2.8 A linguaxe literaria (aspectos teóricos)

A linguaxe que usamos todos os días pode transformarse para aumentar as súas posibilidades expresivas. Podemos usar técnicas e recursos para engadir á linguaxe un novo ritmo ou para que provoque en nós estrañeza ou para que impresione a nosa imaxinación, a intelixencia ou a memoria. Cando facemos iso transformamos a linguaxe normal en linguaxe literaria.

As figuras literarias

A literatura é a arte da palabra. Un dos trazos da linguaxe literaria, especialmente da linguaxe empregada no xénero lírico, é o uso de figuras literarias, é dicir, palabras que se utilizan co seu significado habitual, pero nun contexto que as afastan do uso normal, adquirindo deste xeito un matiz moi expresivo. Por isto o seu emprego é característico das obras literarias, sobre todo, do xénero poético. Algunhas das figuras máis utilizadas son as seguintes:

  • Anáfora: consiste na repetición das primeiras palabras dun verso. Por exemplo:

Tarde para lembrarse do pasado

 tarde para ollar o incerto futuro

tarde, sempre dis que é tarde.

  • Epíteto: adxectivo que se antepón ao substantivo que acompaña e resalta características intrínsecas del. Por exemplo: branca neve, verde herba.
  • Hipérbato: consiste na alteración da orde lóxica dos elementos sintácticos dunha oración. Adoita utilizarse para dotar a linguaxe dun matiz máis nobre. Exemplo: Das ondas a escuma bicaba a area. ð A escuma das ondas bicaba a area.
  • Hipérbole: consiste en esaxerar de forma considerable algún tipo de afirmación feita por un personaxe. Exemplo: Síntome tan mal que me doe ata o alento.
  • Metáfora: consiste na identificación ou substitución dun termo real por outro imaxinario co que mantén unha relación de semellanza. Exemplo: A vida é un río de augas turbulentas. Neste exemplo identifícase a vida cun río de augas turbulentas, tratando de transmitirnos a idea de que a vida é tan difícil e perigosa como a navegación por un río desas características.
  • Onomatopea: dáse cando se usa unha palabra ou un grupo de palabras cuxa pronuncia imita a do obxecto ou ser que se describe. Por exemplo: Bzzz Bzzz (unha abella), Chuuuu Chuuuu (un tren)…
  • Personificación: consiste en darlle atributos humanos a un obxecto ou ser animado que de por si non os pode ter. Por exemplo: riron de min as hortensias do teu xardín.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License