2.3.2 Un modelo ilustrado en Galicia: Sargadelos
Antonio Raimundo Ibáñez (1749-1809), marqués de Sargadelos, desenvolveu nesa localidade do actual concello de Cervo, Lugo, unha das poucas iniciativas industriais de finais do século XVIII e comezos do XIX en Galicia. Fundou unha fábrica de fundición de ferro. Máis tarde creou unha fábrica de louza, cuxa fama e actividade chegou ata os nosos días, a través de moitas vicisitudes.
É considerado un erudito ilustrado, que posuía una idea moderna do home e da economía. Escribiu: A poboación é a que constitúe a riqueza e a forza dos Estados. Non se pode soster o progreso senón mediante a industria, as fábricas, o comercio e a navegación, cuxas polas son o poderoso axente da industria, que é a primeira, a máis esencial e indispensable das artes. []
Durante a Guerra da Independencia, os numerosos inimigos políticos e económicos de Ibáñez conseguiron o seu linchamento na localidade de Dompsiñor, baixo a acusación de afrancesado, o 2 de febreiro de 1809, animando á multitude a asaltar e saquear a súa casa.
Actividades propostas
S17. Lea este texto da obra que o escritor Alfredo Conde dedicou á figura do marqués de Sargadelos. Conteste despois ás cuestións.
-
“Agora está sentado no mesmo lugar onde a xente conta que tivo a iluminación que faría posible Sargadelos. Acaba de chover e arrecende a terra mollada, ese olor típico do caolín cando o humedeces co bafo do teu propio respirar, co teu alento. Ese arrecendo da terra é o que fai que haxa quen supoña que nos cántaros resida o ánimo, o alento dos mortos todos que envolveu a terra, agarimados que foron antes polas mans sabias e silentes do oleiro. Louza branca con alento a vida. Máis branca ca ningunha se se fai con caolín de Burela, o máis puro do mundo, disque.
Sería fermoso que fose así como lle aboiase a Antonio na toma da consciencia esa idea da que ten falado xa con tanta xente desque lla imbuíu a el o finado don Cester, bo coñecedor do tema. Unha fábrica de louza que complete o complexo industrial de Sargadelos. Na siderurxia, potes e recipientes varios, legóns e fouciños, fermosas sebes de ferro, leóns poderosos, enormes cálices prós xardíns galegos, cravazóns prós navíos, munición pró exército, canóns, armas o que faga falla; e, na cerámica, vaixelas fermosas, fortes e pratos que arremeden os de Bristol; ou mesmo louza branca que leve a marca coa que el sinalou máis dunha árbore, alá ó pé mesmo da Casa da Ferreirela, aquel carballo no que apoiaba o lombo pra ler, cando o toro aínda era feble e tremía co impulso do seu corpo mozo no que apoiaba á vida.”
Alfredo Conde, Azul cobalto. Historia posible do Marqués de Sargadelos
-
Defina: caolín, oleiro, louza e cántaro.
-
Que industrias potenciou o marqués? Consérvase algunha?.
-
Que cor caracteriza a louza de Sargadelos?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0