Saltar navegación

2.1 Antecedentes do Antigo Réxime

O século XV constitúe un momento clave no devir histórico. Un novo período histórico vai comezar en Europa occidental, froito dunha serie de transformacións sociais, políticas e económicas. Unha novidade que non pasou desapercibida aos contemporáneos e que levou a un historiador a denominalo “moderno” en contraposición á longa etapa histórica precedente, a Idade Media.

Existen distintas visións para explicar o paso á Idade Moderna. Hai quen defende a existencia dunha ruptura brusca co medieval, fronte a quen falan dunha continuidade entre estes dous períodos da historia. A idea de cambio preside o estudo deste período. Os sistemas sociais evolucionan permanentemente ata que entran en crise e son substituídos por outros. Así, os historiadores definiron o paso do feudalismo ao capitalismo de diferentes maneiras:

“O Renacemento foi un cambio de marea. A imaxe que reflicte a transición da Idade Media aos tempos modernos (como podería ser doutro xeito?) non é a dunha revolución, senón a dunha prolongada sucesión de ondas que rodan sobre a praia, cada unha das cales rompe en lugar e en momento diferentes.”

Huizinga, J: El otoño de la Edad Media. Estudios sobre la forma de vida y el espíritu durante los

siglos XIV y XV en Francia y los Países Bajos. Alianza Editorial. Madrid, 1979

 

 

“Non hai dúbida de que as cidades en rápido crecemento –que ofrecían liberdade, emprego e máis categoría social– serviron de potente imán á poboación rural oprimida. E os propios burgueses, que precisaban máis man de obra e máis soldados para reforzar o seu potencial militar, fixeron o posible para facilitar aos servos a fuxida da xurisdición dos seus amos. (...) A maior eficacia dunha produción moito máis especializada, as maiores ganancias que se podían conquistar mediante a produción para o mercado en lugar de para o uso inmediato, a maior atracción da vida urbana para o traballador, todos estes factores facían que non fora máis que unha cuestión de tempo o que o novo sistema, unha vez o bastante forte para vivir pola súa conta, gañara a batalla...”

Sweezy, P.: A transición do feudalismo ao capitalismo. Barcelona, 1982

 

A finais do século XV iníciase a Idade Moderna. 1453, ano da toma de Constantinopla, serviu tradicionalmente para marcar o inicio deste período. A expansión do imperio turco polo Mediterráneo modificou o mapa político e económico europeo. Mais outros factores serán máis determinantes para explicar a irrupción da modernidade. Así, os progresos científicos e técnicos van transformar as sociedades europeas. Particularmente destaca a invención da imprenta, que permitiu unha ampla difusión dos libros, achegando a cultura a un amplo sector social. Estas transformacións técnicas van permitir a entrada de América na historia europea, acontecida trala viaxe de Colón; supón o inicio dunha economía a escala planetaria, que se iniciara coas exploracións marítimas de Portugal e Castela.

O inicio da Idade Moderna é unha época de transformacións. Asistiremos á aparición de novas correntes de pensamento (o Humanismo), de novas expresións culturais e artísticas (Renacemento) e a transformacións relixiosas (o protestantismo). Cambios que estarán moi unidos ao cada vez maior peso social dun grupo social, a burguesía, cuxas reivindicacións desembocarán, tres séculos máis tarde, no inicio da Idade Contemporánea.

Actividades propostas

S1. Deseguido citamos os principais acontecementos que definen a Idade Moderna. Trace unha liña do tempo (1450-1800) e sitúeos:

    • Toma de Granada a Boabdil (1492).

    • Expulsión dos xudeus da Península Ibérica (1492).

    • Chegada de Colón a América (1492, como datos para Occidente)

    • Toma de Constantinopla polos turcos (1453, para Oriente).

    • Tamén debe situar o estoupido da Revolución Francesa (1789) e a Revolución Industrial, acontecementos cos que remata a Idade Moderna (mediados do século XVIII).

 

1 cm = 25 anos

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0