2.2 Tipos de textos (aspectos teóricos)Sección

  • Comunicación escrita

Os textos clasifícanse desde varios puntos de vista, aínda que a súa finalidade principal é a de transmitir información. A presentación da información depende do tipo de texto.

  • Textos informativos. Están concibidos para lle facilitar novos coñecementos ao receptor. Un informe ou unha noticia, por exemplo, son textos informativos. A función comunicativa dominante neste tipo de textos é a informativa ou representativa. Exemplo: A uns 25 quilómetros da cidade de Luxor, atópase o Val dos Reis, o depósito arqueolóxico máis importante de Exipto.

  • Textos persuasivos. A súa finalidade é convencer o receptor. Un anuncio publicitario ou un mitin político, por exemplo, son textos persuasivos. Neles predomina a función conativa ou apelativa. Exemplo: Viaxes O Nilo ofrécelle unha viaxe inesquecible, que lle dará a coñecer a beleza e o esplendor do antigo Exipto.

  • Textos prescritivos. Teñen por obxecto indicar de que xeito debe actuar o receptor. Unha receita de cociña ou as instrucións de uso de calquera aparello, por exemplo, son textos prescritivos. Emprégase, xa que logo, a función comunicativa directa. Exemplo: Durante a visita ao Val dos Reis, use prendas lixeiras para que o vento poida circular a través delas.

  • Textos literarios. O seu propósito é crear unha impresión estética no receptor. Un poema ou un trabalinguas, por exemplo, son textos literarios. Utilizan a función poética da linguaxe. Exemplo: A luz dourada esténdese polo sereno Val dos Reis, cuxo silencio funerario se ve roto polo suave rumor dos primeiros comerciantes.

Os xéneros literarios son os grupos en que se clasifican os textos literarios segundo a súa forma e o seu contido. Tradicionalmente divídense en tres xéneros: o narrativo, o lírico e o dramático.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License