2.2 O Antigo Réxime
Na Europa do século XVII conviven dúas formas de vida. A sociedade estamental, herdada do período medieval, mantense vixente en boa parte do continente, cunha nobreza que domina a vida cotiá e pretende perpetuar os seus privilexios. Mais agroman os trazos dunha nova sociedade, froito das transformacións económicas, ideolóxicas e políticas potenciadas pola burguesía, que comezan a situar os seus valores éticos e estéticos. As principais características da sociedade deste século son:
-
Poboación: o crecemento foi tan feble que mesmo se pode falar dun estancamento. A evolución foi moi descontinua ao longo do século, xa que se viu afectada polas guerras, crises de subsistencia e epidemias. Ademais, foi moi desigual: fronte ao escaso crecemento no Sur de Europa (España perdeu poboación debido á expulsión dos mouriscos e á emigración cara a América), os países do norte de Europa mesmo dobraron a súa poboación.
-
Política económica: imponse o mercantilismo.
-
Organización social: a sociedade estamental mantívose, aínda que comezou a tomar un grande protagonismo a burguesía.
-
Organización política: xorde a monarquía absoluta de dereito divino.
-
Ciencia e filosofía: prima o antropocentrismo, afastándose das crenzas relixiosas.
-
Arte: aparece o Barroco, que supón unha época de esplendor artístico en España.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0