Saltar navegación

2.1.1 A monarquía autoritaria: economía e sociedade

 Durante o século XV os Estados europeos (Castela, Aragón, Francia ou Inglaterra) sufriron unha fonda inestabilidade política. Os continuos enfrontamentos entre a nobreza e a monarquía por controlar o poder, que mesmo se converteron en guerras civís, foron paulatinamente decantándose a favor dos reis, que impuxeron o seu poder dando lugar a un novo sistema de goberno: a monarquía autoritaria.

Cunha economía de base agrícola, Europa comeza a recuperarse das crises económicas vividas na baixa Idade Media, poñéndose as bases do capitalismo, un novo sistema económico en que os medios de produción (talleres, ferramentas, ...) pertencen a un propietario privado, que acumula os beneficios ou o capital. A man de obra é contratada por un salario fixo.

Unha poboación en aumento

A poboación comeza a medrar como consecuencia da recuperación económica iniciada no século XV. Contribuíu a este crecemento a fin dun longo período de devastadoras guerras, a desaparición das grandes epidemias (peste negra), así como outras causas, como o adianto na idade de casamento.

A sociedade rural e estamental, mantiña os principais trazos medievais, aínda que comecen a percibir algunhas mudanzas. Deste xeito, estruturábase en:

 

  • Privilexiados: nobreza e o alto clero.

    • Ocupaban os cargos políticos e gozaban de todo tipo de privilexios.

    • Estaban exentos do pago de impostos.

    • Pouco a pouco foron perdendo o seu poder político, en favor do monarca e da Corte, aínda que mantiveron o seu poder económico grazas ao control da meirande parte das terras (vivían das súas rendas).

  • Non privilexiados: labregos, artesáns e burgueses.

    • Constituían o 80 % da sociedade. Estaban sometidos ao poder dos nobres e do clero.

    • A práctica dunha agricultura de subsistencia apenas lles permitía vivir coas súas escasas colleitas. Só as complementaban coa venda de excedentes agrarios en feiras ou mercados.

    • O desenvolvemento do comercio a longa distancia (con Asia e América) provocou a acumulación de enormes beneficios nas mans da burguesía (mercadores, banqueiros ou comerciantes), mais este grupo non podía participar na vida política.

Unha economía agrícola onde se sentan as bases do capitalismo

O crecemento da poboación foi posible polo aumento da produción agrícola, sobre todo cereais, na maior parte de Europa. O cambio económico máis importante foi a aparición das bases do capitalismo, impulsado pola burguesía mercantil e caracterizado por:

  • Aumento da circulación monetaria (grazas ao ouro e á prata chegados de América).

  • Incremento da demanda (ampliación de mercados en Ultramar).

  • Nacemento da banca (préstamos).

  • Uso da letra de cambio.

  • Creación de consulados e lonxas para as transaccións comerciais.

 

O afianzamento do poder real: a monarquía autoritaria dos Reis Católicos

As monarquías da Europa occidental evolucionaron cara a unha nova forma de goberno: a monarquía autoritaria. Como referentes neste proceso de imposición do poder real atopamos a Isabel e Fernando, os Reis Católicos, coa acción de goberno que levaron a cabo nos seus reinos, nomeadamente en Castela. Este sistema baseábase no seguinte:

  • Unificación territorial (toma de Granada e conquista de Navarra).

  • Sometemento da nobreza á Coroa: en Castela conseguen debilitar o seu peso político, xa que só van ser consultados cando convoquen a Cortes, mais garántenlle a súa situación de privilexio grazas a institucións como o morgado ou a mesta.

  • Organización da Administración, que permite o aumento do poder real grazas á burocracia. Deste xeito xorden os Consellos, órganos consultivos do rei con moitas competencias, ou os corrixidores, funcionarios da Coroa que controlan os municipios.

  • Control da administración de xustiza (as audiencias e chancelerías).

  • Existencia dun exército permanente e modernizado ao servizo do rei.

  • Organización das relacións internacionais a través da diplomacia, coa creación de institucións como os consulados.

  • Unha particularidade castelá foi a creación da Santa Irmandade (milicias para garantir a seguridade dos camiños) e a reforma da facenda para o cobramento dos impostos. Os Reis Católicos viron clara a necesidade de limitar o poder da Igrexa e intervir nos seus asuntos (regalismo), potenciando a institución creada na Idade Media, a Santa Inquisición, que, encargada teoricamente de manter a ortodoxia e a unidade relixiosa, permitiulles reforzar o seu poder, promovendo unha uniformización relixiosa e a persecución e expulsións de xudeus e musulmáns non convertidos ao cristianismo.

Actividades propostas

S2. Atendendo ao texto, localice na sopa de letras oito das institucións adoptadas polo goberno autoritario e centralista dos Reis Católicos  

 

 

S3. No século XVIII aínda permanecían estruturas medievais. Lea o seguinte texto no que se detallan as obrigas duns campesiños. No apartado 7: Glosario, ten o significado das palabras descoñecidas. Realice despois as tarefas propostas.

 

  • "Artigo 1. É debido ao señor, en ocasión das vendas, laudemios do prezo de cada adquisición, xeralmente sobre todos os bens sen excepción (...)

  • Artigo 2. Os habitantes de Essigey que teñan lume e eira deben cada un unha galiña no primeiro día da coresma entrante, e unha corvea de brazo por cada traballador na época da sega do feo, a devandita corvea sempre foi feita, pero a galiña nunca foi entregada.

  • Artigo 3. Cada labrego ou quen teñan cabalos ou bois e arneses deben tamén anualmente unha corvea de arado ou caza (vendima) na época da semente.

  • Artigo 4. Pertence ao dito señor o coidado de percibir o décimo en todas as terras do señorío a razón de 14 gavelas cada un, suposto que o prior Tart perciba unha, das quince da cada montón.

  • Artigo 5. Pertence ao devandito señor a xustiza alta, media e baixa en toda a súa extensión.

  • Artigo 6. Todos os habitantes deben facer garda no castelo de dito lugar.

  • Artigo 7. Os habitantes deben sacar os refugallos que leva a auga do río aos fosos do dito castelo. Están ademais obrigados a pechar con sebes mortos o prado chamado Le Closeau, (...)

  • Artigo 8. Todos os que vendan viño en Essigey deben unha pinta de viño ao señor (...), que os vendedores están obrigados a levar ao seu castelo unha hora logo de ter aberto o barril (...)

  • Artigo 9. Ningún dos habitantes ten o dereito de pesca nin de caza... baixo pena de confiscación de apeiros...

  • Artigo 10. (...) o señor pode ter os seus bosques sen explotar e acoutados, sen que lle sexa permitido a ninguén tomar de alí madeira nin enviar animais baixo pena...”

Manual de dereitos de Essigey, Côte-d'Or, Cantón de Genlis, 1780 http://www.naullibres.com/html/aaa/descargas/geaclio/examenes/4eso2007_03.pdf]

 

    • Explique cales eran as principais obrigas dos labregos, segundo o documento.

    • Quen exercía o control do lugar? Variaba respecto do feudalismo? Cantos séculos separan este período histórico (feudalismo) da data do documento?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0