2.3 Secuencias textuais e tipos de textos (aspectos teóricos)

Nun texto a información pode presentarse de diversos xeitos:

  • Narración. Como un conxunto de feitos reais ou ficticios que se suceden no tempo. Exemplo: Onte estiven no cine coas miñas amigas; logo fomos merendar.

  • Descrición. Como un conxunto de trazos que caracterizan un ser, un obxecto, un lugar... Exemplo: As miñas amigas son unhas rapazas moi simpáticas.

  • Exposición. Como unha explicación de feitos, ideas ou fenómenos. Exemplo: O cine foi inventado polos irmáns Lumière.

  • Argumentación. Como un conxunto de razoamentos que conducen a algunha conclusión. Exemplo: Tes que te dar presa porque remata o tempo.

  • Diálogo. Como unha conversa.

Narración, descrición, exposición, argumentación e diálogo poden dar lugar a distintos tipos de textos, e o habitual é que se presenten como partes dun texto. Nun mesmo texto informativo poden aparecer secuencias narrativas, descritivas ou argumentativas.

Actividades propostas

 Actividades propostas

S2. Lea atentamente os seguintes textos e clasifíqueos segundo a súa tipoloxía:

 

Texto 1. Diante da miña casa hai unha fiestra, ou mellor dito, un chinelo cadrado de cuarta e media de lado, cun único cristal. [...] Máis alá do cristal está a praza, a pequena praza ovoide, alumada por un só farol adosado a un muro que fora branco, verde agora nas súas tres cuartas partes por unha especie de mofo, balor ou carriza moi lene.

 

X.L. Méndez Ferrín, Arrabaldo do norte, Ed. Galaxia

 

Texto 2. Nunca máis deixará de chover. Pensábalo mentres mirabas a auga correr, ríos verdadeiros baixando pola avenida, por onde os autos máis parecían navegar ca circular. Chovía así desde que te ergueras tan cedo aquela mañá.

Era xa pola tarde, había pouco que chegaras das clases no Instituto. Estabas no teu cuarto agardando por unha chamada de Sandra.[...] Tamén aquela noite soñaras, esta vez un soño ben diferente do anterior. Podía este novo soño alterar o significado que lle atribuíras ao primeiro?

M. Vázquez Freire, Anxos en tempos de chuvia, Ed. Xerais

 

Texto 3. A voz ronca dun policía soou do outro lado do fío telefónico.

- Comisaría do distrito sur.

- Por favor, pódeme poñer co despacho número sete?

- Quen chama? – preguntou desconfiado.

Tiven que dicir outra mentira.

-Son o secretario do xuíz...humm...Huertas.

-O xuíz Huertas?

J. Miró, Calquera noite pode saír o sol, Ed. Galaxia

 

 

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License