Saltar navegación

1 - Introdución

Descrición da unidade didáctica

Esta unidade, denominada A Europa do Antigo Réxime, aborda a transición desde o feudalismo ao capitalismo, nun percorrido pola historia dos séculos XVI, XVII e XVIII. Estes cambios non se producen dun xeito uniforme en Europa e menos no contexto mundial, onde a presenza de pobos que aínda viven na prehistoria marca un forte contraste no devir histórico da historia moderna.

Coñecementos previos

Para podermos comprender o tema do Antigo Réxime cómpre termos claros os grandes cambios que se produciron na Idade Media en Europa. Malia que durante anos os historiadores definiron este período como unha fase escura e sen interese da historia, tanto na Península Ibérica como en Europa en xeral, a Idade Media foi un período de desenvolvemento artístico e cultural vinculado ás cortes, aos mosteiros que poboaron Europa, moitos deles ao abeiro do Camiño de Santiago, sen esquecer a grande pegada deixada polos musulmáns durante o esplendor de Al-Andalus.

Todos estes aspectos son coñecementos previos básicos para comprender despois as transformacións económicas e políticas que configuran a chamada Historia Contemporánea, tratada no bloque 2 do módulo 3 (Un século de revolucións: da marsellesa á internacional).

Suxestións para a motivación e o estudo

Este tema está enfocado desde un punto de vista práctico. Foi tal o desenvolvemento cultural de Galicia, de España, de Europa e do mundo en xeral; foi tal a riqueza artística, literaria e a variedade de sistemas políticos, económicos e sociais que se desenvolveron paralelamente no tempo, que todos eles resultan claves para comprender a evolución actual dos estados do mundo e as relacións xeopolíticas establecidas no mundo actual.

Orientacións de temporalización

Estímase que a esta unidade didáctica o alumnado deberíalle dedicar un total de 16 sesións ou horas.

  • Tres sesións para o punto 2.1.: Antecedentes do Antigo Réxime.

  • Seis sesións para o punto 2.2.: O Antigo Réxime”.

  • Tres sesións para o punto 2.3.: A Galicia do Antigo Réxime.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0