rexistros de bautismos, casamentos e sepulturas de Magny-en-Vexin. Datos recollidos Ed. Akal
-
Cos datos do texto constrúa a árbore xenealóxica da familia de Jacques Bénard.
-
Nunha liña do tempo marque a vida de cada un dos fillos da familia. Cal é o número maior de irmáns que chegaron a convivir?

-
Cantos fillos sobreviviron aos pais? Era frecuente no século XVIII?
-
Intente explicar posibles causas da morte da primeira muller de J. Benard.
-
A que idade morreu J. Benard? E a súa muller?
-
Cantos fillos tiveron J.B. e a súa primeira muller?
-
Calcule os intervalos (en meses) entre os nacementos dos fillos. Cal é a media?
-
A que idade casaron Bárbara e María? Era normal naquela época?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
