Saltar navegación

2.3. Castelos de area

 

Glosario

Radiofórmula

Pictograma dunha radio

Radiofórmula:

Formato de radio no que se reproducen as cancións máis populares do momento. Tamén se realizan concursos coa audiencia e se expoñen os temas máis relevantes da actualidade.

Exemplo:

Ese artista é moi famoso, escoito a súa canción varias veces ao día na miña radiofórmula favorita.

Castelos de area

Cimentos e melodías

Castelo de area nunha praia

Que divertido é o verán, as vacacións e por suposto, a praia!

A música tamén forma parte dos teus veráns, mesmo a radiofórmula anuncia "aínda non escoitaches o éxito deste verán?".

Co paso do tempo, volves escoitar esa canción e parece que viaxas no tempo. De súpeto estás de novo na praia xogando a facer castelos de area. 

Pero non é doado facer un castelo. A area non pode estar nin moi seca nin moi húmida.

Unha vez que tes os materiais comezas: fas a estrutura, o foso, se cadra un túnel, engades algunhas cunchas, pos unha pluma no tellado, e así ata que vén a auga e volve todo ao seu sitio.

Construír con sons

Pictograma dunha man compoñendo unha peza

Compoñer unha canción é igual que construír un castelo de area.

Non é xuntar elementos ao chou, senón seguir un plan:

  • O ritmo: unha canción susténtase nunha base rítmica sólida que lle dá estabilidade, como un castelo precisa uns bos cimentos. 
  • A melodía: son as notas que vas colocando unha tras outra. Se as combinas con sentido, creas "muros" musicais que a xente recoñece e canta.
  • A harmonía e os matices: nun castelo pos cunchas ou plumas, na música, engades instrumentos, acordes e intensidades para que a composición sexa única e emocionante.

Entón, o proceso de organizar todos estes elementos (ritmo, melodía, harmonía e matices) para crear unha obra nova e coherente chámase compoñer.

Lectura facilitada

Que divertido é o verán, as vacacións e a praia!

A música tamén forma parte dos teus veráns, como os castelos de area

Ao escoitar unha canción podes viaxar no tempo.

Facer unha canción é tan divertido como construír un castelo de area.

Podes xogar cos seguintes elementos: ritmo, melodía, harmonía e matices.

Este proceso chámase compoñer.

A casa polo tellado

Unha casa de sons

Debuxo dunha casa amarela

Compoñer unha canción é un proceso moi persoal. Cada artista ten o seu método. 

Podes cambiar de método segundo o instrumento que teñas nas mans: un piano convida a facer melodías complexas, mentres que unha guitarra pide acordes máis rítmicos.

O máis curioso da música? Que aquí si podes comezar a casa polo tellado.

Existen unha serie de elementos cos que podes xogar para compoñer unha canción: melodía, harmonía, ritmo, textura e timbre. 

Tellado: melodía

Tellado dunha casa.A melodía é a parte principal dunha peza, interpretada polo instrumento ou voz solista. É o que cantas cando lembras unha canción. 

Se pensas no "Parabéns para ti", esa liña de notas que cantaruxas é a melodía.

Moitos compositores empezan imaxinando esta melodía e despois constrúen o resto debaixo.

Estrutura: harmonía

Estrutura do edificio. A harmonía é a base sobre a que se sustenta a melodía.

Está formada por acordes, polo menos tres notas que soan á vez, que producen cor e sensacións (alegría, tristura ou tensión).

Case todas as cancións que escoitas usan tres acordes básicos sobre a 1.ª, 4.ª e 5.ª nota dunha escala: tónica, subdominante e dominante. 

  • Escala en Do maior:
    • 1.ª Tónica - o centro: dó-mi-sol.
    • 4.ª Subdominante - dá movemento: fa-la-dó.
    • 5.ª Dominante - máxima tensión: sol-si-re.
      • As veces inclúese unha cuarta nota, fa, que outorga máis tensión.

Cimentos: ritmo

Elemento estrutural que soporta a carga do edificio.O ritmo é un dos elementos máis importantes dunha canción, especialmente na música pensada para bailar.

Consiste en como se ordenan os sons no tempo, combinando partes fortes e débiles.

Cando unha peza ten un patrón rítmico que se repite constantemente e serve de guía chamaraslle clave.

Xardín: textura e timbre

Xardín dunha casa con árbore e arbustos.Aínda que unha casa é un edificio que pode ser fermoso por dentro, o primeiro que a xente ve ao chegar é o xardín.

No caso dunha composición podes considerar que o xardín serían o timbre e a textura.

O primeiro que percibes ao escoitar unha composición é o instrumento que o interpreta, por exemplo unha voz, unha trompeta ou un xilófono.

A textura é a relación entre as diferentes voces, que poden combinarse de diferentes xeitos, igual que as flores dun xardín.

Lectura facilitada

Cada persoa ten o seu método para compoñer.

O máis curioso da música? Que aquí si podes comezar a casa polo tellado.

Se comparas construír unha casa e compoñer:

  • A melodía é tellado, a parte principal dunha peza, interpretada polo instrumento ou voz solista.
  • A estrutura é harmonía, a base que soporta á melodía.
  • Os cimentos son o ritmo, un dos elementos máis importantes dunha canción, especialmente de baile.
  • O xardín son a textura e timbre. O primeiro que ves ao chegar a unha casa é o xardín, e o primeiro que escoitas nunha peza é o instrumento que a interpreta.

Apoio visual

Tellado: melodía

Tellado dunha casa.

A melodía é a liña de notas principal e máis lembrada dunha canción, e adoita ser o primeiro que os compositores imaxinan para despois construír o resto da peza.

Estrutura: harmonía

Estrutura do edificio.

A harmonía é a base que sustenta a melodía. Está formada por acordes (tres ou máis notas á vez) que producen diferentes cores e sensacións como tónica, subdominante e dominante.

Cimentos: ritmo

Elemento estrutural que soporta a carga do edificio.

O ritmo ordena os sons no tempo alternando partes fortes e débiles. É vital para bailar e, cando un patrón rítmico serve de guía constante, coñécese como clave.

Xardín: textura e timbre

Xardín dunha casa con árbore e arbustos.

O primeiro que se percibe. O timbre identifícase co son particular do instrumento ou voz que interpreta a peza, mentres que a textura define como se combinan as diferentes liñas musicais.

Pero mira que é pegadiza!

Vinilo de la canción

Seguro que che pasou: pos algo de música pola mañá, soa un clásico como We will rock you de Queen, e xa non hai volta atrás.

Freddie Mercury acompáñate no autobús, no recreo e ata ao saír do colexio.

Por moito que queiras, non deixas de cantaruxar ese ritmo e esa letra tan pegadiza.

Pero isto non é casualidade, é arquitectura musical.

As cancións non son bloques sólidos, teñen diferentes partes nas que pode repetirse a melodía ou o texto, así son máis fáciles de lembrar.

Partes dunha canción

Introdución

É o "ola" da canción. Trátase da parte que dá comezo a unha canción.

En moitos casos é unha parte instrumental para preparar ao oínte e marcar o estilo. 

  • Son eses segundos iniciais de ritmo puro (pisada, pisada, palma). Non hai instrumentos nin voz, só a base que te invita a participar.

Estrofa

Aquí é onde se conta a historia. A estrofa aparece varias veces ao longo dunha canción, pero normalmente, mantense a melodía pero varía o texto.

  • Cando Freddie Mercury canta sobre o neno (Buddy, you're a boy...), logo sobre o mozo e despois sobre o vello. Cada unha desas tres partes é unha estrofa.

Retrouso

É o corazón da canción. É a parte máis importante, a máis pegadiza e a que sempre se repite igual (letra e melodía).

Usualmente é a parte que máis veces se repite, de xeito que é máis doado que fique na memoria das persoas. 

  • O famoso We will, we will rock you!. É o que todo o mundo canta a coro nos concertos.

Ponte

É unha parte que rompe a monotonía. Serve para conectar o retrouso cunha parte nova ou para dar un descanso antes do final. Adoita soar diferente ao resto.

Normalmente mantén o mesmo texto e a mesma melodía, pero non ten a sensación de clímax do retrouso.

  • Máis que unha sección cantada, aquí a ponte serve de transición cara ao final, mantendo a tensión co ritmo constante mentres a enerxía vai subindo.

Coda ou outro

É o peche da canción. Trátase dun engadido que presentan algúns temas ao finalizar a canción.

Pode ser un esvaecemento progresivo ou un final explosivo, con elementos escoitados anteriormente, pero sempre ten un carácter conclusivo.

  • O solo de guitarra de Brian May. Cando a voz para e entra a guitarra eléctrica con toda a forza para rematar a canción por todo o alto, iso é a coda.

Outras partes instrumentais

Nas cancións de pop ou rock a voz ten sempre maior protagonismo, pero existen diferentes partes onde destacan os instrumentos.

  • Solo: parte na que un instrumento solista improvisa. Normalmente mantén os acordes do retrouso ou da estrofa.
    • Nesta canción aparece ao final, na coda. 
  • Riff ou interludio: parte instrumental que se repite varias veces ao longo da peza dándolle unidade.
    • É a percusión, PUM-PUM-CLAP, que non para en toda a canción. 

Un tren musical

Imaxe dun tren de xoguete de cores

Agora que xa coñeces os elementos que compoñen unha canción, imos poñer mans á obra! O teu reto será debullar a estrutura do teu tema favorito dun xeito moi visual.

Que tes que facer?

  1. Escolle unha canción:
    • podes elixir a que máis che guste.
  2. Deseña o teu "Tren musical":
    • crea un tren onde cada vagón represente unha parte da canción (introdución, estrofas, retrouso, ponte etc.).
  3. Diferencia con cores:
    • usa unha cor distinta para cada sección.
    • Por exemplo: amarelo para a introdución, verde para as estrofas, azul para o retrouso...
  4. Sincroniza o tempo:
    • en cada vagón debes indicar o nome da parte e o minuto exacto no que comeza e remata.

E se teño un exemplo...

Detalle do tren musical coas diferentes partes da canción.

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Reflexionaches sobre as emocións que provoca a música e aprendiches a diferenciar entre acordes maiores e menores.

Analizaches un pódcast para coñecer as partes máis comúns da súa estrutura.

Tamén descubriches os elementos que compoñen unha canción.

É o momento de ir ao teu diario de aprendizaxe e reflexionar sobre o traballo realizado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)