2.10 O xénero dramático: Noitebra

O xénero dramático, o teatro, forma parte tamén da literatura. O teatro utiliza o diálogo, a través do que se expresan os personaxes e os conflitos da obra dramática. Para aclarar os movementos dos actores, os elementos da decoración, etc., úsanse as anotacións.

Sala de casa modesta, tan só iluminada pola tenue luz que entra pola vidreira que dá ó patio interior. Ábrese a porta e asoma a cabeza Lito, mozo de vintetantos anos; deslízase logo nas puntas dos pés, procurando non facer ruído. Diríxese logo ao estante e revolve entre os libros e papeis na procura de algo. Cada vez semella máis impaciente. Cáelle un libro ó chan. Paralízase de novo. Non observa nada anormal; reanuda a busca. Acéndese a luz e Lito sobresáltase. Entra Aurora, a súa nai, muller duns sesenta años. Leva posta unha bata por riba do camisón.

AURORA. — ¿Que fas aí?

LITO. — Nada, mamá. Asustáchesme.

AURORA. — Á cama. Veña. Déitate xa. ¿Cres que son horas de chegar? Está raiando o día.

LITO. — Xa vou, mamá. Estou buscando algo... para ler.

AURORA. — Estás ti bo para ler. Veña, de présa. A ver se así consigo durmir. No puiden pechar ollo en toda a noite. Se polo menos non saíses coa moto.

LITO. — ¿Que pasa coa moto? Ciscas de medo con só oír falar dela. Non pasa nada, vella. Tranqui. Preocúpaste demasiado. Vai durmir. Eu déitome tamén de contado. En canto atope...

AURORA. — Perdes o tempo.

LITO. — ¿Perdo o tempo? ¿Eu? ¿Falas comigo?

AURORA. — Non está o que buscas.

LITO. — Busco un libro.

AURORA. — A min non me enganas. Anda, á cama.

LITO. — Dígoche que só busco un libro. Precísoo. (Excítase. Continúa a busca con precipitación.)

¿Onde estás? Non te agoches, maldito. Precísote. ¿Onde hostia te metes? Onte á noite aínda estabas aquí. Estou seguro.

AURORA. — Lito, por favor, déitate.

LITO. — Telo ti, ¿eh, vella? Collíchelo ti. Devólvemo. Aí había guita miña, veña, devólvema.

AURORA. — O que queda necesitámolo para comer, fillo. ¿Non o comprendes? A penas nos chega ata final de mes. Anda, sé comprensivo e vaite deitar.

LITO. — ¿Onde o metiches? ¡Era meu! ¡Dámo!

AURORA. — Xa non quedaba nada teu, Lito. ¿Sabes canto hai que non traballas?

LITO. — ¡Iso! Dimo ti, vella. Recórdamo outra vez. A ver, ¿canto? Impórtame un collón o puto traballo, ¿óesme? Non penso volver a dar pancada na miña vida. Estou farto de facer o parvaxolas. ¡Ata os mesmísimos...!

AURORA. — Cala. Non sexas soberbio. ¿De que vas vivir?

LITO. — De calquera cousa. Xa aparecerá algo. Chulearei aínda que sexa á Macarena.

AURORA. — ¡Xesús!

LITO. — ¿Non viviches ti á miña conta? ¿Eh? Pois ¿por que non me devolves a pasta? Precísoa. Dáme cinco marróns. Só cinco. É canto necesito. Regáloche o resto.

AURORA. — O pouco que queda é para poder chegar a fin de mes. Xa cho dixen.

LITO. — Está ben... Déixame entón unhas raias.

AURORA. — ¡Que dis!

LITO. — ¿Tesme por un babeco, eh? ¿Cres que non o sei?

AURORA. — ¡Estás tolo...!

LITO. — Non, non te preocupes. Non me van. Non son tan fino. Colocareinas ben colocadiñas... ¡Veña, sóltaas xa!

AURORA. — Non sei de que falas. Vivimos da pensión...

Lito, nunha especie de arrebato, abalánzase sobre súa nai, agárraa por un brazo e retórcello.

LITO. — Veña, vella rañas. Dámas ou valo pagar moi caro.

AURORA. — ¡Que son túa nai, desgraciado! ¿Que fas, malnacido? ¡Sóltame!

LITO. — ¡Solta ti a guita!

AURORA. — ¿Maltratas á túa propia nai, maldito...?

O fillo sóltaa de socato, horrorizado.

[...]

          

 

LITO. — Perdoa, mamá. (Salaia.) Perdoa... Son un besta. Non sabía ben o que facía... Preciso o diñeiro. Dámo. Por favor. Teño que pagarlle ó Curras. Débollo. Dende hai días. Xa non agarda máis. Non sabes ben como as gasta. É capaz de subir aquí e destrozar a casa. Ou de magoarte. O moi cabrón é rápido pinchando. E eu non quero por nada do mundo que che faga mal. ¡Por nada do mundo, que mi madre é o que máis quero...!

AURORA. — Só nos queda para comer, Lito. Non podes seguir así, tés que cambiar.

LITO. — Cambiarei, madre; xúrocho.

AURORA. — Faláronme dun centro. Disque dá moi bos resultados. Farei o que sexa para que te admitan. O que sexa. Nuns meses estarás curado.

LITO. — Non necesito ir a ningún centro, mamá. Xúroche que non volverei picarme. Xúrocho por quen más queiras. ¡Por mi padre, que está no ceo! Si, por el. Xúrocho, pero déixame algo. Devolvereicho. O Curras non se anda con chiquitas. Tenlle o ollo botado á miña máquina. Onte pinchoume unha roda. É a súa maneira de avisar. Por favor... É capaz de calquera cousa. Dunha desfeita...

AURORA. — Pois vende a moto.

LITO. — ¿Estás tola? Xamais. Calquera cousa menos iso. A miña moto é sagrada, ¿óesme?

AURORA. — Lito, é xa moi tarde. Déitate, anda. Xa falaremos...

LITO. — Xa falaremos, xa falaremos... ¿Cres que me vas volver a enganar? ¿Eh? ¡Cómo a el...!

AURORA. — ¿Que...?

LITO. — ¿Pensas que non me enteraba, eh?

AURORA. — ¿A que te refires...?

LITO. — ¡Sábelo moi ben! Eu era un neno, si, pero non tan parvo como ti cres. Sabía ben o que facías... con outros...

AURORA. — ¡Cala...! ¡Cala xa! Prohíboche...

LITO. — Si, sabíao... Ah, e que noxo... E dor... Aquí, moi dentro. Rillaba, rillaba, rillaba... E dor, dor... Unha dor que me atravesaba coma o gume de cen navallas... Xa non podía aturalo por máis tempo. Por iso... ¡Dor...! Aquela noite... Estabamos sós, coma sempre... El e mais eu sós. Ti non dabas aparecido... Por iso lle dixen... Díxenlle...

AURORA. — ¿Que lle dixeches, condenado?

LITO. — ¡Díxenllo!

AURORA. — ¡Supoñíao! ¿Cómo puideches facer tal cousa, desgraciado? ¡Só eran suposicións túas!

Acabaches con el...

LITO. — ¿Eu, madre? ¿Fun eu o que acabou con el? ¿Fun eu...? ¿En verdade o cres así...?

AURORA. — Non, Lito... Desculpa. Quixen dicir...

LITO. — ¿E ti non fixeches nada, madre?

AURORA. — Debes comprender...¡ Teu pai era un...! Teu pai bebía moito, Lito. Demasiado...

LITO. — ¿E que carallo podía facer?

AURORA. — Fillo...

LITO. — ¿O mesmo ca ti?

AURORA. — Por favor, Lito. Hai cousas que non podes comprender... El non... só bebía... Tampouco... Non... podía... !Non o podes entender...¡

LITO. — Non, claro que non...

AURORA. — (Choromicando.) Nin sequera o podo explicar...

LITO. — Non é necesario, madre, non te esforces... Xa sei que sempre serás unha santa.

AURORA. — Eu non digo iso, fillo... Non quero ser iso. Só quero ser túa nai.

LITO. — Oh, claro que si... Es a miña nai, vaia se o es... Unha nai... Miña nai... Unha puta nai.

AURORA. — (Nun contido berro que lle sae da alma.) ¡Non, non, iso si que non...! Non é certo. Enganáronte... Envelenáronte. Lito, meu neno, eu son a única que te quere... Con toda a miña alma. Todo canto fixen foi por ti, por ti, por ti... Por amor a ti... Para sacarte do inferno, desta merdenta miseria...

Actividades propostas

S15.  Que personaxes interveñen neste texto? Diga algunhas características deles: idade, comportamento, linguaxe que usan.

S16.  Cal é o conflito que se suscita nesta escena? Por que discuten nai e fillo?

S17.  Fíxese como nestas pezas teatrais, entre os diálogos dos personaxes, hai pequenas indicacións sobre a escena ou sobre como deben actuar os actores e actrices que os interpretan. Son as anotacións. Escriba tres frases que pertenzan a anotacións desta obra teatral.

S18. Despois de ler este texto, indique a característica ou características polas que o incluímos no xénero literario do teatro.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License