2.4 Escenarios familiares actuais
|
Cambios e permanencias Poucos fenómenos sociais suscitan tanto interese e discusión permanente como é o da familia. En diferentes épocas, contextos, e dende múltiples lugares de discusión, “a cuestión familiar” suscita múltiples debates e polémicas. Analistas sociais tenden a referirse ao tema aludindo ás funcións sociais que a familia cumpre nunha sociedade: funcións cambiantes ou ameazadas, procesos que a comprometen ou fortalecen, subxacendo unha mirada concentrada no diagnóstico (está a familia en crise?) e/ou alternativamente na prognose (cal é o futuro da familia?). Estes enfoques deixan pouca marxe para un esforzo comprensivo da experiencia familiar máis inmediata e cotiá: como viven as familias? Como se proxectan os seus membros nelas e a través delas? Por medio de que itinerarios vitais se conforman e en que contextos e escenarios estruturais se constitúen as diferentes retículas familiares? Estas preguntas refírense fundamentalmente aos aspectos experienciais e aos sentidos performativos que están detrás do máis manifestmente observable, como son as denominadas “estruturas familares”. Mais outro tipo de interrogantes que se nos antollan particularmente oportunos para entendermos a realidade familiar aluden aos compoñentes de significado e disputa que circulan en torno ao que son e deben ser as familias. A natureza política da familia queda patente na incapacidade de diferentes sectores da nosa sociedade para consensuar o que a familia significa e o que a define como institución social particular (Gittins, 1985). As paixóns, os medos, as expectativas, os valores e o reservorio ideolóxico que se detectan nas análises legais e doutas non axudan a crear espazos de reflexión crítica sobre os seus compoñentes constitutivos nin tampouco permiten, polo xeral, unha observación despaixonada da realidade empírica familiar [...].. |
|
Osborne, R. e Barrón, S. Grial, Revista galega de cultura, número 176; outubro, novembro, decembro 2007 |
Actividades propostas
S3. Lea detidamente o texto (Escenarios familiares actuais) e responda ás cuestións:
- Cal é o tema principal do texto?
- Cantos parágrafos ten o texto? De que se fala en cada un deles?
- Diga o significado das seguintes palabras que aparecen no texto: prognose, retículas e empírica (axúdese dun dicionario se o necesita). Elabore unha oración con cada unha delas.
S4. Escriba un sinxelo texto expositivo sobre un destes temas. Busque previamente información se a precisa.
- Por que se teñen menos fillos hoxe en día nas familias galegas?
- Por que os días son máis longos no verán?
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License