2.2 Os textos expositivos (aspectos teóricos)
Este tipo de texto é coñecido tamén como texto informativo. A súa función primordial é a de transmitir información. Non se limita simplemente a proporcionar datos senón que ademais agrega explicacións, describe con exemplos e analoxías. Atopamos textos expositivos en:
- Todas as ciencias, tanto nas fisicomatemática ou nas biolóxicas como nas sociais, xa que o obxectivo da ciencia é proporcionar explicacións aos fenómenos da natureza e da sociedade. Así, uns textos nos que se nos explica como son os volcáns, ou que características teñen os mamíferos ou como eran os poboados celtas son textos expositivos.
- Os libros de texto escolares, as unidades didácticas que manexamos, etc., están cheos de textos expositivos.
Características dos textos expositivos
- Predominan as oracións enunciativas.
- Utilízase a terceira persoa dos tempos verbais.
- Os verbos das ideas principais conxúganse en modo indicativo.
- O rexistro é formal: empréganse gran cantidade de termos técnicos ou científicos.
- Non se utilizan expresións subxectivas.
Funcións dun texto expositivo
- É informativo, porque presenta datos ou información sobre feitos, datas, personaxes, teorías, etc.
- É explicativo, porque a información que brinda incorpora explicacións significativas sobre os datos que achega.
- É directivo, porque funciona como guía da lectura. A maioría destes textos presenta unha organización e presentación (introducións, títulos, subtítulos, resumos) que facilitan a lectura. Esta organización permite diferenciar as ideas ou conceptos fundamentais dos que non o son.
Conectadores textuais
En todo texto expositivo é fundamental a presenza dos conectadores textuais. Indican a organización e a estrutura do texto. Os máis frecuentes son:
- Ademais, despois, tamén así mesmo, por engadido, primeiro, o que segue, etc.
- Daquela, xa que logo, por iso, por conseguinte, así que, porque, co fin de, etc.
- Do mesmo xeito, semellante a, etc. Pero, porén, a pesar de, malia, non obstante, ao contrario, por outra parte, aínda que, etc.
Lectura dos textos expositivos
O obxectivo da lectura dun texto expositivo é ampliar os coñecementos que se teñen sobre un tema, polo que a lectura debe ser lenta e reflexiva. É conveniente volver sobre cada parágrafo lido, interrogarse sobre o que se le e establecer relacións cos coñecementos previos que posuamos. É importante seguir os seguintes pasos:
- 1. Ler con detemento cada parágrafo.
- 2. Recoñecer as ideas principais de cada parágrafo (pódense sinalar no texto e realizar anotacións marxinais que sinteticen a idea dese parágrafo).
- 3. Conectar as ideas entre si permitindo deste xeito a progresión temática.
- 4. Organizar xerarquicamente as ideas.
- 5. Recoñecer a trama que conecta as ideas principais entre si.
Cando lemos un texto expositivo, é moi útil reorganizar a información por medio de cadros sinópticos, mapas conceptuais ou liñas de tempo, consonte o tema que teña ese texto.
Ideas principais e secundarias
Nos textos expositivos sempre hai un concepto ou unha idea predominante que é a que lle dá sentido global e unitario á totalidade: é o que chamamos idea principal. Esta idea principal estará sustentada con explicacións, exemplos, comentarios, etc., que alongan o texto en maior ou menor medida: son as ideas secundarias.
Entre todas as ideas que van aparecendo no texto haberá, daquela, unha orde ou un fío condutor. Este conxunto de ideas ordenadas é o que se chama progresión temática. Para a súa comprensión o lector debe recoñecer esta organización interna, a progresión temática.
Como se localiza a idea principal?
Cando o texto está constituído por varios parágrafos haberá que ir buscando a idea principal de cada un. Vexamos deseguido que esta idea principal pode ser explícita ou implícita.
- Idea principal explícita. Ás veces, a idea principal que resume o contido da mensaxe aparece escrita no propio texto. Con frecuencia é a primeira frase do parágrafo. Neste caso dise que a idea principal está explícita, e o único que temos que facer é localizala e subliñala. Esta idea principal explícita chámase tamén frase temática.
En moitas ocasións, a idea principal explícita aparece como resumo do exposto no parágrafo. Nestes casos é frecuente que vaia precedida de expresións do tipo resumindo, daquela, xa que logo, en definitiva, ou sexa que, isto quere dicir que, etc.
- Idea principal implícita. Outras veces no parágrafo non aparece a frase temática, senón que temos que deducir e redactar a idea principal a partir dos datos e os detalles que se nos dan. Dise que a idea principal está implícita. Nestes casos, haberá que subliñar as palabras suxeridoras, aquelas que concentran a información e que imos utilizar para redactar a idea principal.
En conclusión, a idea principal (explícita ou implícita) dun texto é o tema mais o que se di do tema.
Que son as ideas secundarias?
Son as que acompañan nun texto ou parágrafo as ideas principais co propósito de apoiar as mensaxes claves, explicalas e reforzalas. Expresan detalles ou aspectos derivados do tema principal.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License