Saltar navegación

2.3.1 Galicia: un territorio dependente, unha sociedade rural

Galicia converteuse nun reino máis da coroa de Castela. Malia que conservou unha institución propia, a Xunta do Reino, creada en 1528 e que estaba formada por representantes das sete provincias existentes na Galicia do século XVI (Tui, Santiago, A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo e Ourense), Galicia careceu de toda autonomía no conxunto da monarquía hispánica.

A comezos da Idade Moderna Galicia estaba poboada por uns 630.000 habitantes, que vivían fundamentalmente nas parroquias rurais. Mantíñanse as grandes diferenzas entre os estamentos sociais, no que destacaba a fachendosa fidalguía, que vivía nos pazos galegos gozando das súa rendas, e os numerosos labregos. Apenas había cidades, só aquelas que constituían as capitais de provincia, pero de reducidas dimensións.

A economía e a sociedade galega dos séculos XVI e XVII eran rurais e dedicadas á agricultura, sector onde traballaba o 85 % da poboación. As familias vivían nunha economía de subsistencia e dos ingresos obtiñan da venda dos produtos sobrantes: viño, centeo, gando vacún, etc. Coa chegada a Galicia de produtos procedentes de América diversificouse a alimentación galega: pataca, millo, etc. Xunto á agricultura e á gandaría, os galegos dedicaron os seus esforzos ao comercio marítimo de ultramar, especialmente nos territorios comprendidos entre A Coruña e Baiona, o que favoreceu actividades como a construción de barcos e a pesca, que traería como consecuencia o desenvolvemento da industria da salgadura de peixe.

Neste período apenas houbo grandes cambios, aínda que aumentou a importancia da fidalguía. A principal fonte de riqueza dos privilexiados seguían a ser os contratos de Foro, é dicir, unha forma de arrendamento da terra, propia de Galicia, na que o señor cedía o uso da terra durante un longo período a cambio dunha renda fixa.

Actividades propostas

S15. Localice o nome das sete cidades galegas citadas, sitúeas no mapa da páxina seguinte e identifique os monumentos de cada unha que se reproducen. Delimite logo no mapa o contorno das catro provincias actuais (cunha liña vermella).

 

 

  • Tui:

  • A Coruña:

  • Betanzos:

  • Ourense:

  • Santiago:

  • Ourense:

  • Mondoñedo:

  • Lugo:

 

 

 

 

S16. Como xa dixemos, a principal fonte de riqueza dos privilexiados eran os contratos de foro. Pero que son os foros e cal é a súa historia? Lea e conteste.

    •  De acordo co que se di no texto, que era un contrato de foro?
    • Aquí ten un exemplo dese tipo de contrato, neste caso entre un mosteiro e un crego. Léao e conteste.

 

Coñecida cousa sexa a todos como eu, frei Gonzalo, abade de Melón, conxuntamente co prior e mosteiro dese lugar, damos e outorgamos a ti, Pedro Rodríguez, crego de Sadornín, e a toda a túa voz, aquela nosa viña que se chama do Penedo (...) coa condición que a labredes ben, que non desmereza por falta de atención e nos deades (...) cada ano a metade [da colleita]. (...) Non a podedes vender nin empeñar nin dala a ninguén, senón a nós por xusto prezo; e se a nós non interesase, debedes vendela ou dala a un labrego manso que merque o noso foro en paz. Non a deades nin a fidalgo nin a outra orde”.

 

  • No texto aparecen estas palabras. Defínaas: frei, crego, labrego, fidalgo, mosteiro e abade.

  • Quen era o propietario da terra?

  • Quen ía cultivala?

  • Intente explicar a expresión “vivir de rendas”?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0