Saltar navegación

4.1. Guión e ensaio

A traballar o guión!

Icona de varias persoas falando

O primeiro paso para unha gravación profesional é ter un guión claro.

Traballar ben o texto permite que a túa voz soe natural e segura.

Canto máis ensaies, máis fácil será captar a atención de quen te escoita.

Practica co teu equipo en voz alta para interiorizar a mensaxe.

Escoita as críticas construtivas para puír a túa lectura antes de gravar.

Un bo traballo previo garante o éxito no estudo de son.

Como o faredes?

Tres pisadas de persoa avanzando. Paso a paso

  1. Interioriza o texto:
    1. Canto mellor coñezas o guión, máis fluída será a gravación e máis rápido remataredes o traballo no estudo.
  2. Ensaia en voz alta:
    1. Traballa co teu grupo de catro persoas.
    2. Lede o guión individualmente e despois en conxunto para coller o ritmo adecuado.
  3. Escoita e mellora:
    1. Como parte dun equipo, a túa misión é escoitar con atención, propoñer ideas e aceptar críticas construtivas para puír a lectura.
  4. O obxectivo final:
    1. Lembra que o éxito da gravación depende de como te prepares agora.
    2. Fala con paixón e seguridade.

Unha gravación de calidade

Icona dunha persoa sentándose correctamenteA posición axeitada

  • Durante unha gravación é moi importante manter sempre a mesma distancia respecto ao micrófono para que non varíe a intensidade do son das voces.
  • Busca unha posición cómoda para ler o guión. 
  • Ten en conta que todo os ruídos quedarán gravados así que evita mover o guión.

Icona dun paxaro cantandoUnha boa proba de son

  • Realizar unha boa proba de son pode axilizar moito a edición do audio.
  • Asegúrate de que todas as persoas proben para que as voces soen ao mesmo nivel e non estea unha máis forte que outra, pois perderás moito tempo arranxando o volume de cada intervención.

 Icona dun micrófonoColle aire e comeza

  • Lembra ler o guión con calma e non correr, deste xeito será máis agradable para os ouvintes.
  • Se cometes algún erro non pasa nada. Todos os profesionais se trabucan.
  • Se consideras que o erro é moi grave podes dar unha palmada e continuar dende ese punto, deste xeito poderás atopar os erros de xeito sinxelo durante a edición.

Icona dun ordenadorEdita e comparte

  • Unha vez teñas o audio gravado, chega o momento de engadir a túa sintonía.
  • Tamén podes buscar música sen dereitos de autor e engadila de fondo para facer máis profesional o teu programa.
  • Unha vez teñas o teu programa listo, exporta en mp3 e partíllao na plataforma que che indique o equipo docente.

Rúbrica para avaliar o teu pódcast

Rúbrica para avaliar o teu pódcast
 ExcelenteSatisfactorioMellorableInsuficiente
O silencio O silencio utilízase de forma consciente e expresiva, tanto para dar comezo á gravación como durante o seu transcurso. (1)Tense en conta o silencio antes de comezar a gravación e enténdese a importancia do seu uso como recurso indispensable. (0,75)Hai certa atención ao silencio ao inicio pero non durante todo o pódcast. (0,50)Non se valora o silencio para comezar a gravación nin durante o proceso. (0,25)
VariedadeCada persoa do equipo participa de forma activa durante a elaboración do pódcast. (1)Case todas as persoas do equipo participan de forma activa durante a elaboración do pódcast. (0,75)Algunhas das persoas do equipo non participan de forma activa durante a elaboración do pódcast. (0,50)A maioría das persoas do equipo non participan de forma activa durante a elaboración do pódcast. (0,25)
Sintonía A sintonía do pódcast é pegadiza e está ben interpretada. (1) A sintonía do pódcast é bastante pegadiza e está bastante ben interpretada. (0,75) A sintonía do pódcast non é pegadiza ou non está ben interpretada. (0,50)A sintonía do pódcast non é pegadiza e non está ben interpretada. (0,25)
EntrevistasAs entrevistas están ben elaboradas e resultan fluídas e entretidas. (1)As entrevistas están bastante ben elaboradas e son fluídas. (0,75)As entrevistas non están ben elaboradas ou non resultan fluídas. (0,50)As entrevistas non están ben elaboradas e non resultan fluídas. (0,25)
O contido Hai varios exemplos de cancións e artistas musicais contextualizadas en diferentes etapas. (1) Hai algúns exemplos de cancións e artistas musicais contextualizadas en diferentes etapas. (0,75) Hai algúns exemplos de cancións e artistas musicais pero apenas están contextualizadas en diferentes etapas. (0,50) Hai poucos exemplos de cancións e artistas musicais e non contextualizadas en diferentes etapas (0,25)
A cuña A cuña publicitaria é pegadiza e ten unha mensaxe clara. (1)A cuña publicitaria é bastante pegadiza e ten unha mensaxe bastante clara. (0,75)A cuña publicitaria non resulta pegadiza ou non ten unha mensaxe o suficientemente clara. (0,50)A cuña publicitaria non resulta pegadiza nin ten unha mensaxe o suficientemente clara. (0,25)
Traballo en equipoO reto amosa un excelente traballo en equipo. (1)O reto amosa un bo traballo en equipo. (0,75)O reto amosa un excelente traballo en equipo. (0,50)O reto non amosa un aceptable traballo en equipo. (0,25)

Elaboración propia (proxecto cREAgal). Rúbrica para avaliar o teu pódcast (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Unha vez que xa remataches o teu reto é o momento de reflexionar. 

Recorda todo o que aprendiches e traballaches para poder realizalo. 

Tampouco esquezas as dificultades e como soubeches solucionalas. 

É o momento de ir ao teu diario de aprendizaxe e reflexionar sobre o traballo realizado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)