2.2.1 Aparición da monarquía absoluta
No século XVII a maioría dos monarcas europeos tentaron de reforzar o seu poder e camiñar cara á monarquía absoluta. Este sistema denomínase así porque concentra todos os poderes en mans do rei. As causas da aparición da monarquía absoluta foron:
-
A nobreza viu na concentración do poder real un medio para estabilizar a economía.
-
A creación de exércitos permanentes ao servizo do rei.
-
O protestantismo afastou a moitos estados do Papa e dos Estados Pontificios.
-
A conquista de América trouxo a Europa grandes cantidades de ouro e prata, especialmente a España e Portugal.
-
A crise da servidume.
|
"É só na miña persoa onde reside o poder soberano, cuxo carácter propio é o espírito de consello, de xustiza e de razón; é a min a quen deben os meus cortesáns a súa existencia e a súa autoridade; a plenitude da súa autoridade que eles non exercen máis que no meu nome reside sempre en min e non pode volverse nunca contra min; só a min pertence o poder lexislativo sen dependencia e sen división; é pola miña autoridade que os oficiais da miña Corte proceden non á formación, senón ao rexistro, á publicación e á execución da lei; a orde pública emana de min, e os dereitos e os intereses da Nación, dos que se adoita facer un corpo separado do Monarca, están unidos necesariamente ao meu e non descansan máis que nas miñas mans." |
![]() |
|
Discurso de Luís XV ao Parlamento de París o 3 de marzo de 1766 |
|
Modelo de monarca absolutista
Luís XIV de Francia considérase prototipo de monarca absoluto. Atribúeselle a frase “O Estado son eu”. Malia non existir certeza histórica da súa autoría, caracteriza ben esa concepción do poder: o poder supremo lexislativo, executivo e xudicial residían no monarca. Baseou o seu poder no nomeamento de intendentes de xustiza, de policía e de finanzas nas provincias que só respondían ante o rei; no fortalecemento da burocracia, do exército e da diplomacia; así como no control da economía a través dos seus ministros (Colbert).
Deixou de convocar os Estados Xerais e buscou a unidade relixiosa, obrigando os protestantes a se converter ao catolicismo ou a se exiliar.
A monarquía absoluta só triunfou plenamente en Francia. Os monarcas hispanos, igual cós alemáns, viron moi limitados ese teórico poder absoluto, mentres que en Inglaterra fracasou totalmente, xurdindo un sistema coñecido como parlamentarismo. Iso significaba que o poder do rei estaba limitado polo Parlamento, integrado por representantes dos estamentos sociais (nobres, igrexa, burgueses...).
Actividades propostas
S9. Os cambios cara a un novo modelo de monarquía foron producíndose paseniño, ao longo da Idade Moderna, e manifestáronse en todos os aspectos da vida. A nivel político a evolución foi moi clara.

-
Compare os dous tipos de monarquía aos que se alude nos textos 1 e 2 e complete a táboa.
-
Monarquía absoluta
(texto 1: Xacobo I e Luís XV)
-
En quen reside o poder?
-
Quen redacta e onde se fan as leis?
-
Quen exerce a xustiza?
Monarquía parlamentaria
(texto 2: Sir Thomas Smith e
Petición de dereitos)
-
En quen reside o poder?
-
Quen redacta e onde se fan as leis?
-
Quen exerce a xustiza?
-
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
