Vaia pintas!
Entras no bus do instituto e soa unha música rara, e pensas, este condutor... música da época dos dinosauros!
Vas coa túa familia no coche e escoitas outra música distinta á que ti elixirías, pero que pasa? Cantos tipos de música hai?
Mira este vídeo e faite as seguintes preguntas:
s
- Cres que recoñeces algún estilo dos que saen no vídeo? Sóanche de velos en películas ou fotos?
- Pensa na túa familia ou nos teus profesores: cres que algún deles viviu esas épocas e vibrou con esa música igual que ti o fas agora coa túa?
- Imaxinas que, dentro de 30 anos, alguén fará un vídeo disfrazado de como vistes ti hoxe, e os rapaces do futuro riranse do voso estilo?
- Por que cres que é importante saber de onde vén o que escoitamos, en lugar de pensar que o noso é o único que vale?
Lectura facilitada
Subes ao autobús do instituto. Soa unha música que non coñeces. Pensas: "Que música tan antiga!"
Outro día vas no coche coa túa familia e tamén soa unha música diferente da que che gusta a ti.
"Pero cantos estilos musicais hai!"
Responde ás seguintes preguntas sobre o vídeo que acabas de ver:
- Recoñeces algún estilo musical?
- Cres que a túa familia ou os teus profesores escoitaban esa música cando eran novos?
- Como cres que verán os rapaces do futuro a música e a roupa de hoxe?
É importante coñecer músicas doutras épocas para entender mellor a historia e respectar os gustos dos demais.
Audio
Todo cambia...
Neste vídeo os Red Hot Chili Peppers cambian de roupa, de peiteado e de actitude a toda velocidade. Por que?
Porque a música, igual que a tecnoloxía ou a roupa que levas posta, non sempre foi así, evolucionou.
Viches o nacemento do rock, a tolemia dos anos 60, o glam das plataformas, o heavy dos 80 e a rabia do grunge dos 90.
Quizais algunhas destas pintas che parezan ridículas ou antigas, pero pensa unha cousa: en cada unha desas épocas, eses estilos foron o máis grande.
Encheron estadios, fixeron berrar a millóns de fans e marcaron a vida de xente da túa idade naquel momento.
E sabes o máis importante? Que sen toda esa música vella que ves aí, a música que ti escoitas hoxe non existiría.
O trap, o reggaeton ou o pop actual son fillos e netos deses ritmos. Todo está conectado!
Lectura facilitada
A música cambia co paso do tempo, igual que a tecnoloxía ou a roupa.
Ao longo da historia apareceron moitos estilos musicais diferentes, como o rock, o glam, o heavy ou o grunge.
Hoxe algúns destes estilos poden parecer antigos ou estraños.
Pero, na súa época, gustábanlle a moitas persoas e foron moi importantes.
Millóns de persoas escoitaban esa música e gozaban dela, igual que pasa hoxe cos estilos actuais.
O máis importante é que a música de hoxe nace da música de antes.
Por iso, estilos como o trap, o reggaeton ou o pop actual teñen relación con músicas doutros tempos.
Toda a música está conectada.