A poesía está en nós
Este reto é ben sinxelo. Só tes que recompilar os textos que fuches creando ao longo do REA. Pero como xa sabes, non só é xuntalos e grampalos para que non se perdan. A idea é crear un libro con todos eles.
Xa sabes que un poemario é máis que un conxunto de poemas. É unha colección. Cal é a diferenza? Pois, a súa unión ten un porqué, un sentido. Agora parece que o que levas feito este tempo non ten sentido xunto, pero seguro que atopas o nexo de unión.
Audio
Bótoche unha man?
Para poder organizar os teus poemas sigue estes pasos:
- Volve lelos. Relé os textos as veces que necesites.
- Ordénaos. Vai colocándoos nun lugar amplo. Pode ser o chan. Necesitas visualizalos todos xuntos para poder escoller a orde correcta. Podes ordenalos tendo en conta características físicas: os máis curtos primeiro, os de versos máis longos...) ou podes ter en conta o contido (os que falen de cousas que che gustan, os que falen de animais, os que falen de sentimentos...).
- Busca a peza común. Unha vez escollida a orde identifica que é o que ves neles que os una. Palabras, sentimentos... Non ten por que ser algo que os una a todos. Podes crear capítulos.
- Ilustra o poemario. Agora que están ordenados e que atopaches o nexo ou nexos de unión. Busca ou crea imaxes para ilustralos. Podes crear unha imaxe para un poema e para outro non. Podes crear imaxes só para cada capítulo... Ti decides. Podes empregar debuxos, fotos, imaxes da rede, facer collage...
- Pon un título. Por último busca o título axeitado. Pode ser o título dun dos poemas que máis se identifique co poemario, ou contigo. Pode ser un título que abrangue o todo...
- Monta o teu poemario. Podes escribir os textos a man ou no ordenador. Lembra poñer unha portada que chame a atención. Se o teu poemario estivese no escaparate dunha librería... pararías para velo? Iso é o que tes que conseguir coa portada e co título.
- Escribe unha recensión. Agora escribe unha breve recensión para a contraportada. As persoas que vexan o libro quererán saber algo sobre el antes de decidir se lelo ou non.
Lectura facilitada
Como organizar os teus poemas
Para que os teus poemas queden ben organizados, sigue estes pasos:
1. Volve lelos:
Le os teus poemas outra vez. Le as veces que necesites para recordalos ben.
2. Ordénaos:
Pon os poemas nun sitio grande, como o chan. Así podes ver todos xuntos. Agora, pensa en que orde queres poñelos. Podes ordenalos por:
Como son: Primeiro os máis curtos, despois os máis longos...
De que falan: Xuntos os poemas de cousas que che gustan, logo os de animais, despois os de sentimentos...
3. Busca o que teñen en común:
Unha vez que escolliches a orde, mira os poemas e pensa que teñen parecido. Quizais usan as mesmas palabras, ou falan de sentimentos parecidos... Non fai falta que todos sexan iguais, podes crear grupos (capítulos) se hai poemas que se parecen entre si.
4. Debuxa ou busca imaxes:
Agora que os poemas están ordenados e sabes que os une, podes poñerlles debuxos ou fotos. Podes facer un debuxo para cada poema, ou só para algúns. Tamén podes facer debuxos só para cada grupo de poemas (capítulo). Ti decides como queres facelo. Podes debuxar, pegar fotos que teñas, buscar imaxes en internet...
5. Pon un título:
Pensa nun título bonito para o teu poemario. Pode ser o título dun dos poemas que máis che guste ou que represente ben a todos. Tamén pode ser un título que fale de todo o que hai nos poemas.
6. Monta o teu poemario:
Podes escribir os poemas a man nun caderno bonito ou escribilos no ordenador e imprimilos. Non esquezas facer unha portada que sexa moi chistosa e que chame a atención. Imaxina que o teu poemario está nunha tenda de libros. Pararías para miralo? Pois iso é o que tes que conseguir coa portada e co título.
7. Escribe unha recensión:
Para rematar, escribe un pequeno texto para a parte de atrás do teu poemario (a contraportada). As persoas que vexan o teu libro quererán saber un pouco de que vai antes de decidir se o len ou non.
Audio
Consigue o mellor poemario. Un título suxestivo e unha portada atraente farán do teu proxecto o máis procurado da biblioteca.
Cando teñades todos o voso poemario farase unha exposición na biblioteca do centro para que o resto do alumnado poida coñecer a vosa obra.